O Novo Peteiro: a suculencia da cociña tradicional


Rabo de touro guisado con patacas e fabas. Foto: Sole

Quen vaia de Compostela a Padrón, ao pasar o Milladoiro, pouco despois do Gadis e a rotonda, terase fixado á dereita nuns carteis que buscan activar as papilas gustativas do condutor, anunciando a especialidade do día e os días que se prepara o polbo. Trátase do mesón Novo Peteiro, un referente das comidas populares na contorna de Compostela. O Novo Peteiro é un destes establecementos de “calendario”. Hai que ir cando o marca o regulamento e se ofrecen os pratos especiais do día. Os martes, cocido. Os xoves, callos, uns callos excelentes case en formato ‘tarifa plana’. E os sábados, este prato que de seu merece un post. Rabo de touro guisado con fabas. Cociñado lentamente, coa súa cenoura cortada en toros grosos, chícharos, unhas excelentes patacas e acompañado dunha cunquiña de boas fabas tamén estofadas. Non fai falta máis para un xantar feliz, pero os postres caseiros son tamén dignos de mención. Proben a pedir un variado.

A cociñeira Dominga Rodríguez aplica no Novo Peteiro a medida de abundancia que se lle piden ás terras montañosas de Dumbría das que é orixinaria, acompañada da súa socia Mari Luz Piñeiro, tamén cociñeira. Administra a súa cociña tradicional con sabiduría, paciencia e xenerosidade; o servizo, moi atento, tamén dá unha sensación moi familiar a esta casa de comidas. Porque a cociña de estrada non ten porque ser miserable nin aburrida.

A ración de rabo de touro guisado está nos 11 ou 12 euros. Se París ben vale unha misa, un rabo de touro ben vale un Milladoiro.

4 Comments

  1. Manuel
    11 / Novembro/ 2012

    Mira que teño pasado por diante desta casa.. e sempre me chamou a atención o menú, pouco habitual. Tal e como descrebes o prato dan gañas de comer a pantalla.

  2. 11 / Novembro/ 2012

    A min pasoume o mesmo durante moitísimos anos, ata que un día, atraídos polo magnífico eslogan publicitario “CALLOS”, decidimos parar e probar.

  3. Gerardo
    17 / Maio/ 2013

    Hoxe, despois de ler os vosos comentarios acerqueime a este restaurante, eramos dous comensais, pedimos de 1º plato chipiróns e puxéronnos uns calamares os cales se lles olvidou escorrelos do aceite, non é o mesmo chipiron que calamar, para empezar. De 2º pedimos churrasco de porco o cal era normaliño tirando a malo con unhas patacas digamos mais ben pésimas. Unha ensalada simple que era correcta, na mais. Despois un só postre que foi flan de café o cal estaba sinceramente moi bo. As camareras moi agradables. E pagamos por ese menú 39 € que me parece moi excesivo pola calidade do comido, dende logo quedei con moi mala impresión do lugar. Dúbido moito que volva polo sitio.

  4. 18 / Maio/ 2013

    Unha mágoa, Gerardo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará