A trabe (de barro)

Last updated on 17 / Xuño/ 2012


Unha das trabes localizadas. Foto: Equipo arqueolóxico. Deputación de Pontevedra

Reportaxe publicada orixinalmente en culturagalega.org o 14 de xuño de 2012

Todo castro galego conta coa lenda das trabes de ouro, prata e alcatrán que gardan o suposto tesouro dos mouros. No Monte do Castro, en Ribadumia, o equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra vén de atopar a súa trabe particular. Un entramado de madeira de hai dous mil anos, aplastado baixo un intrigante derrubo dun edificio de palla-barro e conservado grazas ao terrible incendio que rematou coa ocupación do castro. Máis alá das lendas, as trabes permitirán comprender os usos dun edificio atípico.

A acidez do solo galego e a humidade permanente que gardan as terras de Galicia fan que moi pouco do material orgánico do pasado chegue ata nós nas escavacións arqueolóxicas; cada aparición de ósos, madeiras, sementes ou grans é celebrada sempre polos equipos arqueolóxicos pola enorme cantidade de información que aportan sobre o medio que rodeaba aos habitantes dun sitio arqueolóxico.

O que non agardaba o equipo arqueolóxico da Deputación de Pontevedra, dirixido por Rafael Rodríguez, é que no interior do Monte do Castro de Besomaño (Ribadumia) ían atopar auténticas trabes da época. E se cadra as trabes de Besomaño sexan aínda máis valiosas que as das lendas tradicionais: polo contexto no que aparecen, sostiñan un tipo de edificio inédito en Galicia para a época e a zona, as Rías Baixas. Un auténtico edificio de palla-barro, de cerámica, ubicado no medio do poboado.

“Temos ben identificadas tres fases para o castro”, sinala Rafael Rodríguez, “na primeira as edificacións son de materiais perecedeiros, de palla-barro, nunha antiga tradición que viña de épocas anteriores. Vémolo nos furados de postes e nas pegadas das estruturas. Nunha segunda fase, o castro “petrifícase”, é dicir, comézase a construír en pedra. Na terceira fase, prodúcese a monumentalización do castro. As casas fanse máis espectaculares, tamén de pedra. E, nese momento, esta xente ubica un edificio de palla-barro, de terracota, no medio de casas de pedra e amortizando, ademáis, unha casa de pedra”.

Non hai que esquencerse que na maior parte de Europa durante a Idade do Ferro (incluíndo a Galia, as Illas Británicas ou parte da Meseta) a técnica habitual de construción de vivendas ata a chegada dos romanos foi o palla-barro. O Noroeste da Península Ibérica, neste sentido, viviu un proceso case insólito de petrificación de casas e murallas que o fai único no continente.

Non está clara esta querencia pola arquitectura vintage dos galaicos que vivían no monte do Castro no momento da súa destrución, ao redor do cambio de era, posiblemente por tropas romanas, pero o incendio e a existencia da cerámica foi providencial. Co incendio que consumiu as estruturas do castro, as paredes de barro da estrutura colapsaron, e o edificio pregouse sobre si mesmo, enterrando as trabes no medio.


Palla Barro do derrubo. Foto: Equipo arqueolóxico. Deputación de Pontevedra

Risco de cinza
“É posible que o lume contribuíra a que o pallabarro se convertera en terracota”, sinala Rafael Rodríguez, “e este escombro de terracota sellou as trabes”. O resultado é que o equipo está a desenterrar trabes carbonizadas polo incendio, pero aínda cos traballos e montaxe dun carpinteiro de hai dous mil anos. Iso si, a contrarreloxo. “Estamos escavando con aspirador e pincel”, asegura Rodríguez, quen sinala a dificultade de extraer da erra material orgánico. “Se están directamente expostas ao aire e sen tratamento”, puntualiza, “en 24 horas convértense en cinza”. Os restauradores do equipo realizan as camas de poliuretano para introducir as pezas directamente mentres se escavan. Polo momento, aínda non se dicir a que especie pertencen as trabes e o resto do entramado, aínda que boa parte del parece formar parte do teitume do edificio.

Sen embargo, a madeira é un elemento moi valioso. Cunha presenza escasa nos castros, esa madeira pode dar datos moi valiosos sobre o clima da época, a silvicultura ou mesmo as técnicas de carpintería da época, e facilitar, por exemplo, as reconstrucións fidedignas de edificios da época.


Área na que estaba localizado o edificio. Foto: Equipo arqueolóxico. Deputación de Pontevedra

Vintage ou pragmático?
Sen embargo, o edificio que sostiñan estas trabes ten unha funcionalidade aínda non coñecida. Como a estrutura cedeu sobre si mesma, as paredes de cerámica están pregadas sobre si mesmas e envolvendo, pechando o interior. Rodríguez indica que brevemente tentarán facer unha maniobra para “desenvolver e separar” as capas de terracota e analizar o interior do edificio, “que eu non creo que sexa habitacional”. O que máis estraña a Rafael Rodríguez é a elección do material. Neses momentos, no século I, esta xente tiña canteiras ao lado mesmo do emprazamento do edificio. Era moito máis doado facelo en pedra que en barro. Teima vintage? Algunha propiedade tecnolóxica que non imaxinamos? “Non o sabemos, pode ser algún tipo de graneiro ou forno que aproveite as características da cerámica”, explica prudente Rafael Rodríguez. En todo caso, a estrutura é inédita para esta época, o final do mundo castrexo, en Galicia. “Coñezo paralelismos en Aragón ou na Meseta, o unas Illas Británicas, pero non aquí”, apunta o director da intervención.

A muralla pantasma
Na nova fase de Monte do Castro lévanse exhumadas 9000 pezas de cerámica de todo tipo, desde as propiamente galaicas ata os materiais de importación que veñen do mundo púnico ou romano. Os arqueólogos volven a recuperar fíbulas –cinco-, que se acumulan ás numerosas localizadas na campaña anterior. A muralla crea agora novos interrogantes: hai zonas onde aparentemente desaparece, como se fose desmantelada, ou non fose construída. “Aínda é cedo para sabelo, estamos moi arriba na escavación”. Os habitantes do Monte do Castro de Besomaño xa levaban neles o xen urbanístico da costa atlántica. “Nalgúns puntos apropiáronse da muralla para edificacións particulares”, sinala Rodríguez.

O horizonte é, nos vindeiros seis meses, explorar outras zonas do castro presumiblemente máis afectadas polas canteiras que explotaron o monte nas décadas anteriores. En concreto, a zona superior, onde hai restos de edificios aínda visibles e, en especial, ao redor da Pedra da Santa, hoxe desaparecida polas canteiras, e na que parecía existir un pequeño conxunto rupestre con escalóns tallados na rocha e unha pía no alto. “Queremos ver se hai algún espazo cultual aí”, sinala Rodríguez, pero dubida do estado de preservación dos restos na parte máis alta do castro.

Entrementres, os arqueólogos seguen recuperando, máis na realidade que na lenda, unhas trabes que lles permitirán comprender, por fin, como se construían as teitumes na época castrexa. Rodríguez está pensando en incorporar unha casa de palla-barro á musealización final do castro. As trabes de cinza vanlle dar as claves para facelo.

7 Comments

  1. OPT
    15 / Xuño/ 2012

    Un castro máis que interesante.

  2. Brigantium
    15 / Xuño/ 2012

    Mi madriña, e ainda o que queda! graciñas Manolo.

  3. Magago
    15 / Xuño/ 2012

    Unha clave vai ser o que pasa fóra desa terraza, no alto da croa, aínda que Rafael Rodrígez pensa que, a priori, pode estar bastante machacada pola canteira.

  4. pmregueiro
    17 / Xuño/ 2012

    Magago,
    ¿sábese dende que época hai cambotas nas casas?
    Teño visto cambotas feitas de barro con un entrelazado de corres/bimbios e trabes de madeira.

    Nos castros xa había cambotas¿¿??

    Un saúdo

  5. 17 / Xuño/ 2012

    Unha boa cuestión, Regueiro, aínda que eu non son a persoa máis axeitada para contestarcho. Nos castros posiblemente non había cambotas. Do fume central subía, como nas pallozas ou nalgunhas zonas do interior de Galicia aínda hoxe, directamente o fume ata o tellado e filtrábase por aí.

    En termos absolutos non che sabería dicir cando e onde aparecen.

  6. pmregueiro
    18 / Xuño/ 2012

    Tal como contan os vellos, na segunda metade do século XIX, ó normal era que as casas non tiveran cambota (só as dos “ricos”).

    E non podería ser que a estructura do castro estivese adicada a uso “industrial” (fundir metáis, cocer e aplicar tintes,…)¿?. Un sitio no que cocer ou manter quente algo que emitise gases non recomendables para a saúde. Unha estructura pechada de barro e madeira con algús respiradeiros.

    A verdade é que me chama moito a atención. A ver se os análises e probas nos dan máis pistas.

    Un saúdo

  7. 18 / Xuño/ 2012

    Si, Rafael Rodríguez pensaba que non era un edificio doméstico, senón que tería outros usos, se cadra artesanais ou similar. Veremos, efectivamente!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará