O mar peta en Saint Gowan

Cara o estremo occidental de South Pembroke, as viliñas van desaparecendo, as parcelas fanse máis amplas e os bosquetes sucédense entre prados cheos de ovellas. O litoral adquire tintes épicos: cantís batidos por un mar bravo que se van sucedendo. Hai un famoso sendeiro costeiro por Pembrokeshire, que permite ver as marabillas dunha natureza azorada e en contradición, entre os ventos, as augas bravas, a terra e unha pedra non moi consistente.

Aquí queriamos ver un lugar moi singular, ancestral, un espazo único e moi descoñecido, mesmo na propia Gales, o antigo eremitorio de Santa Gowan. A santa foi unha raíña, esposa do rei Tewdrig de Glamorgan -cando Gales, como todos os países celtas, estaba dividida en numerosas nacións ou reinos-, e morreu no século V d.C. Xa saben que teño querencia por esta época, pero sobre todo atraíame a localización. Hai que pasar un enorme campo de tiro do exército británico para chegar ata este lugar. Aquí, en St Gowan, o cantil convertíase nunha sorte de furna aberta, unha valgada arisca e vertixinosa que baixaba ata un mar embravecido. Unha columna de pedra natural creaba unha sorte de vestíbulo no mar.

Seica aquí houbo un eremitorio da época da raíña Gowan, do século V, cando en Irlanda, en Gales ou en Escocia xurdiu ese decisivo monacato que despois acabaría pasando para o continente. Hoxe hai unha capela robusta e baleira, de época plenomedieval -se cadra século XIII ou XIV- que rodea o lugar no que estivo no seu momento a cova na que viviu o eremita; tamén hai unha fonte sagrada, por suposto, e a pedra da campá. Seica nun ataque pirata, o eremita agachou a campá da ermida -se cadra o único de valor que había na furna de St. Gowan no interior dunha das enormes pedras da furna. Seica a campá aínda soa nas celebracións importantes, pero St. Gowan hoxe parece demasiado solitario como para que se cumprimenten oficios nin sequera rutinarios.

Santa Gowan sempre espertou percepcións románticas. Estes dous gravados do XIX representan moi ben o espírito telúrico do lugar:


A fonte sagrada de St. Gowan

Foi aquí onde o meu pé virou 90º á dereita, máis alá do que, digamos, é naturalmente convinte. O resto da historia, xa sabedes.

2 Comments

  1. san andrés de teixido
    5 / Outubro/ 2012

    ahí foi onde escarallaches o pé? jijiji

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará