Unha nova “Cociña de Larpeiros”

Last updated on 22 / Outubro/ 2012

No ano 2010 en Galicia produciuse un auténtico fenómeno editorial que pouca xente agardaba. Galaxia editaba A Cociña de Larpeiros, un libro que complementaba o programa da TVG Larpeiros, líder de audiencia en Galicia en bastantes ocasións na súa privilexiada franxa horaria (a de prime time). O impresionante éxito de A Cociña de Larpeiros, que convertiron a Benigno Campos, da noite á mañá, no autor en galego máis vendido dos últimos anos, revelou moitas cousas que viñamos defendendo: a primeira, que confinar a lingua galega a xéneros e formatos concretos é un enorme desperdicio. Non hai esas barreiras lingüísticas que ás veces se pensan para o galego, senón todo o contrario, ao meu ver.

Larpeiros revelounos que a lingua galega pode funcionar de xeito excelente a nivel de mercado -editorial, pero en moitos outros ámbitos.Larpeiros amosounos que o problema non é desde logo o galego, senón moitas veces o olfato editorial e saber xogar con esta gran oportunidade actual para o galego que son os contidos multiplataforma. O galego non é só unha lingua para literatura, o lector está esperando por un mercado diverso, rico e interesante, que ás veces non se lle sabe dar. Comprobámolo nós tamén co noso ensaio Herdeiros pola Forza: outro tema, aparentemente minoritario e en ensaio, xa leva tres reimpresións en poucos meses, e non hai máis que velo no ateigados que están os bares e os auditorios aos que acudimos a presentalo. Hai mercado, ou hai público, ou como lle queirades chamar, para o galego, e moito. O importante é quitarnos o saco dos prexuízos e traballar realmente para el.

Este xoves Galaxia presenta o terceiro volume de Larpeiros, no que Benigno Campos recrea máis receitas desa cociña tradicional, gustosa e saborosa, que entusiasma ao seu público: receitas para experimentar neste inverno que parece presumir longo, receitas para compartir en familia e amigos, en fontes monumentais, no mellor estilo galego. Desta volta, Sole Felloza realizou as fotografías e o estilismo dos pratos, acompañando a sensibilidade tradicional de Benigno e tentando transmitir o poder e o sabor dos produtos cociñados a lume manso. Aquí tedes catro preciosos exemplos:

7 Comments

  1. isaac
    17 / Outubro/ 2012

    Dende logo, se eu estou lendo e relendo “Capitulo 0” (páxina que recomendo a “tododios” cando teñen a ben escoitarme…) é, de feito, por estar escrita na miña lingua. E non por iso desprezo ó castelán nin outras linguas, pero prefiro en galego.

  2. 17 / Outubro/ 2012

    Encántanme as fotos da Sole!Tocantes á performance na tixola…Contra!, que bos actores do método os dous xirelos!

  3. 17 / Outubro/ 2012

    Pois moitas grazas, Isaac!

    Miguel, vese que os xurelos estaban ben aprendidos. :-)

  4. Elixio Vietes
    17 / Outubro/ 2012

    Habería que investigar en I+D para que algún día se puidese papar o que sae na pantalla, ou polo menos cheiralo.

  5. Airas
    19 / Outubro/ 2012

    Concordo con todo o que dis Manuel, é moi clarificador. Eu sempre me pregunto tamén porque as máis grandes editoriais galegas case non lle dedican case atención á divulgación científica, á arqueoloxía e a historia, mesmo á historia de Galiza. As “Historias de Galicia/Galicia” son libros que con certeza se venden ben e mesmo a xente que le en castelán habitualmente. É bastante triste ver como para conseguir unha “Historia de Galicia” hai que ir a libros que xa non se editan e dunha editorial desaparecida. Neste caso ademais, historias moi anticuadas xa en moitos aspectos como os da etapa da idade do Ferro e a romanización.

  6. 24 / Outubro/ 2012

    Manuel, xa podes felicitar a Sole da miña parte porque as fotografías son espectaculares!!! Xa estou dexesando completar a colección de Larpeiros que teño na casa.
    E con respecto ó que dis sobre a reticencia que teñen algúns de publicar en galego estou completamente dacordo contigo. Eu non imaxino para nada un libro das recetas de Benigno noutra lingua, porque á esencia das suas receitas, o seu modo de explicalas e preparalas, é netamente galego. De feito, podo dicirche que a primeira parte de esta triloxía foi o meu agasallo para dúas persoas que non son de Galicia. Ademais de encartarlles, elas non teñen problema ningún para entender a elaboración dos platos. E ademais, veno coma un atractivo engadido: unha boa forma esta de aprender os nomes galegos de certos alimentos, que etan diferentes son ao castelán.
    Bikos!!

  7. 24 / Outubro/ 2012

    Será felicitada! :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará