A serpe misteriosa do Barbanza

Last updated on 28 / Decembro/ 2012


Fotos: Sole

A mediados do século XX, un labrego paseaba cabo do mar, no Barbanza, e atopou unha peza fascinante e única que gardou na súa casa. E despois del custodiárona e gardárona outras dúas xeracións ata o presente. Hoxe vese fóra dese marco familiar por primeira vez en Capítulo Cero.

Din que as xoias teñen vida propia: moitas das grandes pezas hoxe conservadas nas coleccións dos grandes museos europeos levaron vidas azarosas e de aventura, de lugar en lugar e de dono en dono. A peza que hoxe presentamos é enigmática, fermosa e chamativa. A súa vida nas últimas décadas foi repousada. Sabemos que saiu da casa para ser “restaurada” por un xoieiro, pero non sabemos o alcance total da restauración. Claramente, a peza foi limpada, pero ao mellor tamén sufriu outro tipo de intervención, como logo veremos.

A peza apareceu na costa do Barbanza sur -ría de Arousa, nun espazo de interese arqueolóxico (temos a ubicación exacta do achado, pero non a facemos pública). É un brazalete, posiblemente de bronce, moi pequeno -ten 7 centímetros de diámetro. Os bordes están rematados con dous engarces que constitúen a parte máis notable da xoia. Son dúas cabezas de serpe que, ademáis, teñen unha decoración a base de círculos concéntricos. Os remates están ocos por dentro e os engarces pechan e unen estas cabezas de serpe co fío.

Agora ben, unha vez que vemos a peza, a cuestión é ¿a que cronoloxía pertence? Antes de publicar este post, podo dicir que algúns dos principais expertos en metalurxia e orfebrería prehistórica de Galicia viron as fotografías desta peza. Todos expresaron a súa cautela sen velo en directo, como é evidente, pero ademáis, e isto é o sorprendente, cada quen propuxo unha cronoloxía distinta. Por respecto a todos eles, que non tiveron a oportunidade de ver a peza ao vivo, non vou poñer por escrito a súa opinión concreta de cada un sobre a pulseira, pero si farei unha reflexión xeral a partir das súas achegas.

O primeiro, é que a peza é tremendamente singular no contexto de Galicia. De feito, non hai ningunha peza similar, desta calidade, e nesta aposta polo naturalismo dos ofidios, no noroeste peninsular. Así que, se non hai nada exactamente igual, que cronoloxía pode ter? Idade do Ferro?

É unha hipótese moi suxestiva, aínda que un pouco difícil. Se lembrades a ourivería da Idade do Ferro en Galicia, eses magníficos torques ou diademas parecen concentrar a máxima expresión artística. Os aneis ou brazaletes son bastante discretos, e os brazaletes non moi abundantes, malia figurar como pezas de luxo destacadas mesmo na estatuaria dos guerreiros galaicos. Un bo repaso polos brazaletes documentados na arqueoloxía galega ata época romana está no artigo Estudo de materiais procedentes do castro de Viladafonso (Olives, A Estrada, Pontevedra), de Beatriz Pereiras, Xosé Lois Ladra e Nuria Calo (ver pdf), publicado en A Estrada. Miscelanea histórica e cultural. Son estes brazaletes todos bastante máis discretos, menos preocupados pola decoración. Pero na Idade do Ferro, as serpes están presente no imaxinario destas xoias. Velaquí van dúas mostras.

A lúnula lusitana do tesouro do Chão das Lamas. Esta marabilla atopouse preto de Coimbra e está hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional, en Madrid.

Outro interesante paralelo é este brazalete galo con cabezas de serpes (Mandeure, Doubs). Ambas as dúas, a lusitana e a gala, teñen cronoloxías claras da II Idade do Ferro (III-II a.C.).

Sen embargo, en época romana as mulleres patricias empregarán os brazaletes con cabezas de serpe dunha forma máis xeral. No Museo Provincial de Lugo hai algún anaco de brazalete tamén con remates en forma de serpe, pero bastantes máis toscas. A decoración e a feitura desta peza barbanzónica segue a ser notablemente singular. Unha das hipóteses era que estiveramos ante unha fermosa peza de transición entre épocas, do século I a.C. ou I d.C., no que estiveramos a ver, expresamente nesta peza, os novos gustos entrantes con Roma na ría de Arousa, que se imbrican co antigo culto ás serpes, co universo máxico e simbólico expresado por estas ao longo da Idade do Ferro e que tamén se aprecia neses fermosos círculos que esmaltan a pel do oficio, eses motivos que proceden dun antiquísimo universo estético. Será desta época, será un magnífico produto da fusión cultural galaicorromana?

Tampouco está de todo claro. Porque hai algo certamente escamante na peza, e é este engarce:


Ademáis do engarce, o remate dereito parece ter unhas incisións no interior que non puidemos verificar.

Este tipo de engarce, ao que eu sei e me comentaron os especialistas, é descoñecido para contextos arqueolóxicos prehistóricos ou romanos en Galicia. Había outras técnicas para unir partes das xoias entre si. E, con independencia da abundancia ou non dos motivos, isto é raro de vez. É máis, a min, persoalmente, paréceme relativamente moderno. A pregunta é: será orixinal da peza ou será produto da restauración do xoieiro? Ao mesmo tempo, o baleirado polo interior das cabezas é sumamente estraño. Algún especialista tamén ten suxerido unha posible ascendencia/procedencia xermánica do brazalete. O contexto mariño no que foi atopada a peza podería suxerir tamén a hipótese de comercio marítimo.

A conclusión, por agora, é que non é posible determinar a cronoloxía desta magnífica peza. Sen embargo, é fermoso o imbricada que esta peza está nunha tradición mítica de Galicia: a serpe, a mítica serpe que xa compendiaran Cuevillas e Bouza Brey, a serpe que mudou de mito a lenda nos castros, e por riba, unha serpe que se decora cos círculos concéntricos que acompañan a plástica do noroeste desde a época dos petróglifos ata as estelas galaicorromanas, testemuña da marcha dos defuntos. Coma os motivos que a decoran, o brazalete parece atravesar, sen medo, moitos tempos distintos.

Quero agradecer o seu consello e o seu tempo na análise desta peza aos doutores Xosé Lois Armada, Raquel Casal, Alfredo González Ruibal e Lois Ladra. Tamén, por suposto, á familia propietaria que amablemente nos permitiu a obtención das fotografías e a Carlos.

13 Comments

  1. manuel bs
    26 / Decembro/ 2012

    é curioso que cada experto diga unha cousa diferente,e curioso que os expertos ao falar de galaico-romano só ata o seculo I ,se fose xermano querendo dicir máis recente,como se non quedasen galaicos e romanos,(descendentes),ou que sexa diferente a todo o achado,pero se a meirande parte de restos arqueoloxicos esta sen escabar,e seguro que algún sen encontrar,falas do brazalete galo,disque viñeron britóns escapando anglo-saxóns pra galicia(pareca ser que aparece en manusctitos,obispo maeloc,bretoña),pero parece ser galaico,se de min dependese,que date do século X d.c. e o encontran nunha ruina dunha aldea medieval,espero que sexa así.

  2. OPT
    27 / Decembro/ 2012

    O impresionante torques de Xanceda tamén ten circulos concentricos.

  3. Nemigo
    27 / Decembro/ 2012

    se a cabeza da serpe e o aro da pulseira son da mesma época é doado de saber. Unha análise metalográfica confirmará se son da mesma aleación e polo tanto contemporáneas

  4. Breoghain
    27 / Decembro/ 2012

    Nesta ligação podes olhar um brazalete vikingo do mar Báltico (pelo mar da Arousa entraram os vikongos):
    http://www.timelineauctions.com/lot/silver-baltic-snake-bracelet/6225/

    Brazalete celta achado en Sufolk muito semelhante ao galego: http://www.primaverauk.com/antiquities/celtic/a145-celtic-bracelet-with-snake-head-terminals

    Outro celta: http://www2.antiquesnavigator.com/ebay/images/2011/320776886412.jpg

    Nesta outra umm grego: http://www.thehonourablecompany.com/ancient-bracelets/greek-silver-snake-bracelet.html

    etc

  5. 27 / Decembro/ 2012

    Breoghain, fíxese que o galego é o máis refinado de todos eses. ;-) Agora en serio, vin unha chea de brazaletes de cabeza de serpe de varias épocas, e en especial de época romana, e este ten bastantes diferencias con eles, sobre todo na diferenciación clara entre remates e no aro. O que destaca do galego é, ao meu ver, o “naturalismo” da representación animal.

    Pasáronme esta noite un collage de fotos de brazaletes romanos con cabeza de serpe. Se me autorizan, publícoos e amósovolos.

    Nemigo, teñen toda a pinta de ser a mesma época as cabezas e o aro (non son, nin moito menos, un experto metalográfico). Pero habería que ver se iso, se o xoieiro non operou con eses remates para fixalos ao aro a través deses remaches. Parece raro, pero…

  6. 27 / Decembro/ 2012

    a origem do braçalete do castro de olives, na estrada, que citades na entrada, diz muito do estado do nosso património e do interesse que até agora pugérom nele as instituiçons: foi encontrado pola pessoa que o conserva entre os cascalhos que deixou Extensom Agrária depois de furar os muros do castro para abrir um caminho da Concentraçom Parcelária.
    O torques (nós, ilusionadas, chamavamos-lhe assim até Beatriz Pereiras estudá-lo) estava à vista, uma vez passou a escavadora, mas ninguém reparou nele.
    Quando o nosso amigo o encontrou perguntou que fazer, e várias fomos as pessoas que opinamos o mesmo: “guarda-o ti, que há estar melhor atendido!” Bem triste chegar a dizer isso!

    Paisinho!!

  7. manuel bs
    27 / Decembro/ 2012

    home seguro que se llo levaron o xoieiro ,o xoieiro pensaria de areglalo tendo algo dañado,por outra banda se non concorda cos de outras épocas o máis seguro é que non sexa desas épocas,dixeches que o encontraran nun sitio que tiña que ver cun resto arqueoloxico,non podes dar a ubicación(por seguridade entendo)pero non dixeches nada de que época pode datar o resto arqueoloxico,por qué?eu supusen que non concorda nin ca idade do bronce,nin idade do cobre,do ferro,entón xa chegamos a idade media logo?

  8. MartinR
    27 / Decembro/ 2012

    Polo engarce, eu chegaria ainda mais lonxe…chamademe esaxerado pero parece feito do S.XIX en diante…
    Igual o engarce e manipulacion do xoieiro mencionado, pero as cabezas das serpes tamen me escaman de por si…

  9. karl
    27 / Decembro/ 2012

    Cando neno, lembro de ter atopado perto dunha necrópole medieval no Barbanza un obxecto de metal que nos chamara a atención e levamos para a casa dun de nós. Estaba totalmente enferruxada e visitando anos despois museos non descarto que puidera ser unha espada. Daquela xa lera, desde moi pequeno, libros de historia, pero non tiven a picardía de pensar que fose outra cousa (non pode ser, atopar un resto antigo aquí). Simplemente supuxen que era un obxecto agrario que quedou perdido. Non sei o que sería, pero tempo despois, e despois de terlle perdido a pista ao obxecto, Apareceu a noticia de que atoparan dúas dagas da época medieval na zona. O que é a ignorancia. Coidadiño co que se atopa no monte e non só cogumelos. Gracias polo post

  10. 27 / Decembro/ 2012

    MartinR, éche ben raro, por iso son tan cauto coa cronoloxía que non a defino. :-) Logo subo de todos os xeitos un fermosísimo collage de colares de serpe de cronoloxía romana (aínda que ningún “exactamente” coma este). Agora ben, a feitura das serpes a min si que me parece antiga. A peza é marabillosamente ambigua.

  11. 28 / Decembro/ 2012

    Aquí está o collage de brazaletes romanos con cabezas de serpe, de diferentes puntos do Imperio Romano, enviado por un amable lector. Podédelo ver en grande aquí:

    http://www.manuelgago.org/blog/wp-content/uploads/collage_serpes.jpg

    A miña sensación é ambigua: por unha banda, está claro que o concepto está aí. Por outra banda, fixádevos que, sen embargo, o brazalete do Barbanza é algo distinto. E, por certo, coincidiredes en que é unha das mellores pezas entre todas estas, cando menos a nivel estético (a nivel calidade do metal xa non o teño tan claro).

  12. 28 / Decembro/ 2012

    Enigmática xoia. Parabéns polo post.

  13. Elixio Vieites
    28 / Decembro/ 2012

    Podería ser de cobre?, polas súas propiedades contra a artrosis e cousas así. No lugar en que nacín o señor Benigno, un bo canteiro, levaba unha nos pulsos para previlo contra as dores do petar do cicel. O aro era moi parecido. Tíñalle uns adornos, pero non eran serpes. Só e un dato para que se sepa que se usaron ata fai pouco. O óxido que se absorvía pola pel, producido pola suor, segundo algunhas teorías era o suficiente para producir propiedades analxésicas. Lémbrome sempre de verlle a cor azul no pulso. Mira que se é máis moderna do que se pensa e pertenceu a algunha persoa que a levaba para estas labores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará