Acinipo: o teatro máis descoñecido da península

Last updated on 25 / Setembro/ 2012

Fascíname introducirme na arqueoloxía doutras partes da península ibérica. En concreto, o impresionante patrimonio arqueolóxico andaluz. Gústame comparar as claves de poboamento, como se distribúe co territorio, como se relaciona co actual. En Ronda coñécese a gran cidade de Acinipo como Ronda la Vieja, establecendo claramente un vínculo de parentesco urbano entre unha poboación e a outra. Acinipo é unha auténtica sorpresa.


O refuxio do sol andaluz en Acinipio. Fotos: Sole


As fermosas vistas desde o alto de Acinipo

Ubicada nun lugar escondido da serranía de Ronda, con claves paixasísticas que non deberon practicamente cambiar en dous mil anos -a contorna segue practicamente igual a cando foi abandonado o xacemento, unha paisaxe marabillosa de olivos, campos cultivados e unha orografía indomable de outeiros sen fin- e que permiten mergullarse na melancolía deste lugar. Dúas cousas chaman a atención de Acinipo. A primeira é ese conxunto de outeiros pedrugallentos que vedes na foto superior, e que tamén vedes na seguinte foto.

Todo o enorme recinto arqueolóxico, unha cidade íbera e romana practicamente sen escavar, no alto dun outeiro de vistas incribles- está poboado desta sorte de túmulos pétreos. Aquí, a comparación Galicia-Andalucía xogoume unha mala pasada inicial. E logo serían derrubos de casas, de chouzas circulares, igual que se conservan nos máis remotos castros galegos? Estamos vendo todas as trazas da cidade? Ao camiñar entre tanto cachote, con restos de ánforas, sigillatas, con tégulas que aínda hoxe poderías volver poñer nos tellados das casas, penseino e imaxineino, pero aquelo non parecía a traza regular dunha cidade romanizada. Ata que logo souben que era en realidade.

Durante xeracións, os desesperados labregos andaluces teimaran neste pedregal por prantar os garavanzos e as leguminosas da zona. Este secarral, este deserto dourado, a penas daba de si. Con paciencia, os labregos foron quitando pedras e acumulándoas para gañar algo de espazo para prantaren cultivos que só medrarían baixo algunha sorte de miragre da natureza. Entre estes milladoiros, sobreviven, aínda en posición orixinal, columnas de mármol, aras na súa posición se cadra orixinal. Os nomes dos antigos oferentes marcan, baixo terra, os antigos camiños que percorrían a Acinipo. Abandonada á súa sorte, a cidade mantén aínda todas estas xoias ao alcance da man, como sempre acontece nos xacementos mediterráneos. En Galicia, por haches ou por bes, isto sería impensable: os nosos vellos eran ben aforradoriños na cultura material. O furtivismo tamén bateu en Acinipo de xeito inclemente. E ségueo a facer: en parte é comprensible. O abandono, as inmensas hectáreas de xacemento que ves entre as mans, danche a apariencia de descubrir un tesouro, que é a angueira secreta de todos os homes. A parálise deste lugar ten todo o xeito -falo como outsider, pero digo polo que puiden ver e intuír- de liorta política entre os uns e os outros. Sempre os uns e os outros.

A segunda cousa marabillosa de Acinipo xustifica os 20 minutos que leva chegar aquí desde Ronda, e as tremendas calores. Aquí consérvase o teatro romano máis descoñecido da península ibérica. Tosco, robusto, contundente, durante séculos trouxo ata aquí a eruditos, así que temos unha privilexiada colección de crónicas desde o século XVI. Interésanme moito as manifestacións do poder romano nas periferias, erguidas ás veces polo poder colonial, e outras veces polo poder ou neopoder local ávido de congraciarse con Roma. Érguese como un coloso no medio das ruínas, na zona máis alta da poboación, exercendo de faro e orgullo local no seu territorio. Teño visto estes teatros rudos, como concebidos máis para a representación que desde o refinamento, nos que o edificio en si mesmo parece máis unha fortaleza que unha casa das artes, coma o de Segóbriga. Ben é certo que os vemos sen revestimentos nin trampantollos. O esquencido Teatro de Acinipo é cousa notable.

3 Comments

  1. Celticus
    23 / Setembro/ 2012

    Que de menos te botamos estes dias Manuel, recuperate e nos recuperarémonos contigo!

  2. julius
    24 / Setembro/ 2012

    Boa entrada porque eu non coñecía Acinipo, habería que investigar máis Castillós e saber se alí estaba Dactonium ou en Monforte

  3. Mauricio
    10 / Novembro/ 2012

    Buena introducción.
    Si en algún momento deseas conocer más de este teatro y de esta ciudad, no dudes en consultarme.

    Desde Ronda, un cordial saludo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará