E comeredes sobre a miña tumba

En 18 de novembro de 1467 o Comendador da Orde do Santo Sepulcro de Xerusalén para o Reino de Galicia, Frei Xoán de Loureiro elabora o seu testamento. Faino no sobrado da adega nova que a orde ten en Pazos de Arenteiro, posiblemente hoxe a casa de turismo rural anexa á fermosa igrexa románica desta fermosísima aldea galega. Este testamento, inédito ata este último número dos Cuadernos de Estudios Gallegos, foi recuperado e transcrito por Isidro García Tato e Pablo Otero Piñeyro Maseda dentro da súa interesante investigación Asentamiento, desarrollo y ocaso de la Orden del Santo Sepulcro en Galicia. Un panorama general y un documento singular, que se pode consultar en pdf aquí.

O documento achéganos vizosos datos sobre o viño do Ribeiro no século XV. Hai un dato que me chamou especialmente a atención. O frade paga esencialmente as súas débedas con viño. No viño pon especial fincapé en distinguir os tres tipos de viño que elabora a orde. O branco, o “rosete” e o tinto. En volume, con diferencia, o branco é o viño que parece ser máis elaborado. Isto é unha certa contradición contra a crenza dos especialistas en que, no pasado, os galegos preferían os tintos aos brancos. Á hora de repartir ese viño, Xoán de Loureiro sabe distinguir os terruños. Distingue entre os brancos de Gomariz e o resto. Como me teño referido en varias ocasións, Gomariz é o núcleo máis relevante e prestixioso da produción de viño do Ribeiro. Velaí o frade escolle a quen lle dá branco de Gomariz e a quen lle dá outro tipo de viños.

Pero hai outro detalle marabilloso: un curioso costume funerario hoxe perdido e que revela un ritual de homenaxe fantástico. Velaquí vai a cita:

Iten alço et nonbro et presento? et faço voz et erdeyro […] | […]dades et arvores et beens endequer que os eu tenna et aja, de que […] Juan de Loureyro, meu | […] et seu yrmaanmente, et morrendo aun menor de ydade conprida ou sen aver fillos ou fillas […] dos beens a o que ficar vivo, et morrendo | […] asy enton? digo que se tornen os ditos beens a minnas yrmaas, et ellas […] mando […] os ditos meus yrmaaos que dia cada hun | […] para senpre ir? por dia de Todos los Santos a comer sobre mia sepultura […] de vaca con seu pan et con seu vinno, et que […] | […] tanto por lo semellante en Gomariz sobre meu padre et mina avoa cada hu.

É dicir, Xoán de Loureiro obriga aos seus herdeiros a honraren a súa memoria e a dos seus antepasados, comendo o día de Todos os Santos sobre o seu sepulcro. Aínda que o documento ten lagoas porque está en bastante mal estado, chega a especificar que é o que debe ser comido sobre a súa tumba. A referencia á vaca é determinante: trátase dun xantar de luxo que, en si mesmo, honra ao defunto. Tede en conta que os nosos devanceiros só vían a carne en días ben contados. Non deixa de ser curiosa tamén a referencia ao seu pai e á súa avoa.

Os banquetes funerarios foron relativamente habituais en Galicia ata o século XVII. Lembro ler algunha das visitas que o Visitador Arcebispal facía á parroquia de Palmeira, no que prohibe taxantemente os festorros que no día de todos os Santos se organizaban no interior da igrexa, nos que, como era obvio, a xente botaba man do altar para servir as viandas que honraban aos seus devanceiros.

3 Comments

  1. Isaac
    28 / Decembro/ 2012

    Non no cemeterio, pero teño comido na casa dalgún familiar o mesmo día do enterro dun dos membros, e a comida recordo coma de festa.
    Unha das cousas que non daba entendido eran os chistes e bromas nos velatorios. Falo de non máis de 35 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará