Vilamor: cando a tolemia andou solta

Last updated on 29 / Xuño/ 2012

Onte puiden ir á estrea de Vilamor en Santiago de Compostela, o filme sobre as comunas hippies da Fonsagrada nos 70 dirixido por Ignacio Vilar e producido por Via Láctea Filmes. Foron dúas horas que pasaron voando; o guión permíteche introducir na historia, nos feitos e nos conflitos entre personaxes e o que está detrás deles con rapidez. En certo xeito, parte das actitudes que rexen a vida dos protagonistas de Vilamor seguen a estar presentes hoxendía: o abandono do rural, o coidado do agro, a liberdade e o compromiso social, filosófico, individual e familiar. Con tal disposición non é difícil, visto o visto, empatar case persoalmente con algunha das tramas.

Algúns dos protagonistas da historia orixinal de colonización das aldeas ailladas do mundo polos encoros dos 70 na Fonsagrada aparecen nunha emocionante escena final: as súas caras permiten comprobar como o relato que constrúe Vilar co seu grupo de actores é tremendamente veraz, non sei se nos feitos, pero si nas filosofías que estaban detrás del: é unha historia auténtica en moitos sentidos.

Gustoume moito Vilamor por moitos motivos. Eu sempre o digo, somos un dos países máis vellos de Europa, pero en todo o que ten que ver coa modernidade somos xente tremendamente nova, así que o cinema aínda nos segue revelando e sorprendendo en pantalla coa nosa propia vista. Gustoume a maleza, esa vexetación indómita que devora todo, porque así é como a vexo eu todas as fins de semana cando saio ao monte; gustoume a fascinación pola paisaxe -unha teima na cinematografía de Vilar-, que inclúe uns fermosísimos planos da neve nas nosas montañas (e un pregunta por que non hai máis neve no cinema galego), encantoume o papel desprexuizado, cálido e orgulloso da gastronomía tradicional (ás veces tan maltratada polo culturetismo), neste caso da montaña luguesa, e tamén me gustou o uso deshinbido, amable e amante, da diversidade dialectal da nosa lingua. Vilamor é un goce non só porque estea rodada en galego, senón porque o uso da lingua, coma no mundo real, define ás personaxes no seu universo e territorio. Gustoume tamén o papel do sexo, ben presente na película: neste país no que ata os máis progres están cheos de prexuízos co corpo, a presenza dos espidos e do goce no filme antollouseme tan natural polo contexto argumental como ceibador, en serio.

No argumento de Vilamor non hai vencedores nin vencidos, senón persoas que se deixaron levar pola tolemia. A personaxe do carnotán César Cambeiro defíneo moi ben nun momento, cando lle explica ao seu fillo a diferencia entre un home e un tolo. “Un home é aquel que non sempre pode facer o que quere”. Por veces as portas do mundo ábrense e a tolemia anda solta, chea de seres humanos que precisan facer uso da súa propia vontade para ser no mundo. Todos deberamos facelo de cando en vez.

As personaxes de Vilamor urden unha utopía de liberación social e enfróntanse ás consecuencias prácticas, non sempre gratas, da súa decisión. Tolos por un mundo mellor a pequena escala, no que sobreviven, ás veces con contradicións, “mentres non se dean as condicións obxectivas” para a liberación total. Esas contradicións son parte da historia. A personaxe de Sabela Arán reivindica a filosofía de Walter Benjamin, o “Aquí e agora”. No mundo das montañas luguesas, lento e inmutable, Benjamin enténdese raro: o “Aquí e agora” debera ser, entre caborcos, vales e fragas, o “Aquí e sempre”. E como cumprir ese sempre?

Só unha última cousa: unha das claves desta deliciosa película está para min nos pequenos papeis de sobranceiros actores e actrices da nosa escena. Santi Prego, Mela Casal, Belén Constenla. Actores na súa madurez profesional, que a penas con pequeno esforzo, enchen eles sós unha escena ou lle outorgan unha impresionante credibilidade aos seus papeis. Miren a primeira aparición de Mela Casal, ou a primeira escena de Belén Constenla no curtín e saberán a que me refiro. Non deixa de ser triste a ausencia dunha industria do cine abondo ampla para crear vibrantes personaxes para estes grandes actores, dunha gran solvencia.

Trailer de Vilamor

Como vela en Santiago:

Na sede da SGAE en Santiago. Reproduzo do seu web:

Se proyectará en doble pase (20:00 y 22:30 horas) los días 16, 17, 18, 19, 22 y 24 de junio. Para el estreno, el sábado 16 a las 20:00 horas, se cuenta con la presencia del director y los principales actores de la película. Ya no quedan localidades para este pase inaugural. Para el resto de las funciones, se pueden adquirir los billetes en Nova Galicia Banco. Precio: 5 euros. Edad recomendada: 12 en adelante.

3 Comments

  1. 18 / Xuño/ 2012

    Eu considéroa unha obra necesaria e é un gusto saber que se poden facer películas así. De todos os xeitos non me gustou demasiado o guión.

    Unha cousa: é andou, non *andivo!! :)

  2. 18 / Xuño/ 2012

    Corrixido! Grazas!

  3. Elsa
    30 / Xuño/ 2012

    A min gustoume moito, por apareceren paisaxes impresionantes que coñezo ben, e porque me parece que facer cinema en galego é en si sensibilidade. Máis aínda se está na variante dialectal oriental. Hai que agradecer a Ignacio Vilar o seu bo facer e sensibilidade. E coido que se escribe desinhibido e non deshinbido*.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará