A fermosura do románico da Ribeira Sacra, nun novo calendario do Sorriso de Daniel


Catedral de Ourense. Fotos: Sole Felloza


Catedral de Ourense


A chuvia en Xunqueira de Espadañedo

Se en 2010 foron as igrexas medievais da Ulloa as protagonistas do calendario do Sorriso de Daniel, este ano a asociación encargou a Sole Felloza retratar a banda sur, a ourensana, da Ribeira Sacra. Unha marabilla de igrexas rurais, mosteiros e capelas deitadas sobre as verdes, boscosas e maxestuosas abas que caen cara os ríos Sil e Miño. Entre as fotos, para min destacan as que puideron ser tomadas no interior do mosteiro en ruínas de San Paio de Abeleda.


Capitel en San Paio de Abeleda

A antiga igrexa de San Paio, co teito caído, creando un dramático entullo de trabes de castiñeiro, anacos de confesionarios, ten por teito unha lexión de silvas. Alí, no interior, no alto de columnas, rodeadas de curuxas e morcegos, sobreviven incriblemente estes capiteis policromados, dos poucos que quedan na arte románica galega. Malia levaren décadas expostos aos elementos, os capiteis aínda manteñen unha extraordinaria viveza: deberon ser repintados no XVIII, pero nos achegan á visión do románico que deberon apreciar os nosos devanceiros, nas penumbras frías dos templos. O acceso na actualidade está prohibido ante o inminente (e vergoñento) perigo de derrubo.

Quero destacar dúas que me gustaron especialmente. Unha é esta: unha visión insólita do pórtico interior da igrexa de Sobrado de Trives:

E que é unha marabillosa e privilexiada disección á estrutura da fachada dun templo romano, dos volúmenes, da ubicación das pezas, dos orixinais teitos de madeira…Sobrado de Trives tamén preserva a súa policromia e vela deitada desde o chan é entender de xeito moi preciso a estrutura dunha obra de arte!

A segunda é esta:

Este combate entre a serea e o león está na moi descoñecida igrexa de Chandrexa, en Parada de Sil. Non é difícil ficar intrigado ante esta tan fermosa como misteriosa escena. Ao obter unha imaxe panorámica de todo o capitel -esta nova funcionalidade do iPhone 5 é ben interesante para estas cousas- podemos ver a escena completa:

O león morde á serea na súa cola, pero a serea agarra a unha serpe que se enrosca e parece pelexar. Máis alá, podemos observar a unha harpía e por riba dela, un becerro. A estraña combinación é estraña, pero se un o pensa un pouco non o é tanto. O tempo oculta a mensaxe inicial -se cadra moi clara para os parroquianos de Chandrexa no século XII- e dános unicamente unha mensaxe e un pracer estético. Sen embargo, o sentido do capitel é moi duro: o león é a alegoría de Cristo, que vence ao pecado da luxuria, representado pola serea, á tentación, representada pola serpe, aos falsos deuses, representados polo becerro de ouro do Antigo Testamento (como sería a mitoloxía popular da época en Galicia?) e polo mal en xeral, representado pola harpía. Trala marabillosa imaxinación medieval, está unha mensaxe moi real do credo católico.

A semana que vén O Sorriso de Daniel publicará a relación de librerías nas que se poderá adquirir o calendario.

5 Comments

  1. 14 / Decembro/ 2012

    Gosto moitísimo da perspectiva esta tan curiosa da igrexa de Trives.
    Parabéns. Á espera de saber onde se pode mercar.

  2. Elixio Vieites
    15 / Decembro/ 2012

    O románico,case sempre oscuro e monocromo, tornouse luminoso con estas fotos de Sole. Unha marabilla feita en pedra. Bo traballo

  3. isaac
    18 / Decembro/ 2012

    Postos a destacar, como foto, sen ningunha dúbida “A chuvia en Xunqueira”.

  4. 19 / Decembro/ 2012

    A min a da chuvia tamén impáctame moito, Isaac.

  5. 28 / Decembro/ 2012

    Admiro e envexo as fotos de Sole. Magnífico disparo dende o chan!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará