O petróglifo de Filladuiro: arte contemporánea na pedra de Carnota

Así o di Fernando Alonso Romero no seu interesante artigo do Anuario Brigantino “Análisis etnográfico y arqueológico de una Diosa Madre en el petroglifo del Outeiro do Filladuiro en Mallou (Carnota, A Coruña): «Coviñas» y círculos” (ler en PDF).

En el lado occidental del «Outeiro do Filladuiro» sobre una roca plana a ras del suelo, se encuentra un sorprendente petroglifo que nos trae a la memoria la imagen de una mujer con un niño en brazos, aunque diseñada de tal modo que más bien parece obra de un autor del siglo XX que de un artista de hace miles de años.

O outeiro do Filladuiro é un afloramento rochoso do fermosísimo circo montañoso que rodea Carnota. A laxe na que está este estraño petróglifo, ao carón do outeiro [localización], está directamente sobre o Castro de Mallou. Nos seus tempos, un rapaz áxil tardaría uns quince minutos en chegar do castro ata este intrigante lugar. E velaí están esas formas. Coincido con Alonso Romero na cautivante modernidade da figura. Os que alí estivemos hoxe non tiñamos nada claro que fose unha representación dunha matrona cun neno, pero a fermosura do petróglifo, a súa estrañeza e peculiaridade cautivounos. No artigo de Alonso Romero o profesor Miguel Pérez Dieste representou así as formas que se poden ver alí.

Sen embargo, a sucesión de relevos, coviñas cadrangulares -unha nota de ‘estilo’ habitual nestes montes de Carnota por parte dos artistas prehistóricos- e eses sucos concéntricos que lle outorgan dinamismo á figura tenden a facer máis incrible a paisaxe que te rodea, de mar, rocha e vento. A partir deste punto, todas estas ladeiras do circo de Carnota van representar un dos teatro máis impresionantes de petróglifos de Galicia, inzando canta laxe hai de motivos máis ou menos abstractos. O toxo acocha e devora a maior parte destas representacións ata o vindeiro incendio masivo. Entrementres, é difícil non atraerse por esta figura do Filladuiro. Podería estar aquí, pero tamén no CGAC, no MoMA ou na Tate Modern. Pero está aquí e nos fala desde milenios atrás, cántanos unha canción que non conseguimos entender. É normal que haxa quen sinta os versos dun berce.

Como chegar:

Cando subides á senda verde de Carnota desde Lira, chegaredes diante do Outeiro do Filladuiro (vese porque é o único afloramento rochoso destacado no seu contorno inmediato). A laxe do petróglifo está á dereita, segundo mirades para o petróglifo. E aquí veredes un estreito e angosto acceso pola vexetación, como se amosa aquí:

8 Comments

  1. Ernesto
    15 / Abril/ 2012

    Ah… Seoane….

  2. 16 / Abril/ 2012

    Aí estamos.

  3. Nemigo
    16 / Abril/ 2012

    e o debuxo di que é do petroglifo?

  4. 16 / Abril/ 2012

    E logo que problema lle ve?

  5. 16 / Abril/ 2012

    Ben apuntado o de Seoane, mais o primeiro que se me veu á cabeza foi Xaquín Marín. Calquera figura humana espida das ilustracións da súa primeira época.

  6. Céfiro
    16 / Abril/ 2012

    Bo lugar para experimentar os efectos do vento Céfiro

  7. 16 / Abril/ 2012

    Exactamente, Céfiro. E xa se ve que houbo quen o experimentou. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará