Unha prospectiva sobre o ámbito de Internet e a cultura en 2012

Como sempre digo, o que me interesa a min das predicións para o seguinte ano non é tanto facer de gurú (que é o mellor xeito de equivocarse), senón polo exercicio prospectivo que supón, e porque obriga a reflexionar máis ben sobre o ano que pasou, neste caso 2011. Aquí van dez ideas para 2012 no ámbito da comunicación, cultura e tecnoloxías da información.

1. O mercado das apps e o pequeno software estará en expansión, e mesmo se convertirá nunha importante vía de negocio e de creación de pemes TIC, así como desenvolvedores independentes. Serán como uns novos 80: equipos de dous ou tres programadores poden triunfar. Farán falta xestores con visión estratéxica para complementalos.

2. 2012 vai ser o ano do avance de plataformas ‘legais’ de descarga de contido cultural no ámbito audiovisual e a consolidación de modelos de negocio novos no sector da música. Non sabemos se Spotify sobrevivirá, pero si abriu un camiño moi interesante. A BBC está deseñando a súa entrada no mercado internacional, Hulu tamén…

3. O mundo editorial vai sufrir o impacto da lectura electrónica de xeito crítico. Aínda que isto se di todos os anos, creo que efectivamente este vai ser un ano crítico para o consumo de libro electrónico canibalizando ao libro en papel. Pero non vai ser doado que as editoras reaccionen con plataformas e prezos competitivos, malia os moitos intentos un tanto errantes dos últimos dous anos. O que imos ver unha emerxencia enorme do consumo de libros ‘reformateados’ polos usuarios e consumidos sen transacción económica intermedia. ePUB é o novo DiVX ou AVI. Cando a industria asuma realmente as consecuencias disto, como no audiovisual, vai ser moi difícil invertir esta tendencia. Se primeiro foron os libros técnicos, practicamente desaparecidos do papel, agora vai ser un momento decisivo para a narrativa para adultos. O libro en papel de LIX será o que mellor ‘resista’ a canibalización, polas súas características editoriais e de consumo. Vaille pasar como á radio en relación á prensa. Sen embargo, non sei se a Amazon lle irá ben na venda de libros electrónicos. Creo que o negocio, para todos, para as multinacionais da distribución culturla e para as editoras, aínda tardará como mínimo dous ou tres anos en chegar.

O que si está claro é que cada vez máis a lóxica cultural lévanos a transformar o formato dos libros. Eu son un namorado do libro en papel, pero nun vindeiro libro que imos publicar un amigo e máis eu de maneira inminente, os editores propuxéronnos conectar mediante códigos QR os textos con material multimedia no web que o usuario pode ir vendo mentres le: unha pura experiencia transmedia. Non só nos pareceu o máis normal, senón que en 20 minutos tiñamos todos os textos relacionados con vídeos. Sen sabelo, iso é o que queriamos.

4. Facebook vaise estancar pero Twitter aínda está na fase de crecemento no noso contexto, e con ratios fortes. Segue sendo precisa unha ‘aplicación social global’ pero creo que o tempo de consumo de Facebook vai descender por certo cansanzo dos usuarios. Hai dúas posibilidades: que a atención se centre en aplicacións de usos moito máis específicos ou nunha nova killer app que substitúa a Facebook, cousa máis complicada.

5. Os medios de comunicación en papel van sufrir un 2012 cunha invernía tremenda, a xulgar polas previsións económicas xerais do primeiro semestre que repercutirán no custe publicitario e, sen dúbida, na publicidade do principal axente anunciante: as institucións públicas. Veremos en que queda e cantos máis caen.

6. Sen embargo, creo que se está inaugurando unha nova era para a xestión e a comunicación cultural: vai máis alá das utopías e pensa un negocio que se basea nunha maior transparencia nos prezos e nos investimentos, pero que deberá compensar esa redución da plusvalía de cada venda con aspirar a unha distribución máis masiva dos obxectos culturais que permita manter marxes económicas interesantes. Creo tamén que a propia noción de ‘obxecto’ cultural está en retroceso: discos, libros, películas…o camiño está indo cara os servizos de calidade, para marcas de talento. Dito doutro xeito: o futuro non é The Wire, senón HBO.

7. Sen embargo, este novo modelo ten un problema: baséase profundamente na disrupción, na reinvención. O capítulo de I+D da industria cultural era sempre a irmá pobre do orzamento contable. De feito, o I+D descentralizábase nos escritores ou no tipo que tiña “unha gran idea”. Pero o problema é que agora, as marcas paraugas van precisar reinventarse para manterse con vixencia. E non é a típica frase retórica que se di nas conferencias sobre estes temas. Falo da reinvención como un proceso estrutural, como parte do traballo diario.

8. Vanse reinventar o tema dos ‘community managers’ e todo iso. En 2010 houbo bastante xente que gañou diñeiro predicando con isto, pero non deixaba de ser todo bastante inconsistente na súa aplicación práctica (obter vendas e visitantes), máis alá dos estudos de caso (que sempre fican lonxe). Polas miñas conversas nos últimos meses do ano, percibo certa decepción ou fastío en empresarios ou xestores de produto ao redor de todo isto, ou inquedanzas para saber que hai despois do “Gústame” e as participacións en concursos. Creo que se vai reducir o investimento neste ámbito e vanse comezar a explorar novas vías de relacións cos usuarios (iso si, penso que as redes sociais viñeron para quedarse; as webs son conxunturais, pero a relación entre marca e consumidor é estrutural no sistema capitalista e a tecnoloxía perfecciona este elemento).

9. De ‘blogs’ e ‘perfís’ a ‘servizos’ ou ‘marcas’. Os blogs (cando menos o meu) foille estupendamente ben en termos de audiencia e impacto con respecto ao ano pasado. Creo que sería pouco intelixente prescindir deste formato xusto nun momento no que os cibermedios están empeorando a súa calidade de información e os blogs seguen funcionando moi ben como canle de lectores. O que si acontece é que agora o formato é 360º: non toca só o blog, senón redes sociais e intervención no mundo real. O que estamos vendo, en realidade, é a consolidación doutra cousa. Algúns chámanlle ‘marca persoal’, pero non o teño claro. Pero eu se fora ti, e tes un blog, seguiría pensando en telo ben mantido. O que está claro é que o novo modelo é máis inconsistente, menos preciso, pero dun impacto potencial tremendo. Tamén é máis arriscado. A reputación é algo tremendamente voluble.

10. Nunha perspectiva galega, a rede segue aínda falta de numerosos proxectos de ‘base’. Fican moitísimas cousas por facer, moitísimos contidos por tocar e moita xente por conectar. Como sempre digo, os sistemas pequenos sempre tenden a ser redutores: cando un espazo social é pequeno tende a empequenecerse aínda máis e reducir o número de membros. Aos galegos préstanos Internet: permítenos invertir este proceso e ampliar os espazos sociais. Ese é o noso grande reto para o vindeiro ano. Abrir máis espazo social, conectar persoas, catalizar ideas.

3 Comments

  1. Diego
    2 / Xaneiro/ 2012

    unha reseña dun libro que parece interesante
    Contra el rebaño digital. Un manifiesto de Jaron Lanier

    Con ideas como estas:
    “… es necesario reflexionar y pensar por qué el negocio está en la publicidad en lugar de los contenidos, en generar información llamativa en lugar de profundizar en la misma o buscar nuevas formas narrativas.”

    http://cort.as/1SqC

  2. 3 / Xaneiro/ 2012

    Sen dúbida, pero eu creo que en parte o novo modelo de negocio está xa nos novos xeitos narrativos, aínda que non os sabemos ver como tales. Procesos como a personalización e o reformateo de contido -o que fai Flipboard.- van nesa liña. E funcionan con éxito.

    Conforme avancemos na dixitalización veremos que non hai unha soa fórmula, hai moitas.

  3. elixio
    3 / Xaneiro/ 2012

    Non sei se esta plataforma vén a dar resposta a algo do que falades sobre a prensa escrita en internet, e sobre novas fórmulas de prensa dixital, ou se é una proxecto de base novedoso, ou é unha maneira de conectar persoas, ou é unha maneira de que non “pechen as fontes”, ou se hai que pagar por informarse, ou se é unha empresa con moitos accionista ou unha intervención no mundo real..ou se vai ter “marcas persoais” e incluso se vai gañar diñeiro ou ampliar espazos socias.
    http://www.20minutos.es/noticia/1099265/0/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará