Ensoñados no románico de Palencia


Fotos: Sole

É curioso, estar en Aguilar de Campóo, gintonics e charla con castelás de Palencia.

-Pero que plana é a Tierra de Campos.
-Eu cando chego aquí, respiro, e digo: “As miñas montañas”.

Aí está a raíz desta zona de Palencia, unha fermosa terra na que Castela comeza a converterse en Cantabria, e as paisaxes abertas gañan volume, recortan árbores contra céos inmensos, engaden regatos corregadoiros, ábrense pistas pardas que se perden en cotos e as numerosas aldeas denotan que estas terras levan poboadas desde moito antes que boa parte da Castela do sur. Por numerosos factores, ao redor de Aguilar de Campóo canteiros, campesiños, monxes e aristócratas pariron un fermoso románico: rexo nos volúmenes dos templos, que moitas veces se recortan solitarios -seica houbo poblados medievais ao carón de moitos, pero nada fica deles-, enchendo de interrogantes a paisaxe de choupas e ulmos. Rexo nos volumes, digo, sinxelo, construído dunha vez, solitario non só no espazo, senón tamén no tempo; igrexas ancoradas entre cipreses, igrexas monásticas baixo muros grosos a medio derruir. E delicado nos pórticos, nos capiteis, nos canzorros, no ábside, onde mil e un relatos se contan unha e outra vez.

Percorremos, a penas guiados, pistas no medio da nada, que conducen a aldeas solitarias nas que a igrexa ocupa a dimensión do mundo, rexe sobre todo, marca as magnitudes. E estas figuriñas dos arcos e dos pórticos, santos, demos, animais mitolóxicos, profetas e cabaleiros, móvense como xoguetes. Hai algo fermosamente poético na súa ruína: desta figuras minuciosamente talladas, tan precisas que te perdes nos pregamentos e detalles dos vestidos, o primeiro que se esborralla é a cara. A identidade propia, se cadra copiada dalgún paisano que contemplaba as obras, é o primeiro que marcha cos ventos, as chuvias, a erosión. E só queda a definición, en ampla do que fumos e vestimos, os puros obxectos.

Todo aquí, na comarca de Aguilar de Campóo, coas primeiras montañas de Cantabria cheas de neve, e o tempo escuro a primeira hora da tarde como se a noite fora arrincar fóra de hora e traspapelada, o románico vístese dun fermoso misterio de campesiños, de horas vestidas, de santos venerados, de camiños percorridos por arrieiros, de sons ao lonxe de cabalgadas de corceis que marchan para a guerra do mouro. En Aguilar o románico é sinal de identidade. As sociedades e o poder escollen sinais de identidade, e aquí o románico prestou. Pero hai máis historias, e magníficas, aquí en Aguilar de Campóo. Logo volas conto.

3 Comments

  1. Alfredo
    23 / Maio/ 2012

    Abraiante o que se pode chegar a facer por un gintonic…

    Xa en serio, fermosas fotografías que amosan unha pequenísima parte dos tesouros que ofrece unha terra, Castela, non sempre ben valorada polo gran público.

    Unha terra testemuña privilexiada de séculos de historia que deixaron a súa pegada en forma de manifestacións artísticas coma o xustamente afamado románico palentino.

    Parabéns e graciñas polo reportaxe gráfico.

  2. odiegho
    24 / Maio/ 2012

    Fermosa terra esa onde Castela e Cantabria xogan as agochadas, onde como no “Valle”, románico,eremitorios e tumbas antropomorfas cohabitan, baixo a maxestuosa imaxe do páramo da Lora.
    Moi recomendable visita….

    Saúde.

  3. 24 / Maio/ 2012

    O románico de Palencia é tan importante como nas fotos trasmites. Aguilar de Campoo conseguiu facerse un sitio singular nun mapa cheo de puntos de interese e o que fixo a Fundación Santa María La Real nese territorio debería ser exportable por decreto!
    Graciñas por compartilo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará