Un pasado recén lavado

Last updated on 4 / Febreiro/ 2012


Fotos: Sole

É curioso, pero adoitamos prestarlle máis atención cando facemos turismo a determinados edificios entendidos como “nobles”. Casas consistoriais, fortificacións, igrexas, pazos de ricos, e variantes. Gústanos moito máis iso que ver os espazos habitados por xente coma nós. Sen embargo, non hai que perder a óptica.

Lembro cando levamos á miña avoa ao Pazo Real de Madrid. Abreu moito a boca na sala feita de porcelana chinesa e dixo admirada:

-Canto hai que limpar aquí.

E tiña toda a razón do mundo, que raio. Admiración vista desde a óptica persoal, non só o que nos dixeron que había que ver, disfrutar e emocionar.

En Betanzos, na miña querida Betanzos, hai aínda moitos secretos por descubrir. O leigado dos irmáns García Naveira é enorme e abraiante por moitos motivos. O outro día perdímonos nesta obra fascinante de arquitectura civil: un lavadoiro público de finais do século XIX. Para aquelas sufridas mulleres da sociedade brigantina de finais de século, esta obra debeu mellorar as durísimas condicións do lavado diario nas ribeiras do río Mendo. Hoxe, esta curiosísima construción está metida no medio do casco urbano, cunha fermosa ponte do XVI ao carón. Parece un mamotreto pero en realidade é un espazo moi enxeñoso.

Cando baixas ata ela, todo cheira a roupa lavada no río: o perfume fresquísimo que te envolve nesta fila de tiras enormes. A pradeira está chea de cores que abanean co vento. O lavadoiro ten unha curiosa forma. Dúas filas para lavaren roupa, pero o fascinante é a zona de enriba. Unha auténtica malla de telarañas de cabo atravesan por todas as partes das pasarelas de madeira que permiten gañar e gañar metros para tender roupa e daste conta, nese momento, de que son eses curiosas paredes furadas que se aprecian desde fóra. Isto é un hórreo xigante! Reflexos e miles de raiolas fíltranse neste decorado de película, que mestura de forma voluptuosa o irreal co cotián, mentres o vento -xúrovolo- voa aquí dentro, vai e vén, coma os peixes nunha peceira. Hoxe só algunhas persoas deben continuar lavando nas augas do río Mendo, que bendice montes arriba a Moura de Pena Furada. Pero esas poucas mulleres enchen de frescor todo este lugar.

Imaxínome este lugar, cabo de 1910, esa época tan descoñecida do noso pasado recente. As augas do río Mendo cheas de xabrón. As mans aterecidas e con sabañóns ante estas augas frías que baixan cara as Mariñas. E, canda elas, cantigas, nenas prendidas das saias das nais, o fume prendido no fondo, o rebufo de ducias de mulleres que multiplican as voces neste edificio oco, cruzado intencionalmente polos ventos dos irmáns Naveira.

Un lugar, único, digno de ver. Unha xoia que se conservou miragreiramente do desarrollismo das últimas décadas.

Un pazo das xentes do común.

3 Comments

  1. 31 / Xaneiro/ 2012

    Vaites! Cando volva por Betanzos teño que buscar este edificio.

  2. alvarez
    4 / Febreiro/ 2012

    Fermoso texto e fotos e sobre todo fermoso lugar.
    Pois a miña aboa, cando a miña nai mercou a lavadora, tivo un disgusto enorme e non llo deu perdoado. Como a aboa non era moi de misa o contacto coas veciñas o tiña no lavadoiro e no traballo das leiras. E ela ainda foi alguns anos a lavar a sua roupa ate que se acabou definitivamente o seu mundo nesta parroquia viguesa: Os campos converteronse en fincas, as tendas pecharonse porque todos ían o hiper, a vida na parroquia foise esmorecendo e o lavadoiro pasoulle o que a nos, anegouse.

  3. juan
    4 / Febreiro/ 2012

    estupendo!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará