O cocidazo de Casa Villar, na Fonsagrada

Last updated on 8 / Maio/ 2012


Fotos: Sole

Imos ver: como xa dixen o outro día, cocidos hai moitos. Bos, algúns. Espectaculares, moi poucos, aínda que cada un de nós ten a súa selección.

Na miña, o cocido que fai a señora Obdulia en Casa Villar, unha discreta taberna na Parada Vella (A Fonsagrada) é o mellor dos que teño probado. Así de claro volo conto. Leváronnos aló os amigos mariñaos, que todos os anos fan aló unha cocidada espectacular. E por moitos motivos. O primeiro, o gozoso camiño ata a Fonsagrada, entre outeiros e carballeiras, claro. O segundo, a impresionante calidade dos produtos. O terceiro, as coccións, inmaculadas, servidas sen presa ningunha. O cuarto, os postres, tan importantes (ou máis) para Obdulia que o propio cocido. E o quinto: o magnífico traballo como barista de José Manuel Portela, o seu fillo. Pero imos por partes. E vaia partes!

Na Fonsagrada o cocido non se anda con historias. Aquí só é de porco: nin galiña, nin vacún, nin polo, nin nada. Uns magníficos porcos do territorio, que me fan dar a risa con isto do ‘quilómetro cero’. En Galicia, moitas casas de comidas teñen non quilómetro, senón metros. Debera haber restaurantes ’50 metros’ ou restaurantes ‘100 metros’. E algún mesmo será restaurante cinco metros. Os amigos que nos convidaron a esta celebración da vida fan unha excepción: na Fonsagrada a tradición seica non sirve sopa do cocido antes do cocido pero eles piden caldo, e é un caldo glorioso, delicioso, de verza, do que dan gañas de repetir platos se non temeras o que logo vai vir…

Deliciosas carnes, a verdura, xenos, refogada e quente, o chourizo e a chanfaina -que na Fonsagrada se facía antes con carnes de segunda e pel, a diferencia doutras partes de Lugo, onde se lle botaban as vísceras, os pulmóns…-, o botelo, a excelente cacheira, o lacón…

-Cómelle o negro -instrúe Toño sinalando o interior da cacheira, aló onde se concentra todo o mellor do sabor do porco.

Os cocidos, prolongados no tempo, son un in crescendo sonoro, conforme os bafos, os viños e a ánima calórica do suído van facendo efecto. Pouco a pouco o sentimento é de liberación colectiva e hai quen, máis ou menos discretamente, abandona a sala en dirección ao segredo que garda Casa Villar. O resto non. O resto quedámonos ao que vai vir, que non é menor. O arsenal doce da señora Obdulia, que entra e sae da sala como todas estas grandes mulleres da cociña luguesa: inmensas, cariñosas, abrazando ao persoal. E aquí chega:

A batería de postres remata con ese espectacular final: a tarta da Fonsagrada. Unha desas xoias da nosa gastronomía, moi pouco coñecidas. Trátase dunha tarta, digamos, certamente calórica: feita a partir de manteiga e améndoas. Miranda coméntame que posiblemente proceda de Suíza, onde emigraron moitos fonsagradinos ao longo do século XX. Esta bomba doce -que é riquísima- moi posiblemente veña dalgún cantón alpino, pero teño certa impresión de que soubo adaptarse moi ben á casuística da Montaña luguesa.

Rendidos e emocionados, agradecémoslle esta festa da vida a Obdulia, esta matrona montañesa de aires inconfundiblemente galaicos. Como todas as comidas ben feitas, a sensación é de desborde e contención a un tempo: a cociña está tan ben preparada que ao cabo de dúas horas a proba pantagruélica está separada pero o recordo xa non marcha nunca. Pero aínda queda o mellor.

José Manuel Portela, o fillo de Obdulia, é Campión Galego de Baristas. Contan que cando se fixo co título, alguén lle comentou que o poderían contratar nalgúns dos bos locais hosteleiros de Galicia.

-Eu xa teño unha taberna nunha aldea da Fonsagrada -dixo el, razoablemente cheo de sentido.

Portela traballa durante a semana para Cafés Candelas: viaxa por España e Portugal ensinándolles aos donos dos bares a facer bos cafés co produto de Candelas e que non esghracien o nome da marca. Pola fin de semana volve a Parada Vella e sírvelles aos paisanos, aos cazadores, aos labregos, aos médicos rurais, aos peregrinos cheos de frío, aos viaxantes de roupa interior, aos gandeiros do vacún máis aireado do país selectos e delicados cafés, que non se poden degustar doadamente nas cidades máis grandes de Galicia. Viaxa a México para conseguir mesturas especiais e manexa unha impresionante carta de 40 ou 50 referencias de xenebra para facer uns gintonics de absoluta altura. Elementos absolutamente diferenciais doutras casas cocideiras do país, onde o apartado líquido, en xeral, acumula deficiencia tras deficiencia.

O cocido en Casa Villar custa 26 euros. Hai que reservar en fins de semana cun ano de antelación, non é broma. E só se prepara o cocido para grupos. Teléfono: 982 354 053 / Localización.

8 Comments

  1. Maribel
    30 / Abril/ 2012

    Damos fe de todo lo que cuentas sobre Casa Villar. Desde Madrid no costó que nos reservaran un día para probar el cocido, los fenomenales postres, y el arte en el café y los gin-tonic. Fue inolvidable.
    Os lo recomendamos a todos, probar si tenéis suerte y encontráis un hueco en la agenda de Obdulia.

  2. r.r.
    30 / Abril/ 2012

    :-O (e babas).

  3. 1 / Maio/ 2012

    Só faltou que eu estivera ahí, pero estarei.

  4. Orso
    1 / Maio/ 2012

    Tamén eu dou fe de todo o escrito, vou todos os anos un par de veces, unha tradición gastronómica que parece que compartimos unha chea de xente privilexiada que atopou un furadiño na apretadísima axenda de Dona Obdulia. Paradavella convertiuse no paraíso do cocho.
    Saúde

  5. mar corbelle
    4 / Maio/ 2012

    Estrelas Michelín?? Para que? Casa Villar é un pedazo de ceo estrelado, alí non só se vai a comer. Obdulia e a súa familia consiguen que saias coa alma chea de ledicia porque non se pode ser mellor cociñeira nin mellores persoas. Nótaseme un pouco que os quero de corazón. Cada un fai país á súa maneira, Casa Villar puxo a Parada Vella no mapa e merecen que lles demos as grazas. Non perdades ocasión de pasar por alí, e despois de comer baixades o xantar paseando e disfrutando da paisaxe. Merece a pena.

  6. Ero Sante
    10 / Maio/ 2012

    E se a todo esto que escribes (que é boa verdade), lle sumas a calidade humana desta xente e o trato que dan… pouco mellor plan se pode buscar para unha fin de semana que teñamos libre!!!
    Unha aperta a Casa Villar e á súa xente!!!

  7. Juan
    10 / Maio/ 2012

    Dou fé de todo o que escribides, e síntome moi afortunado de telos como familia, o meu primo (e Laura, el xa sabe), os meus tíos e a miña avoa, todos maravillosas persoas, quérovos un montón.

  8. Anxel Garcia Marcos
    25 / Abril/ 2016

    La verdad es que te sientes como en casa. La gente es encantadora. El trato es familiar. La comida exquisita y muy abundante. Realmente vale la pena venir hasta este recóndito lugar de la Fonsagrada para deleitarse con sus manjares. Y los postres son el broche de oro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará