Do Rhin ao Oitavén: comida alemana en O’Ramís

Last updated on 23 / Agosto/ 2012

Hai trinta anos, unha parella alemana recaeu na aldea de Anceu, Ponte Caldelas. Desde aquela viven en Galicia, pero hai só cinco montaron un atípico restaurante no seu establecemento de turismo rural: O’Ramís, na zona máis remota da parroquia e moi preto do río Oitavén. Trátase dun restaurante especializado en cociña alemana, no que ademáis o espírito, a animación e os toques de decoración lembran sen dúbida ao xeito teutón. Ata hai un pequeno biergarten -os xardíns de cervexa típicos de Baviera, o sur de Alemaña- no exterior e regálanche un calendario coa planificación anual (anual!) de actividades do restaurante, desde a OktoberFest no mes obvio de outubro ata degustacións gratuítas de tartas, os ovos de Pascua, etc. O restaurante, malia estar en Anceu, segue o calendario das festividades alemanas xermánicas como xeito de animar aos visitantes a achegarse ata aquí.


Fotos: Sole

A cociña é un reflexo disto. Pratos moi típicos de Alemaña, coma os pasteis de carne, as tortas de pataca, os codelos (hai que encargalos antes, porque tardan), unha boa variedade de salchichas ou postres clásicos coma o Apfelstrudel, que sirven con xeado que fai xogar coas moi diferentes temperaturas. Pola nosa banda, probamos algunhas destas cousas referenciadas e unha degustación de salchichas que sirven cun pouco de chucrut, puré de pataca e dúas mostazas. Cun par de boas pintas de cervexa checa ben tirada, o menú das fotos saiu en 21 euros por persoa.

Está claro que Ponte Caldelas debe ser un dos concellos rurais de Galicia cunha maior diversidade gastronómica internacional. Desde o mexicano de Tourón ata os aromas de Munich en Anceu, certamente o rural galego segue dando saborosas sorpresas.

Achegarse ata Anceu paga moita pena, por certo, para observar as espectaculares casas de canteiros e indianos da aldea, unha xoia descoñecida da nosa arquitectura popular de principios do XX.

7 Comments

  1. 17 / Agosto/ 2012

    tortas de pataca: kartoffel puffer (típicos de Brandenburgo, ainda que os teño visto en máis sitios)

    eran un dos meus pratos favoritos para comer por Berlín (non me chistaba moito o currywurst, e non quería andar sempre a döner – dous platos típicos e inventados en Berlín), servianchas con compota de mazá co cal un quedaba ca dúbida de se eran un postre ou eran un apertivo salgado

  2. 17 / Agosto/ 2012

    Antes de que se enfade algún alemán:

    Kartoffelpuffer

    Ten que ser así, en maiuscula e todo en un, se non é incorrecto

    Guten Appetit!

  3. veronica
    19 / Agosto/ 2012

    habia moito tempo que queriamos dar co sitio, e finalmente, este domingo chegamos ata o lugar….. foi como volver por terras bávaras… pero para min o mellor de todo foi a exquisita atencion do fillo da anfitriona cara a todolos seus clientes…

  4. 19 / Agosto/ 2012

    Alégrome que vos gustara!

  5. isaac
    21 / Agosto/ 2012

    Concordo con Manuel na súa apreciación das casas dos indianos e no encanto da aldea de Anceu.

  6. Ruth
    7 / Decembro/ 2014

    A Oktoberfest celébrase en setembro, así que nada de obviedades…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará