A historia do Universo en cinco minutos

Neste vídeo Carl Sagan conta a historia do Universo ata o home actual en cinco minutos. O vídeo é unha marabilla de síntese e de divulgación científica, aínda que ten un pecadiño venial ao meu ver: fai considerar que o ser humano parece ser o destino de todo o universo, que a dirección dos átomos, astros e estrelas vai encamiñado á creación do ser humano, ser prodixioso que parece sintetizar o Universo. Por suposto, Sagan cautiva a nosa atención con esa mensaxe aparentemente finalista que practicamente encaixaría, simplemente cun par de palabriñas cambiadas, no catecismo cristián.

A realidade é máis dura para uns pero máis fermosa para min. Todo o universo, toda a materia, se expresa a si mesma: a combinatoria e as leis naturais (ese concepto humano co cal tentamos entender as dinámicas físicas) levaron a nós, pero tamén ao caracol, o fento e o carballo. Eles expresan igual que nós este universo, conteñen en si mesmos os códigos da nosa orixe compartida, a penas separada pola aleatoriedade. Sagan crea a ilusión do sentido único como un galano tranquilizador para a súa audiencia. Se eu o tivera feito, se cadra a metáfora non rematara co home, senón cunhas follas de carballo levadas polo vento frío e húmido do outono occidental.

(vía Xurxo Mariño)

7 Comments

  1. isaac newton
    25 / Novembro/ 2012

    Quédome coa Royal Society of London

  2. 25 / Novembro/ 2012

    ???

  3. 25 / Novembro/ 2012

    “Cosmos” foi unha serie que marcou fondamente a miña infancia. Comparto o do pecadiño venial, Sr. Gago, pero a cousa ten o seu fundamento: o argumento finalista dalle pé para o inicio do seguinte cadro-secuencia: somos quén de volver os ollos atrás e preguntarnos de onde vimos. No fondo, toda esta secuencia emprega o mesmo fío do Xénese (a creación dende a luz, os astros, a terra e as augas, e as formas de vida dende as máis simples ás máis complexas), pero aplicando como motor da creación as leis da física e da química. Nunha sociedade como a americana, e mesmo nunha sociedade como a española en 1980, o discurso era un sopro de ar fresco.

  4. 25 / Novembro/ 2012

    Claro, non lle nego iso, creo que efectivamente, o “truco amable” está aí, e é con ganchos coma estes obtense a atención da audiencia. Pero o seguinte paso, para min, sería conseguir superar esa visión androcéntrica ou evolucionista do Universo.

  5. 25 / Novembro/ 2012

    De feito, non volvín a disfrutar cun documental tanto como aínda hoxe disfruto mirando “Cosmos”. Sagan cambiaba moi habilmente de rexistro: unha explicación aparentemente prosaica viraba de súpeto a evocacións absolutamente poéticas. O ritmo interrumpíase con pausas onde podías deixar a mente a remoer no que acababas de escoitar, voando coa música. E logo estaba ese respecto polo pasado, ese recoñecemento de que se chegamos tan alto é porque camiñamos sobre ombros de xigantes, e esa idea transversal que tiñan moitos capítulos de defensa da liberdade do pensamento. Tristemente hoxe hai demasiados documentais feitos sen rigor, cun guión plano e cunha linguaxe tan corrompida que ás veces parece que insultan ao espectador.

  6. 25 / Novembro/ 2012

    E aínda debo matizar as miñas palabras de antes. :D

    É posible que o Home non poida ter unha visión androcéntrica do Universo? Pode non tela relixiosa, claro, pero obviamente sempre estará unha ollada que o interprete desde as preguntas que se fai a nosa especie.

    Cosmos é unha marabilla de divulgación, efectivamente. Como sería, coas tecnoloxías de visualización e realidade virtual actual, un Cosmos de Carl Sagan? Impresionante.

  7. xos
    27 / Novembro/ 2012

    ¿Androcéntrica unha exposición de Carl Sagan? Ben, está falando nese video do noso nacemento, por forza ten que ser androcéntrico neste caso, pero…
    ¿é que non coñecedes estas fermosas e famosas palabras?

    http://www.youtube.com/watch?v=xYmDyHC4Oc0
    http://www.fogonazos.es/search?q=PUNTO+AZUL+P%C3%81LIDO

    Mágoa que non viva agora, que xa levamos descubertos máis de 300 planetas fóra do sistema solar, queda pouco xa, (relativamente), para atopar planetas semellantes (relativamente tamén á Terra). Afortunadamente, viviu o suficiente para ver confirmada a existencia do primeiro exoplaneta descuberto

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará