2000 bens catalogados en patrimoniogalego.net


Dispersión da catalogación de bens en patrimoniogalego.net

Onte acadabamos a magnífica cifra de 2000 bens catalogados en patrimoniogalego.net.
Este é un profundo éxito colectivo, por parte dun ilusionante grupo de persoas que cremos na necesidade de facer visible o noso patrimonio, e a través de pequenos proxectos concretos e efectivos, coma este, desenvolver ferramentas para a súa protección. Velaí creamos patrimoniogalego.net hai un ano, e agora, grazas ao traballo colectivo, o sistema xa conta con 2000 fichas de bens catalogados. Sobrancean elementos básicos da nosa primeira identidade: as igrexas, os cruceiros, as ermidas. Pero o conxunto de bens arqueolóxicos máis recoñecibles, os castros, os petróglifos, os túmulos megalíticos, captan tamén a atención dos catalogadores. Nestes momentos, patrimoniogalego.net é o catálogo social máis amplo a nivel español e, moi posiblemente -a falta de coñecemento doutros exemplos- de Europa.

Estes 2000 bens tamén nos permiten comprobar a realidade dalgunhas previsións estratéxicas que formulamos ao inicio do proxecto sobre como podía funcionar un catálogo en aberto, sen directrices previas. Seguindo o que acontece noutros ámbitos do sector cultural, o peso do eixo atlántico é moi relevante no número e distribución xeográfica de bens catalogados, coincidindo cun ámbito de Galicia especialmente dinámico e, ademáis, cunha maior penetración social de Internet. Malia iso, nos últimos meses apreciamos cambios (ao mellor non son apreciables no gráfico, pero están aí) que amosan unha lenta pero constante incorporación de recursos tamén do interior. En todo caso, o gráfico permítenos deliberar sobre políticas de acción para ir enchendo eses baleiros interiores.

Unha segunda reflexión ten que ver con que o traballo que vedes ata agora en patrimoniogalego.net é un traballo esencialmente individual e particular. A segunda previsión estratéxica que tiñamos cando iniciamos o catálogo era que as asociacións culturais que traballan no Patrimonio ían tardar en introducir aquí aos seus datos, e tamén se cumpriu. Os motivos, supoñemos que esencialmente culturais e de organización interna das entidades, son para nós tamén un motivo de reflexión e de meditación. Parte da filosofía de patrimoniogalego.net é propiciar un cambio na cultura de traballo, cara o coñecemento aberto, transparente e compartido das informacións básicas sobre o patrimonio. Iso é o que demandamos das administracións en relación á información sobre o patrimonio, e o que facemos en patrimoniogalego.net é aplicarnolo a nós mesmos. Queremos que esa filosofía trascenda tamén ao conxunto da sociedade, e as asociacións culturais son claves aquí: o seu traballo conxunto máis alá das fronteiras locais é fundamental para ter unha información e radiografía exhaustiva do estado global do noso patrimonio. Sabemos que xenerar este cambio cultural, que é situar o intercambio de información e o coñecemento aberto como cerna do traballo, tamén é cuestión de tempo, e estou convencido de que nos vindeiros meses pouco a pouco as entidades se irán motivando e insertando patrimoniogalego.net na súa axenda de prioridades.

Desde aquí quero facer unha sentida homenaxe aos catalogadores: están a facer un traballo inmenso, de tanta utilidade para o noso país e para a nosa sociedade que é difícil non falar deles sen emoción. Os cinco maiores titáns da catalogación son Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67, Xandinathry, Xocas e Manuel Rial. A eles o meu/noso agradecemento máis sentido. Horas e horas de traballo sistemático para unha información valiosísima que agora todos podemos consultar e empregar. Tamén aos editores, xornalistas e especialistas en novas tecnoloxías que conforman este núcleo duro e descentralizado de patrimoniogalego.net. Todos demostrastes que está a ser posible.

Nestes momentos, patrimoniogalego.net xa é unha base de datos tremendamente útil para consultas informativas, de lecer, ou como monitor de alerta, como veredes nos vindeiros días, sobre xacementos. E seguiremos profundizando. Seguinte reto: os 3000!!!

2 Comments

  1. oscar franco
    29 / Setembro/ 2012

    Seguiremos dando a coñecer o noso rico patrimonio a todo o mundo que teña curiosidade e sensibilidade pola beleza. Canta mámoa, castro, petróglifo, … estarán aínda escondidos na «selva» do noso mal coidado monte galego? Canto edificio civil, institucional, vivenda singular, … está a caer pola desidia dos gobernantes de calquera época?. Seguiremos na loita de descubrir a nosa historia e poñela en valor para os de hoxe e as xeracións futuras.

  2. bandariz
    2 / Outubro/ 2012

    Ei, e logo nom pode a gente do Eo-Navia ou Berzo colaborar? Que nom esteam dentro da Comunidade Autonoma nom significa que nom sejam galegas cultural e historicamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará