Estómago: non é outra película gastronómica máis


Fotograma de Estómago (2007)

Con demasiada frecuencia, ultimamente as películas de base gastronómica tenden a ser familiares, evocadoras, confortables e cómodas. Correctas politicamente, buscan espectadores no crecente público que está a descubrir a gastronomía como un tema interesante máis alá dos minutos que lle dedicamos a alimentarnos. Sen embargo, a italo-brasileira Estómago (2007), do director Marcos Jorge, introdúcenos nun mundo moito máis estremo. A película vai percorrendo dous momentos distintos da vida do protagonista, un rapaz de provincias con dotes para a cociña. Nunha das tramas, obsérvase a súa historia de amor, na que pasa dun tugurio de fritangas a un restaurante fino de inspiración italiana que garda unha botella de Sassicaia na súa adega. Maleantes, prostitutas mestúranse con comerciantes e hosteleiros sen moitos escrúpulos. Da outra, cóntasenos a vida do protagonista nunha masificada cadea brasileira, e da súa supervivencia e mellora carcelaria a partir das súas dotes culinarias. Humorística, crúa e tremendamente irónica, Estómago é unha película para aqueles que buscan unha gastronomía que non é só unha continua louvanza da arte de vivir, e que se vive alén dos viñedos toscanos. E sen deixar de ser tremendamente divertida, por certo.

One Comment

  1. 16 / Novembro/ 2012

    Esta peli é das mellores brasileiras que vin. O João Miguel, xenial como sempre, un habitual no cinema de temática “nordestina”.

    O gorgonzola xa nunca me vai saber igual…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará