A ominosa historia da Ínsua de Cora

Last updated on 21 / Novembro/ 2012


Localización da Fortaleza da Ínsua de Cora

As comarcas da Ulloa e da Ulla son interesantísimas para coñecer a diversidade e complexidade dos procesos de fortificación ao longo da Idade Media galega. Unha das localizacións menos coñecidas pero máis fascinantes da Ulla é sen dúbida a Fortaleza da Ínsua de Cora. Representa algo moi pouco habitual en Galicia, a creación dunha illa artificial para a ubicación dunha fortaleza dun tamaño medio para os estándares galegos.


Foxo exterior da Ínsua de Cora.

Ubicada na marxe pontevedresa do río Ulla, o castelo da Ínsua de Cora, coñecido popularmente en Cora (A Estrada) como Torre dos Mouros (nada que ver coa de Carnota) ocupa uns 200 metros de ribeira. Os seus construtores fixeron unha masiva obra de enxeñaría para construír un lugar fortificado e inexpugnable ao carón do río. Conseguírono mediante a escavación dun profundo foxo do que é difícil especular nas súas dimensións, pero creo que era moi grande a xulgar polo que se pode ver aínda hoxendía, nun estado de abandono total. O foxo secou nalgunhas partes, pero noutro pódese ver a súa finalidade orixinal: crear unha impresionante canle de auga corrente de máis de 130 metros de longo alimentada na súa circulación polo río Ulla.


Foxo exterior inundado no sector NO


Foxo interior que divide o recinto baixo da mota

Sospeito que o sistema era aínda máis complexo. Hoxe a fortaleza está chea de vexetación e os vestixios non son doados de ver, pero é moi posible que esta defensa acuática se complementara e mesmo percorrera o interior da fortificación. Como outras fortalezas do contorno inmediato, como a Torre da Barreira, a Ínsua de Cora componse de dous recintos ubicados a diferentes alturas. Xa que logo, hai un foxo interior, máis colmatado, que protexe unha mota na que estaría ubicada a Torre dos Mouros. A xeito hipotético, é posible que este mesmo foxo tamén estivera percorrido de auga.

A construción da illa baséase, esencialmente, na edificación do foxo que separa esta lingua de terra, pero só a partir da investigación arqueolóxica se podería saber se os construtores incrementaron a superficie a partir da carga de terra e pedra ou se unicamente se procedeu a crear a “ínsua” a partir do foxo. A altura da mota, como podedes apreciar no LIDAR de abaixo, e a súa prominencia dentro do río suxire que si houbo procesos construtivos e de ampliación da superficie.


Visión LIDAR da fortaleza

A fortaleza non ten visibilidade. Coma outras da área, está no cú dun espazo. A súa vontade é claramente esta: o río Ulla e o seu control. Sabemos que non hai pontes aquí, pero é posible que na Idade Media este fora un paso relevante e de control estratéxico.

E agora vén o interesante. Que raio de cronoloxía ten este lugar? Todo o que se ve son espectaculares traballos en terra e algo de cachote nun estremo. Estou convencido de que un arqueólogo escocés ou irlandés suxeriría un nome para este tipo de fortaleza: un crannog. As illas artificiais dos lagos e ríos desa área, fortificadas na súa maior parte entre os séculos VI e VII. Aparentemente, este lugar non ten nada que ver cos castelos medievais galegos.

Aparentemente. Pero a Ínsua de Cora ensínanos a prudencia coa que hai que andar para datar correctamente estas incontables fortificacións galegas que ‘non parecen castelos feudais’.

En realidade, a primeira resposta non está no castelo, senón nas súas inmediacións. Hai unhas grandes e fértiles leiras de millo aquí. Ao pasear por elas, aparece a sorpresa. Están estradas de fragmentos moi meteorizados de tella, pero tamén de cerámica. Estou convencido de que xeracións de labregos furaron na Torre dos Mouros, e que ducias de nenos crebaron os potes de cerámica do lugar. A cerámica, estrada por todas partes, é unha cerámica fina. Non é castrexa. Pero aparecen algúns fragmentos máis interesantes, vidrados e corados. Un momento. Ao mellor a nosa antiga fortaleza é máis nova do que parece!

En realidade si. Sabemos da Ínsua de Cora as súas vicisitudes na época baixomedieval. Sabemos que foi un lugar ominoso, e tamén que foi un lugar case inexpugnable no que se viviu unha batalla sen cuartel. E tráenos un intrigante relato da Idade Media galega.

A historia final da Ínsua está moi ben contada por Henrique Neira e o finado de Andrés Tarrío no seguinte artigo (pdf) da excelente revista A Estrada. Miscelánea Histórica e Cultural. A documentación, que aparece desde finais do XIV ata a súa destrución polas Irmandades, reflicte que era propiedade dos Arcebispos de Santiago, coma o resto do seu sistema defensivo no Ulla, curiosamente colocado ao sur do río, do que a Torre da Barreira era posiblemente o maior expoñente. Pero a Ínsua sempre estivo en mans de nobles que xuraban homenaxe ao Arcebispo e custodiaban por el a fortaleza. Isto deu lugar aos típicos conflitos medievais.

En 1403 deuse un destes. O arcebispo quería que os tenentes da fortaleza lle fixeran vasallaxe e eles negáronse. Decidiu facer unha mostra de poder e achégase co seu séquito ata Mallos, na ribeira de enfronte, para facerse ver diante da illa. Os nobres non se arredran, e atención a isto: desde a fortaleza atacan ao arcebispo “con tronos et con bonbardos et con uiratones”. Isto é máis que interesante. Non fun quen de saber cando se xeneralizou o emprego da pólvora como artefacto militar en Galicia (na Península fai a súa aparición a mediados do XIII na zona musulmana), pero a finais do XIV está tan estendida como para chegar a ser usada nesta fortaleza nunha data moi temprana. O auténtico introdutor posterior da pólvora será Pedro Madruga, máis de sesenta anos despois, quen se despachará cos Irmandiños con ela e novos sistemas de armas. Aquí, neste lugar, deuse un dos primeiros usos bélicos documentados en Galicia do terrible invento.


A zona do río onde posiblemente se torturaba aos labregos

Pero a Ínsua de Cora, cara o final do seu tempo, foi un lugar ominoso. No preito Tabera Fonseca hai varias referencias aos secuestrados: labradores e vasalos atrapados nas cadeas desta fortaleza na procura de que vendesen as súas terras a un tipo bastante lamentable, Suero Gómez de Soutomaior. O Suero tiña, falan as crónicas, un “negro” torturador. Ataban polo peito aos labradores e botábanos ao río. O pavor para estes homes, que non debían saber nadar, tirados na parte oeste da fortaleza, onde o río colle forza, debía ser tremendo. A presenza dese “negro” é un interesante elemento para coñecer o mercenariado en Galicia a finais do século XV e a existencia de soldados de fortuna repartidos polo país.

Os irmandiños atacaron o lugar. Pero atención, aquí hai outro dato interesante. A Ínsua tardou tres semanas de asedio en caer. O campo de millo que agora vedes na primeira foto, cabo do foxo, estivo no seu momento cheo de irmandiños que tentaron derrocar unha fortificación que se convertira nun símbolo do baixo que caera a nobreza galega a mediados do século XV. Así que é posible que o que hoxe é unicamente un foxo colmatado e colapsado, no seu tempo fora unha canle inundada polas correntes da Ulla, capaz de deter o avance dun pequeno exército irmandiño que botara abaixo en poucos días fortalezas en teoría con mellores condicións defensivas. Iso fai pensar na efectividade de empregar ao río, artificialmente, como a mellor defensa.

No pobo quedou o seu poder maléfico. O seguinte que podedes ver é unha xoia. O escritor Barcia Caballero escribiu no século XIX, en El Heraldo Gallego de Lamas Carvajal, un relato romántico ao redor da Ínsua de Cora, moi ao gusto da época. Barcia recolle nel algúns relatos que nos chegaron ata hoxe, incorpora unha descrición sobre as ruínas que no seu momento houbo e que se cadra el chegou a ver e dá un dato interesante: esta Torre dos Mouros era o lugar de encontro das bruxas da comarca. Coma outros castelos especialmente recordados pola crueldade dos seus últimos amos, verbo o de Outes, convértense na tradición popular en lugares máis diabólicos e escuros que outros.

Hoxendía é un magnífico exemplo da diversidade do noso patrimonio arqueolóxico. Os numerosos fragmentos cerámicos confirman o que falan as fontes: o século XIV ou XV. Pero a xulgar polas especiais características das fortificacións da área, e pola curiosa solución defensiva da Ínsua de Cora, non descartaría que, ao final, as súas raíces estivesen nun mundo moi anterior. Que, no fondo, fose un vello e único crannog galego afundido no tempo.

Aquí podes descargar o relato de Barcia Caballero en El Heraldo Gallego (pdf). O número completo pódese consultar íntegro na Galiciana.

10 Comments

  1. Elixio Vieites
    14 / Novembro/ 2012

    Pois agora que miro a visión LIDAR desta fortaleza venme a memoria o Castelo de Olveiroa, pola súa similitude e estrutura, en referencia ao río que ten pola banda este e que debería servir tamén de foso ou canle de auga que debeu existir cando o castelo ,ou o que fora, estaba na súa plenitude.

    http://visorgis.cmati.xunta.es/cdix/descargas/pdfs/PENDENTES/Pendentes_0093A-0402.pdf

    A ficha en Patrimoniogalego.net:
    http://patrimoniogalego.net/index.php/24744/2012/08/castelo-de-olveiroa/

    Sobre o Castelo de Outes:

    http://patrimoniogalego.net/index.php/14967/2012/03/castelo-de-outes/

  2. 14 / Novembro/ 2012

    Si, Olveiroa é un exemplo moi interesante, que ademáis aproveita tamén a desembocadura doutro río e que parece. Eu estiven nel, e parece un castro, pero non puiden chegar ata esa zona superior que, se cadra, foi reaproveitada como castelo. Boa parte do xacemento está directamente impenetrable. Ou sexa, a miña aposta é unha configuración bastante distinta a esta: Idade do Ferro clara, coas súas plataformas e parapeto, e ao mellor un aproveitamento medieval na zona superior. A zona de Olveiroa está inzada de fortificacións altomedievais ou tardoantigas.

    Sen embargo, polo que eu vin aí, creo que non era factible a existencia dun foxo con auga do río. Non se ven trazas del pero, ademáis,o terreo ao redor do xacemento é máis irregular. Só se podería determinar cun estudo en profundidade.

    O que non entendo é por que inclúes unha ligazón do castelo de Outes. Que te suxire aquí?

  3. Elixio Vieites
    14 / Novembro/ 2012

    Pois como falas no post:
    “Coma outros castelos especialmente recordados pola crueldade dos seus últimos amos, verbo o de Outes, convértense na tradición popular en lugares máis diabólicos e escuros que outros”.
    Parece ser que García Martínez de Barbeira (dono Castelo, refixo a fortaleza despois do primeiro derrube por parte da Irmandade) non era unha dama caridade , que digamos. Tamén tería señoreado o seu e feito das súas.

  4. 14 / Novembro/ 2012

    Aaahh! Claro, claro. Estaba pensando na morfoloxía.

    Certamente, o demo ese estilo castelo escocés é grandísimo.

  5. isaac
    15 / Novembro/ 2012

    O artigo de Barcia Caballero é curioso e interesante. “Galiciana” da erro.

  6. Andregoto Galíndez
    18 / Novembro/ 2012

    Galicia está plagada de Ínsuas que en mi opinión no siempre son islas sino los edificios denominados en latín insulae, equivalentes a domus o villae, aunque no se sabe muy bien qué era lo que las distinguía de estas. Tal vez fuesen parecidas a estas torres o fortificaciones.

  7. Andregoto Galíndez
    18 / Novembro/ 2012

    Algunos ejemplos del CODOLGA que se entienden mejor si contamos con insula = edificio:
    insulam uocitatam Oneste = torres de Oeste (Catoira)
    in villa que dicitur Insula
    ad insulam Clausam (chousa, cercada)
    uillas et insulas

  8. 18 / Novembro/ 2012

    En dous dos tres exemplos que comentas, tanto o de Cora coma o de Oeste, Ínsua quere dicir, basicamente, “ínsua”, é dicir, illa. No caso de Cora é artificial e no caso de Oeste non está tan claro, pero a xente de época medieval víaa como unha illa cabo do río. Descoñezo onde se atopa o terceiro exemplo.

  9. Andregoto G.
    20 / Novembro/ 2012

    No es que tenga que ver mucho con la temática de tus artículos, pero es que ya he visto que aparecen dos ínsulas en ellos, y me preguntaba si serían ínsulas (en el sentido de asentamientos) en islas. También las hay en seco, como la que está al lado del campamento romano de Cidadela, donde apareció la Minerva de Ínsua (artículo de García Bellido sobre las esculturas romanas de Galicia).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará