A árbore das historias, as mouras e Medeiros

Last updated on 13 / Novembro/ 2012

O cumio da literatura galesa medieval son os Mabinogi, unha fantástica colección de relatos dunha posible orixe na Idade do Ferro, pasados polos gustos e ideas medievais. Cando un relato remata, o texto ten un final retórico: “así remata esta ponla dos Mabinogi”. Cada relato é, polo tanto, parte dunha inmensa árbore de historias, que vai medrando e estendéndose desde as súas raíces escuras e baixo terra ata as ponlas que florecen en primavera. Co tempo ata que a tradición se extingue: nin sequera as historias son inmortais.

Este pasado xoves, o actor e narrador oral Avelino González pareceu poñerse nos últimas dedas da nosa árbore de historias. Era a primeira vez que Avelino abordaba a temática lendaria. Para a miña sorpresa, Avelino valeuse dalgúns materiais de Capítulo Cero, que fun recollendo aquí e acolá, especialmente aqueles que se achegan á xeografía mítica dos mouros. Tratouse dun exercicio interesantísimo, desde o meu punto de vista. Os narradores orais galegos adoitan empregar moito material popular para as súas historias, principalmente historias de mortos -ben tirados da literatura universal, ben recollidos en Galicia. Pero non é tan habitual que se acheguen a outros seres do imaxinario tradicional, como as mouras e os mouros.

O resultado é singular. Anímovos a facer este experimento comigo. Avelino versionou nesa velada a lenda da Moura da Cidade de Medeiros (Monterrei, Ourense). Publiqueina en xaneiro neste post. Esta é unha lenda de mouras singular, por varios motivos: en primeiro lugar, hai un home que consigue desencantala, e ese home é un guerreiro, un soldado. En segundo lugar, a moura ten atributos que parecen moi antigos, como a voracidade, e esa voracidade decántase por un animal moi singular, o boi. E en terceiro, porque a lenda ten tamén episodios que explican o mundo e o universo, como o agasallo da vide en agradecemento aos homes. En suma, é unha lenda valiosísima.

A nós nola contou aos pés da fascinante Cidade de Medeiros (unha ruína tremenda dominando o seu contorno), o noso amigo Miguel Losada. Miguel contóunola con todos os detalles, coa precisión de antropólogo preocupado porque non se perda ningún dos elementos relevantes e ben identificados. Penso, ademáis, que se parecería moito á narrativa oral tradicional. Miguel cóntaa magníficamente. Esta, entón, é a primeira versión do relato contada aquí, ata o momento o estremo da ponla do noso carballo imaxinario.

Avelino González veu en Capítulo Cero este vídeo, e decidiu empoleirarse na estrema da ponla das mouras. Convertiuna nun dos eixos deste espectáculo novo que creou. Pero aquí vén o interesante. A técnica de Avelino, que recolle estas historias do acervo popular, pasa por crear un relato máis amplo, máis interconectado, cheo de referencias pop, con cambios de ritmo, mesturando humor e pavor, alentando a disgresión xeográfica e temática, pero preservando e identificando a esencia última do relato. A comparación entre a fonte orixinal e o traballo do narrador oral demostra a magnífica labor que están a facer estes profesionais levando estas lendas a un contexto contemporáneo e urbano. Aquí está a versión de Avelino, a segunda:

A gran alegría é esta: ver que a nosa vella árbore das historias continúa a reverdecer, mesmo cando imos entrando no inverno.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará