Quen gaña os Premios Nobel?

Este magnífico gráfico do estudo italiano Accurat e a súa directora, Giorgia Lupi, representa visualmente a procedencia académica de todos os premios Nobel desde 1901. É parte dunha serie de traballos infográficos para La Lettura, o suplemento cultural de Il Corriere della Sera. Aquí se pode ver en grande e explorar.

Para min o gráfico ten dous niveis de lectura: un ten que ver coa mestría do seu desenvolvemento, e o trasfondo teórico sobre o xornalismo visual que se pode observar: “Info-spatial journalism is not data-visualization in the pure sense. We are not just providing insight into numbers but into social issues or other qualitative aspects as well”, para o que recomendo este magnífico artigo de Lupi (pdf).

A segunda lectura ten que ver coa concentración de universidades do ámbito anglosaxón e norteamericano que acaparan boa parte dos Nóbeles das ciencias puras. Agás o Nóbel de Literatura, que sabemos que está -aparentemente- moi distribuído, a ciencia parece ser unicamente cousa de dous países. Con independencia de que, como é obvio, a tradición e o investimento en investigación científica do Reino Unido e os Estados Unidos é innegable, non podo deixar de preguntarme en que medida tamén esta inercia moldea a evolución da propia ciencia. É tan decisiva a achega da ciencia desde o punto de vista anglosaxón? Moldea esta visión do éxito o propio desenvolvemento da ciencia e das súas liñas de investigación? Sería posible ter unha visión máis plural dos Nobel de ciencias naturais e físicas?

One Comment

  1. 5 / Decembro/ 2012

    Evidentemente, é chamativo o desequilibrio entre, por exemplo, os premios nobel de física soviéticos e os norteamericanos. É máis, unha parte significativa deles gañaron o nobel despois da disolución da URSS, e supoño que non se pode negar a calidade da ciencia soviética daquela. Neste caso o telón de aceiro contribuíu a aillar unha boa parte da ciencia mundial do trinque dos nobel. Tamén hai moito de política nos nobel rusos de literatura, concedidos a exilados e disidentes. Noutros casos, penso que se dá un problema de accesibilidade. É curioso que haxa máis premios nobel de literatura italianos que españois, seguramente porque as súas obras son máis traducidas, mentres que as españolas viven comodamente instaladas no amplo mercado da súa lingua, pero inaccesible ao público francés ou anglosaxón. Tamén influirá o sistema competencial da universidade americana, que mide o seu prestixio en premios nobel en plantilla. Seguro que nos xuris as universidades americanas son un lobby de presión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará