A Pata dos Poetas: receitas de contundencia e sabor decimonónico en Celanova

Coñecín a Pata dos Poetas por un post de Rabudo hai mil anos (Nacho, onde estás?). Así que cando Alfredo Montero nos propuxo achegarnos a Celanova a honrar a memoria de Celso Emilio, no centenario do seu nacemento, non dubidamos pola oferta. Baixo a chuvia xélida, entre crestas de tumbas de estilo decimonónico que máis parecían luguesas que ourensanas, recitamos os versos do poeta, nos días nos que a min, sempre, me cadrou honrar os mortos. Invernía, vento, incomodidade, palabras que levan os ventos, que só a poesía e a fermosura pode quentar.

Cando chegou a noite envolta en nardos,
coutou a derradeira luz do día,
que aguniaba alá lonxe
como brasa mortiza dun rescaldo.
(como brasa mortiza
ten sido a miña vida,
como brasa mortiza dun rescaldo.
Por eso vivo coa angueira
de non saber se son lume
ou se son somente fume
dunha remota fogueira).

Baixo os paraugas, en silencio, os versos prenden entre as lápidas húmidas, como se a auga fora gasolina. Como todos os grandes, Celso Emilio levaba na fronte unha estrela.

Despois do recitado, como unha invocación que en Celanova esvara entre as fermosas rúas deste minúsculo casco vello rexido pola inmensa casa de San Rosendo. O novo Forno do Lito [988 432 105 / localización] e pendúrase sobre unha praciña, a de Cervantes, que dá ao mercado republicano de Celanova, coa súa tipografía, e a outras casas burguesas do casco vello. Aquí tómase un prato único, de estirpe picadilliana, porque foi no Picadillo onde o Lito atopou a receita da Pata que inicialmente se chamou do Erminio (en homenaxe ao taberneiro que a preparaba antes) e logo pasou a chamarse a Pata dos Poetas. Curros, Ferrín e Celso Emilio recórtanse nos cristais do comedor. Aquí cómese moi ben.

Por exemplo, non hai como comezar cuns Riles con Miolos, prato sincero onde os haxa. Velaí están os miolos achegando consistencia ao preve deste prato de riles. Hai que probalo. Logo chega a fartura.

A Pata dos Poetas. Fanse os xoves e os domingos porque dan moito traballo. E mellor encargala antes. Se son de bo dente, unha por cabeza vai ben. Se hai membros do equipo comensal máis remilgados, media ou tres cuartos abondan, pero non se priven. A ración vale 11 euros, así que unha por cabeza é valor seguro, e despois lle ofrecen levarse as sobrantes. Esta pata, todo cartílago, desosada, vén acompañada duns imposibles xamón, chourizo e patacas cocidas. É unha delicia non ten.

-Grasiña non ten, grasiña non ten -tranquiliza unha das mulleres do Forno do Lito- É todo xelatina.

O que é, vén sendo unha delicia, e máis nada. Un prato decimonónico encravado nunha praza decimonónica. Miren para o Lito. Tamén e decimonónico. E o seu socio e amigo da Taberna O Tellado (recomendamos visita previa) tamén é decimonónico. Había servirlle Ribeiro a Curros Enríquez.

De algún xeito, máis frivolo, pero igual de intenso, non hai poesía, pero si cultura nesta Pata dos Poetas, un prato único que se degusta en Celanova, e non sei se nalgún sitio máis. E moita.

Acompañando uns chipiróns encebolados, viño de Valdeorras e de Chantada, e máis uns postres -ben normaliños, permítanme a licencia, mandeime unha tarta ao whisky-, a historia saiunos en 22 euros por cabeza. Non está ben por comer unha pata de poeta?

2 Comments

  1. 17 / Xaneiro/ 2012

    Es un plato contundente pero muy sabroso. Perfecto para estos dias de frio. Enhorabuena por este buen post

  2. Pedro iglesias Muiños
    26 / Maio/ 2016

    Cominna hoxe. Excelente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará