O Proxecto Torre dos Mouros: a ciencia en directo

Last updated on 3 / Xullo/ 2012

Con gran orgullo e esforzo hoxe arrinca a segunda fase do Proxecto Arqueolóxico Torre dos Mouros, que se realizará durante o mes de xullo en Carnota. Entidades públicas e privadas converxeron nesta iniciativa que procura ser un espazo de investigación científica, de divulgación e de participación social na Costa da Morte. Promovido polo Concello de Carnota, nel colaboran tres empresas privadas, en diferentes ámbitos (Malde Arqueoloxía nos traballos de campo, DeHistoria na documentación histórica e Cool-Touring na difusión turística) e dúas institucións públicas de investigación, o Instituto de Ciencias de Patrimonio do CSIC e o Grupo de Novos Medios da USC.

Xa temos arriba o noso web, no que podes coñecer máis en profundo a iniciativa e no que nos vindeiros días, canda as redes sociais, centralizará a intensa comunicación do proxecto que podemos levar a cabo. Será a primeira, ou unha das primeiras veces, que un grupo de técnicos de arqueoloxía en diferentes ámbitos conflúan cun pequeno equipo de xornalistas que levarán a cabo a comunicación en tempo real dunha intervención arqueolóxica.

A Torre dos Mouros é un espazo arqueolóxico fascinante. Ubicada sobre a parroquia de Lira, no concello de Carnota, é unha enorme fortificación de dúas hectáreas pendurada sobre o Atlántico, nun reduto de duras condicións metereolóxicas pero de incrible visión sobre o nivel do mar e grandes condicións defensivas. O obxectivo principal do equipo de investigación arqueolóxica é determinar a cronoloxía e funcionalidades deste espectacular xacemento arqueolóxico. O obxectivo do pequeno equipo de xornalistas (profesores e alumnos) do Grupo de Novos Medios da Facultade de CC. da Comunicación será contalo de maneira atractiva e interesante.

Pero o Proxecto Torre dos Mouros é moito máis. É unha programación cultural para nenos e maiores en Carnota durante o verán, son visitas guiadas personalizadas…e é participación cidadá.

Torre dos Mouros convoca dez prazas de voluntarios para botar unha man no proxecto e coñecer, desde dentro, os procesos dunha investigación científica sobre o terreo. Os voluntarios poderán colaborar en tarefas de limpeza, de recollida de tradición oral e microtoponimia, poderán apoiar aos arqueólogos nas tarefas máis específicas…As xornadas de traballo son sábados, de 10:00 a 18:00 e os domingos, de 10:00 a 15:00, nas fins de semana do mes de xullo, e o concello de Carnota suministra o xantar do día. A clave é poder observar, desde o interior, o traballo científico e participar nos procesos de construción do coñecemento. Non é preciso ningún requerimento previo a nivel de formación para colaborar no Proxecto Torre dos Mouros: só son necesarias gañas e curiosidade.

Iván Franco, concelleiro de Cultura de Carnota e Antón Malde, director do proxecto, cóntanche máis polo miúdo os obxectivos da iniciativa:

Benvidos e benvidas á Torre dos Mouros!

P.D. Sobre o fermoso logo do proxecto. En Lira, segue moi viva a lenda do cabalo de ouro, soterrado na Torre dos Mouros, coa silla e o seu freo, nas profundidades da fortaleza. O excelente traballo do carnotán Mario Maceiras recrea con ensoñación este motivo mitolóxico propio das comarcas costeiras galegas, pero tamén o sitúa no mundo presente, onde as mandas de cabalos bravos aínda viven e corren ao carón da vella Torre dos Mouros. O logo convértese nun elemento de identidade visual moi versátil, que nos permite traballar con el con independencia da cronoloxía ou funcionalidade do espazo que determine, ao final da campaña, o equipo arqueolóxico. O antigo cabalo de ouro convértese na nova identidade do século XXI.

4 Comments

  1. Lolo
    29 / Xuño/ 2012

    Un cabalo de ouro na Torre dos Mouros e un carro de bois cunha campá de ouro no Coto dos Infernos. Curiosas metáforas solares.
    Sorte no proxecto.

  2. 2 / Xullo/ 2012

    Na Antiguedade grega, Epoca Minoica; co medo dos “pobos do mar”; moitas illas do Peloponeso tiñan , xa, alturas por detras dos seus asentamentos permanentes a donde fuxir en canto aparecian as velas dos tan temidos e “valentes” visitantes. tíñanas medianamente aparexadas para unha curta estadía,disque. Poida que po la Fisterra atoparan a misma solución. Digo:
    JUAN FREIRE.¡¡Unha m´agoa non saberes eu isto cando “patrullaba” por Lira e os suas contornas 15 anos ai.!

  3. moscas
    3 / Xullo/ 2012

    ai ai ai que xa empezamos mal, queremos vídeos colgados na web de tódalas charlas, que a gasolina anda cara

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará