La Olmeda: fantasías baixorromanas ao carón da autoestrada


Fotos: Sole

Se nestes días percorres a autoestrada do Camiño de Santiago (entre León e Burgos) é probable que na saída de Saldaña, antes ou despois, vexas unha indicación cara a vila romana de La Olmeda. Proba a seguir a flecha. ;-) No interior do post tes máis información.

A vila romana de La Olmeda é un espectacular pazo da aristocracia rural da baixa romanidade (século IV), un espazo privilexiado para comprender a conformación dunha caste de possessores que se instalan nas súas propiedades nos campos fuxindo da inestabilidade política, social e fiscal das cidades. A vila xa apunta maneiras interesantes que avanzan o periodo tardoantigo, coma os catro torreóns que delimitan os estremos do sitio arqueolóxico, a sorte de castelo prefeudal. Pero tamén outras prácticas intrigantes e moi, moi antigas, como unha especie de depósito fundacional (na vila non se atreven a definilo así) caracterizado por numerosas astas de cervo soterradas xusto na entrada da mansión.

Pero o que provoca que a La Olmeda vaian familias enteiras son a deslumbrante cantidade de mosaicos de gran calidade que definen toda a vila. Hainos xeométricos e outros que representan escenas gozosas para os ricos romanos: a caza ou as escenas mitolóxicas. La Olmeda está reinagurado cun novo edificio que protexe a totalidade do sitio arqueoloxico e que permite ver a vila romana en toda a súa dimensión.

O habitual é parar alí e logo ir xantar a Saldaña, onde se está desenvolvendo unha pequena industria turística local vinculada ao sitio arqueolóxico e o seu museo. Nós xantamos nun bonito lugar, La Casa Torcida, e non foi mal.

3 Comments

  1. Pancho-Lapatianco
    4 / Abril/ 2012

    Cadrounos visitala en Setembro do pasado ano camiño de Soria. Expectacular e abraiante polas súas dimensións, e excepcional calidade e cantidade dos mosaicos. Apampábamos con cada sala, cas súas dimensións. A guía ben entendendo que a maioría dos visitantes non tiñan moita idea do que estaban a ver (por suposto, non faltaron as preguntas sobre as esvásticas, tan denostadas hoxe). Ós demais quedáronnos moitas ganas de preguntar máis, pero chega un momento que te cortas. E paga a pena falar do edificio que o contén todo (pensemos en Dombate). O das astas alí “in situ”, o do lume (aquí houbo que tirarlle da língua á guía para que falara algo dos bagaudas) … Magnífico sitio para entender aquela sociedade e mundo en transición. Paga a pena volver cando viaxemos cerca dalí.
    Finalmente, no noso caso o xantar fixémolo en Carrión de los Condes, cheo de pelegríns.
    Tamén tocou o pasado ano unha visita á vila romana de Veranes. Pero sendo magnífica e diferente, non ten comparación con esta.

  2. 7 / Abril/ 2012

    Na zona ibera as mesmas tipologias de depósitos fundacionais tenhem continuidade -nalguns casos- desde o Bronze Final à Baixo-Romanidade, e se repetem desde villae até em grandes edifações nas cidades. E lá não tenhem problema para ver que existe uma continuidade, algo similar topou o grande Merrifield para a Britania romana.

    Queda por engadir ademais que estas continuidades não são demasiado problemáticas, mesmo há algum texto medico tardo-antigo que recomenda enterrar determinados ossos de animais em zonas concretas da vivenda como meio profilático.

  3. Pepe S.
    11 / Abril/ 2012

    Fará uns dez anos visitei a Olmeda e tiven a sorte de ser atendido por Javier Cortés, descubridor e conservador da vila, que faleceu recentemente. Daquela explicoume que o deposito de astas de cervo interpretábase, con outros indicios (a calidade única dos mosaicos), como demostración que o edificio era utilizado como pabillón de caza polos máis altos dignatarios romanos.
    Tamén resultoume curioso que o conxunto de mosaicos salvouse da destrucción precisamente por que un incendio na vila derrubou os teitos, que cubriron suficientemente os mosaicos para que nin a agricultura nin a erosión de siglos os danara.
    Daquela a vila ainda estaba cuberta cun tingladillo de chapa e uralita. Haberá que volver a visitala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará