Preparade as vosas redes sociais: comezamos a narración da Torre dos Mouros

Cando coñecimos a Torre dos Mouros, decatámonos de que o lugar era importante e especial por moitos motivos, e non só científicos. A Torre dos Mouros está sobre Lira e Carnota, poboacións cunha comunidade local moi dinámica, ideal para un proxecto científico con fortes compoñentes sociais; o sitio arqueolóxico estaba ao principio dun dos conxuntos de petróglifos máis interesantes e menos coñecidos de Galicia, todo pendente de ser posto en valor. Pero tamén o sitio encerraba un enigma científico do máis interesante que o convertía, tamén, en candidato para unha experiencia de divulgación científica.

Esta fortificación, de dúas hectáreas, con máis de 570 metros de murallas concéntricas ao redor do outeiro e aparentemente nada ou case nada no seu interior, con diferentes alturas que garantizan diferentes perspectivas e unha situación de vistas incrible sobre o Atlántico e a Costa da Morte, que marabilla a quen sube ata aquí, é un gran desafío científico e técnico, pola súa rarez. Os castros de toda a comarca ocupan, polo xeral, a metade de tamaño deste lugar. Aos pés da Torre dos Mouros, a menos de dous quilómetros, hai dous poboados da Idade do Ferro (Mallou e Miñarzo) que, eles si, se atopan onde deberan estar: preto dos cultivos e dos recursos, e que teñen disposicións e defensas diferentes ás de aquí arriba. E en Carnota dispoñemos de dúas fortificacións medievais documentadas que tampouco se parecen (son moito máis pequenas) a este lugar. Só un espazo arqueolóxico próximo ten un aire coa Torre dos Mouros: as murallas do Monte Pindo, que agora chamamos Pindo Central para diferencialas. Pero sobre todo, a gran dificultade, é a sospeita de que o rexistro arqueolóxico do interior non vai ser moi abundante. Os arqueólogos vano ter difícil.

Así que desde o Grupo de Novos Medios da USC decidimos pensar nun proxecto fascinante. Contar unha intervención arqueolóxica desde dentro, desde o primeiro momento, e empregar diferentes formatos para responder ás diferentes necesidades de comunicación. A experiencia que comeza mañá ás 09.30 h. ten por obxectivo converter a intervención arqueolóxica nun obxecto cultural comunicable desde o primeiro momento, sen que iso exerza ningunha limitación nin condicionante sobre o traballo científico, pero establecendo un diálogo colaborativo con el. O eixo central da comunicación é: “Como os científicos poden determinar a ou as cronoloxías dun sitio arqueolóxico? A que época e que función tiña a Torre dos Mouros?”. Que é o que queremos aprender nós? A contar unha intervención arqueolóxica desde dentro, sen saber que é o que vai pasar, e facelo atractivo, entretido e rigoroso ao mesmo tempo.

Unha experiencia 360º

Así que para iso, un equipo de catro xornalistas imos acompañar ao equipo arqueolóxico durante esta campaña. Seremos Andrea Lozano, Brais Romero, Carlos Toural e eu mesmo; desde a intervención arqueolóxica, ao longo de todo o día, irémosvos contando que é o que aparece, como aparece, as dificultades, as sorpresas, as dúbidas…Conectádevos a estas tres fontes: o noso perfil de Twitter (@torredosmouros), a nosa páxina de Facebook e o noso web torredosmouros.net. Durante toda a fin de semana coñecerás as actualizacións da Torre dos Mouros minuto a minuto. E durante a semana accederás a historias en profundidade que completarán a túa experiencia.

Non o dubides. Conéctate á Torre dos Mouros e engánchate!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará