O vixilante de Rebón


Foto: Sole

A “Cabeza de San Pedro” é un atípico menhir ubicado no fondo da parroquia de Amil (Moraña). A súa posición é do máis rara, e disociada da normal posición destes monumentos megalíticos. No canto de estar nunha área máis ou menos chaira, visible desde todas as partes, exercendo unha certa función de referencia, esta pequena pedrafita, que non ergue máis dun metro, está ubicada no medio dunha ladeira de certa pendente, hoxe convertida nunha pequena xungla eucalipteira. Atópase no fondo dun val orientado en dirección norte a sur, e moi posiblemente preto dalgún antigo camiño de acceso á área hoxe desdebuxado polos traballos de repoboación forestal.

Durante xeracións e xeracións, a Cabeza de San Pedro serviu de divisoria entre as parroquias de Amil e Rebón. A excepcionalidade desta pedra é algo totalmente distinto que ten. A pedra foi seleccionada por unha proturberancia que ten na súa zona superior. Alguén esculpiu nesa proturberancia unha tosca cabeza con ollos, nariz e cara; baixo dela, se cadra gravada posteriormente, hai unha cruz. A cara non está observando cara a ampla perspectiva do val que se abre ao norte, senón que parece fitar, ao sur, para o camiño que algunha vez por alí chegou. Os investigadores datárona na II Idade do Ferro, e iso engade aínda máis interese ao asunto: habitualmente estes achados antropomorfos son habituais nos castros, pero non nun espazo aparentemente algo distante das acrópoles castrexas do val de Moraña.

Os nosos vellos outorgaronlle o nome de “cabeza de San Pedro”, o cal inclina a pensar que os bautizadores eran máis da parroquia de Rebón, que o titular é San Pedro, que da de Amil, que é San Mamede. Na súa tosquedade, esta pedra é tan fermosa como rara. Pura mitoloxía emerxendo do granito, na soedade, na ausencia de máis elementos próximas. Ela mesma é un glifo dunha historia ausente.

Eu imaxínome a este San Pedro, con outro nome anterior, recibindo simbolicamente aos camiñantes da Idade do Ferro, se cadra advertíndolles do que fosen facer no interior das terras de Moraña.

Na ficha que fixen para patrimoniogalego.net tedes a localización.

6 Comments

  1. Ulmo de Arxila
    17 / Agosto/ 2012

    E digo eu, o de “Sam Pedro” nom estará a indicar de algum jeito que este menir estava a marcar a entrada a algum espaço sagrado? No fim de contas, essa é a funçom de Sam Pedro na mitologia cristã. Nom sei, seguramente esteja a dizer umha burrada, mas foi o que se me veu à cabeça.

  2. 18 / Agosto/ 2012

    Si, tamén o pensei eu ao principio, en plan especulativo, pero despois ocorreuseme pensar: “a ver se vai ser o nome do patrón…”, e velaí estaba. :-)

  3. Luis
    18 / Agosto/ 2012

    Eu tamén tiña a miña teoría, desmontada polo feito de que sexa o patrón dunha das parroquias. Na tradición cristiá, San Pedro é un santo calvo (hai versos e cantigas sobre o tema) Unha cabeza tan lisa e redonda quizáis lles remitía á idea da alopecia. Pensei que os tiros irían por aí…

  4. 3 / Setembro/ 2012

    Gustaríame saber cal é a marca e modelo da cámara coa que se sacan as fotos. Para mirar por unha así.

  5. 4 / Setembro/ 2012

    Hola Jose
    el equipo conque normalmente saco las fotos para Capítulo 0, lleva en la mochila:
    Cámara Nikon D300S
    http://www.fnac.es/Nikon-D300s-Cuerpo-reflex-Digital-Camara-de-fotos-reflex-Camara-fotos-reflex-digital/a339694

    Objetivos
    Nikon 105mm f/2.8 VR
    Nikkor 16-35 mm f/4 G ED VR AF-S
    Nikon AF-S 50mm f/1.4G
    Sigma EX Objetivo zoom – 24 mm-70 mm – F/2.8
    Sigma AF 70-300 mm F/4,0-5,6 DG OS
    Tokina 12-24mm F4 II AT-X 124 Pro DX II
    Flash SB-600
    Y luego lo de siempre, filtros, un buen trípode que sobreviva al monte y muchos disparos.
    Ya me contarás que coges
    Un saludo

  6. Diego
    21 / Setembro/ 2012

    Pode ser máis recente do que parece. Eu son dunha parroquia de Cuntis, e tamén hai un “menhir” dese tamaño cunha representación dun home. Está ao pé dun castro e hai dúas mámoas a menos de 20 m., e por alí pódese dicir que pasa a vía de comunicación que levaba dende a terra dos “Conteni” cara Iria Flavia (aínda hoxe moite xente segue esa ruta para ir á feira de Padrón os domingos podendo ir por mellores estradas). A pesar de todas estas casualidades, a talla foi feita probablemente no s. XX, de feito, ten nome, pero non o recordo; terei que ir facer un pouco de traballo de campo.
    Un saúdo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará