Xa temos as dúas primeiras páxinas da BD da Torre dos Mouros!

Pois hoxe é un gran día, porque como agasallo para esta fin de semana, presentámosche as primeiras dúas páxinas da banda deseñada da Torre dos Mouros, nas que o debuxante Manel Cráneo recrea os principais achados arqueolóxicos da campaña 2012 nun contexto humano. A acción está ambientada no século X, unah época na que Lira e Carnota eran moi distintas a como son hoxe e no que a vella fortificación dos seus devanceiros vai xogar un papel crítico nas vidas dos veciños.

O resto da banda deseñada, por suposto, xa está en fase de produción moi adiantada, e o traballo con Manel é fascinante. Debido á súa necesidade de facer visible, darlle corpo a un mundo moi distinto ao actual, fainos continuamente preguntas sobre o territorio, o espazo, a distribución humana, as actividades económicas, os edificios, os camiños, os sistemas defensivos, as roupas, a política, a espiritualidade, a sociedade…

Aí é cando un se dá conta da relevancia de facer este tipo de proxectos de divulgación vinculados a un xacemento arqueolóxico: a banda deseñada obriga a pensar de forma máis global no propio sitio arqueolóxico e a ter en conta aspectos que, nas inercias do traballo e nas preguntas que te fas sobre o propio xacemento, non tes en conta. Son magníficos complementos do traballo científico.

Aquí tes unha entrevista que lle fixemos in situ a Manel Cráneo cando visitou en xullo, no que el conta a súa maneira de traballar.

Podes consultar e descargar as dúas primeiras páxinas no interior do post. Aviso que xa engancha nada máis comezar.

Aquí abaixo podes ver as dúas pranchas e aquí podes descargalas (pdf).

A banda deseñada, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, agasallarase a todos os nenos e rapaces de Carnota, e os voluntarios que participaron no proxecto arqueolóxico recibirán un exemplar personalizado e dedicado por Manel Cráneo. Tamén estará dispoñible á venda en librarías de toda Galicia e noutros puntos de venda. Os beneficios irán destinados a cubrir custes básicos do proxecto. Fica pendente para coñecer cando a presentamos e como podes conseguila!

4 Comments

  1. 23 / Outubro/ 2012

    Pois xa irei encargando o meu exemplar! Así poderei botar unha mauciña, xa que non podo ir a botalas ao sacho. Parabéns.

  2. isaac
    23 / Outubro/ 2012

    Moi boa idea facer unha banda deseñada, axuda abrir a imaxinación.

  3. 23 / Outubro/ 2012

    Si, como digo, en canto estea impresa indicaremos aos voluntarios como apuntarse para poder recoller un exemplar asinado e dedicado, e tamén os puntos de distribución en Galicia da BD.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará