30 de marzo: Presentamos Herdeiros pola forza

Last updated on 22 / Marzo/ 2012

Eis Herdeiros pola Forza, un ensaio escrito a catro mans polo arqueólogo Xurxo Ayán e máis eu ao longo deste ano e editado por 2.0 Editora. O libro está escrito desde a vella tradición dos libelos: axudar a transformar a realidade. Herdeiros pola Forza é un ensaio escrito desde o noso amor ao patrimonio cultural galego e a partir da experiencia persoal e profesional de cada un de nós, que somos novos pero xa non somos uns rapaces: no caso de Ayán, desde o sector da arqueoloxía profesional e, no meu, desde o de divulgador e activista cultural. A partir de textos xa publicados, pero revisados, e outros textos escritos especificamente para o libro, queremos construír unha ollada crítica sobre a relación entre a sociedade galega, os científicos, os xestores e o inmenso patrimonio cultural do país. Unha visión sincera, pero tamén chea de futuro, tentando abordar dun xeito novo temas dos que moitas veces non se fala en voz alta, e outras veces en voz demasiado alta. Máis que un libro, é unha ferramenta para o debate sobre a nosa relación co patrimonio cultural, que o reindicamos vivo, social e construído -si, construído- entre todos.

Nos vindeiros días saberás máis sobre Herdeiros pola Forza, pero agora mesmo queremos convidarte a que nos acompañes no día da súa presentación, porque será un acto moi especial. Así que reserva a túa axenda!

O venres 30 de marzo ás 20:30 horas abriremos o Antigo Colexio dos Irlandeses, ou Pazo de Ramirás, un dos recunchos descoñecidos de Santiago de Compostela, xa que non é visitable para o público xeral. A familia propietaria actual permitiu abrir as portas do Pazo para esta presentación; a eles, a Sonia e a Nur agradecémoslles as súas xestións e permisos fondamente.

Cando entres no Colexio dos Irlandeses estarás no lugar dunha das historias máis emotivas e vibrantes da vella Compostela. No ano 1601, os resistentes irlandeses caen na batalla de Kinsale contra as tropas británicas, e moitos dos nobres gaélicos combatentes expatríanse en Galicia. O bravo Red Hugh O’Donnell e o seu grupo de cabaleiros, Raymond Burke, Hugh Mostian, os fillos de O’Sullivan Beare entre outros, todos eles nobres da vella Irlanda gaélica, chegaron á Coruña como expatriados, heroes derrotados do seu país; eles foron parte dun dos episodios máis poéticos e dramáticos da historia irlandesa, The Flight of the Earls. En Compostela, Henry Mc Carthy ponse á fronte da fundación do Colexio de San Patricio en 1605, e o obxectivo primeiro era un: confiar na educación para preservar a memoria e os costumes do seu país natal entre os fillos daqueles Earls e nobles que vivían nesta terra soñando na outra. Fascínanos esta historia: a construción dun centro de cultura como xeito de preservar a memoria e a identidade en terra allea. E fascínanos a idea de patrimonio oculto, do patrimonio ausente da vida actual de Compostela, pero tras do cal hai un relato intenso, de seres humanos, de perdedores. Por iso estaremos alí.

O Colexio dos Irlandeses está na Rúa Nova de Santiago de Compostela. Aquí podes situarte:


Ver mapa máis grande

Ah, e estarás convidada/o a licor-café. ;-)

14 Comments

  1. ulmo de arxila
    22 / Marzo/ 2012

    Dous cracks do tema em acçom, e ainda por acima licor café para alegrar os corpos e clarejar as mentes… ali estaremos! :)

  2. manuel
    22 / Marzo/ 2012

    E os que andamos lonxe taremos de presentes de ialma.
    Un saúdo

  3. 23 / Marzo/ 2012

    Seguro que si, Manuel!

    Ulmo, será un pracer que andedes por alí. :-)

  4. G.
    23 / Marzo/ 2012

    ¿Onde podemos mercar o libro?

  5. 23 / Marzo/ 2012

    Nas librarías, a distribución é a habitual. O que non sei é se xa se remitiu ou se fará despois da presentación.

  6. 23 / Marzo/ 2012

    non poderei andar por Santiago nesas datas pero parabéns aos dous por esta obra tan necesaria.

  7. Roberto
    23 / Marzo/ 2012

    Mágoa por non poder estar alí pola data, pois de seguro que a ocasión o require. É máis, sería un auténtico pracer disfrutar dese momento.

    Parabéns¡

  8. david
    25 / Marzo/ 2012

    entraredes en calesa ti mailo Xurxo; sería o seu; sempre me sorprendeu esa entrada, as alturas, as rodeiras
    se notades unha fría de vento do mar, serei eu en espírito, de corpo presente non vai doado ires canda vós;lástima

  9. 27 / Marzo/ 2012

    Estarás connosco, David, seguro. :-)

  10. daflores
    27 / Marzo/ 2012

    Por desgracia el título del libro está muy ajustado a la realidad del patrimonio histórico gallego. Es muy importante mantener esta actitud activa de denuncia por un lado y de enaltecimiento por el otro para cambiar esa realidad, ánimo con ello. Por cierto, el reportaje de unha viaxe a illa dos mortos se pareció estupendo.

  11. daflores
    27 / Marzo/ 2012

    Con respecto a los irlandeses que llegaron a A Coruña en 1602, un descendiente del legendario Red Hugh O’Donnell sigue viviendo en España, Hugo O’Donnell, historiador naval, miembro de la Real Academia de la Historia, jefe de invetigación del Museo Naval de Madrid… fue entrevistado hace poco en RNE1 cuando conmemoraron la memoria de su tatarabuelo Red Hugh en Valladolid donde está enterrado: http://innisfree1916.wordpress.com/2011/12/14/odonnell-abu/
    Saúdos!

  12. Patrieira Pereira
    1 / Abril/ 2012

    Tiven a sorte de estar na presentación e só podo darvos os parabéns e as grazas! Parabéns pola presentación e a organización que foi estupenda, e tamén polo libro, que xa estamos a devorar na casa; e grazas por ternos descuberto un recuncho tan lindo en Compostela, pois teño que dicir que a pesar de ser picholeira de toda a vida descoñecía tanto o interior do edificio como a historia que agochaba. Unha aperta!

  13. 1 / Abril/ 2012

    Grazas, Pereira!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará