O que contan os obxectos (e III): a memoria e a fundación

Last updated on 28 / Decembro/ 2011


O nivel máis antigo do Monte do Castro. Foto: equipo arqueolóxico

Durante moito tempo, algúns especialistas defenderono que os castros galaicos non tiñan “estatigrafía”, é dicir, que a diferencia das grandes civilizacións mediterráneas, os castros galegos non foran evolucionando no tempo, ancorados sempre no mesmo nivel, sen a penas evolución arqueolóxica ou arquitectónica. Isto era unha auténtica parvada. A medida que novas xeracións comezaron a cavar para abaixo, comprobaron que os xacementos que se exploraban no último nivel -que chegaban ata o cambio de era, ou algo máis alá-, en realidade podían ter fundacións tremendamente antigas, cara o 900 a.C. É dicir, poboados con mil anos de historia. E esa historia estaba reflectida nos estratos, vaia se estaba.

Quen vaia de visita ao Monte do Castro de Besomaño vai encontrar algo nada habitual nos castros. No canto de ampliarse, a escavación profundiza, baixa por debaixo das casas castrexas e introdúcese en mundos anteriores, que se poden ver e entender con claridade meridiana. O equipo de Rafa Rodríguez está a revelar cando menos tres niveis importantes de ocupación do castro. O último nivel, o da destrución, iníciase máis ou menos a finais do II a.C. e chega ata o incendio dos anos 40 ou 50 da nosa era. Este nivel está construído sobre outro anterior, do século III a.C., tamén de cabanas de pedra. “E as casas deste segundo nivel”, asegura Rafa Rodríguez con curiosidade, “están mellor construídas que as do último”. Aquí, neste segundo nivel, atópase unha chea de cerámica de importación púnica e fenicia, ao igual que está acontecendo, neses mesmos momentos, nos castros de Neixón, coa diferencia de que toda esta punicada está máis terra adentro e non cabo do mar -isto é un dato importante-.

E despois hai un nivel anterior, que se percibe pola cantidade de furados de poste que se meten no xabre e que converten a terraza do castro nun auténtico campo de golf. Estamos falando nin máis nin menos que do século V a.C., e neses momentos, nos castros galegos as casas de palla-barro. Nalgunhas zonas de Galicia, do interior ou mesmo próximas á Coruña, como no castro das Travesas, as casas de palla-barro chegarán practicamente ata época romana. Noutras áreas atlánticas, como as Illas Británicas, nunca pasarán tampouco desta tecnoloxía, e por iso nos castros ingleses nunca vedes casas. O que ocorre na nosa área nos permite ter unha visión privilexiada da Idade do Ferro.

Pero hai, como non podía ser doutro xeito, algo raro en Besomaño. A cousa comeza aquí, neste gran edificio:


A gran casa patio de Besomaño. Foto: equipo arqueolóxico

No fondo da terraza hai unha gran casa-patio que sorprende aos arqueólogos, xa que é a vivenda máis grande que se localiza nun castro ao norte das grandes citanias que rematan, cabo do Miño, con Lansbrica. Esta enorme casa-patio tamén tiña certos trazos singulares, como un gran almacén de cereais ao fondo ao que se entraba por unhas escadas de pedra monumentais. Tamén había unha asideira para cabalo en forma de cola de cabalo. Un lugar espectacular e único.

Pero o que non sabía era o equipo era que alí se ía experimentar a vertixe do tempo.

Os escavadores localizaron baixo esta casa o segundo nivel que viña aparecendo por todo o castro. “De feito, o terceiro e último nivel, a gran casa patio, constrúese literalmente sobre os muros dunha casa anterior, máis pequena”, asegura Rafa. Calquera que visite o lugar pode velo e sorprenderse. Varios muíños de pedra da segunda época (século III a.C.) foron amortizados como parte dos muros da casa patio. É como se fora unha obra de ampliación, máis que de superposición ou redeseño do espazo. Pero hai máis.

Descendendo na terra, os investigadores localizaron o primeiro nivel, esa capa moi antiga que nos leva cincocentos anos antes da destrución do castro de Besomaño. Velaí aparece, na porta da casa-patio, a cimentación dunha cabana de palla barro. Pero, oh sorpresa, alí hai algo.


Bases da cabana de palla-barro

Preto da porta, sempre onde aparecen estas cousas, os investigadores observan que os fundadores cavaron un oco no xabre. E nese oquiño depositaron un humilde obxecto. Miragreiramente, o prato está enteiro. Rafa Rodríguez, que é un dos maiores expertos en cerámica castrexa, recoñece que o prato é da época dese primeiro nivel, pero o estilo é novo, é distinto. Pero hai algo máis.

“Todos os que refixeron a casa”, asegura Rafa Rodríguez, “nas seguintes dúas épocas, sabían que ese prato estaba exactamente aí. De feito, fixeron as obras respectando o emprazamento dese prato”.

-É dicir -pregúntolle- a xente que fixo a casa-patio e que ampliou todo ese espazo, sabían que este prato estaba aí enterrado.
-Sen dúbida -asegura Rodríguez- foron remodelando todo ao redor pero esa área non a tocan.
-Que é?
-Ten toda a pinta de ser un depósito fundacional -asegura Rafa.
-Atopastes algún outro en Besomaño?
-Que va!

Abraiante. O único depósito fundacional localizado ata o momento no castro está na casa que evolucionou ata cobrar dimensións monumentais e un tamaño que quintuplica ao resto de vivendas da terraza. E eses tipos sabían que alguén depositara un prato alí na entrada cincocentos anos antes.

Depósito fundacional? É abundante isto? En que consisten? Pregúntolle por correo electrónico a un dos maiores expertos no mundo dos galaicos, o arqueólogo Alfredo González Ruibal.

A práctica dos depósitos fundacionais nas casas castrexas era frecuente nos castros? É unha práctica estendida en moitas vivendas ou se atopa só de xeito puntual?

O problema é que non sabemos con certeza o que é un “depósito fundacional”. Sabemos con total seguridade que son depósitos fundacionais os acobillos que aparecen nos alicerces dos templos mesopotámicos, por exemplo, onde temos inscricións nas que se fai referencia a dedicación e a construcción da obra. Arqueolóxicamente documéntanse depósitos rituais debaixo de casas e outros edificios en multitude de períodos e culturas, pero a maior parte das veces é difícil saber se realmente son rituais relacionados coa construcción ou outro tipo de actividades relixiosas. En Galicia eu propuxen como depósito fundacional unha morea de fíbulas e outros bronces que apareceron baixo unha cabana en Baroña. Creo que non hai outro exemplo pasablemente claro (depósito baixo ou perto dos alicerces dun muro dunha casa) (…) As veces aparecen obxectos arcaicos en contextos de finais da Segunda Idade do Ferro que poderían relacionarse con fenómenos parecidos (A Lanzada, Pelou). Moitas escavacións non se fixeron con coidado e remexeron niveis, así que é posible que se teñan pasado depósitos fundacionais. En todo caso, a resposta provisional é que este fenómenos non é nada habitual no mundo dos castros.

-Que tipo de obxectos se depositaban? En que medida esta era unha práctica cultural frecuente nestas áreas de Europa?

-Realmente os depósitos fundacionais, stricto sensu, non son típicos da Europa prehistórica, senón de sociedades estatais, como as do Próximo Oriente e Exipto antigos ou a Mesoamérica precolombina. Outra cousa é se falamos de depósitos rituais máis en xeral (buratos nos que se botan uns obxectos en plan sacrificial). Isto aparece ao longo da Prehistoria en Europa, pero vólvese moi frecuente durante a Segunda Idade do Ferro na Europa templada (UK, Francia, Alemania). Os obxectos que se arroxan son moi variados, desde cousas que parecen simple lixo, até torques, bronces rituais, obxectos de adorno e armas.

-Este tipo de depósitos, na cultura castrexa, corresponden a un periodo concreto?

-Durante a Segunda Idade do Ferro, e concretamente nos dous séculos antes da era, obsérvase una proliferación de actividades rituais (depósitos votivos de torques, ofrendas de obxectos rituais e de banquete, depósitos de armas, etc.). Os posibles depósitos fundacionais habería que enmarcalos dentro deste período, relacionado cun incremento das tensión sociais (progresiva xerarquización e crecemento das desigualdes) e o conflicto (interno e cos romanos).

-Que tipo de funcións tiña esta práctica? Memoria dos antepasados? Protección? As dúas cousas?

-Antropolóxica e históricamente sabemos que os depósitos fundacionais teñen unha función apotropaica: buscan a tutela das divinidades/espíritos para o edificio que se está a construir. Cando os obxectos que se enterran son arcaicos (como o puñal de Pelou), entón cabe pensar que a memoria dos ancestros é importante (quizáis adopten o rol protector das divinidades).

Observo este cacharriño humilde e desafiante. Tras el, tras este anaco de cerámica, puido estar a memoria, soportada aí durante cincocentos anos. Que o depósito fundacional estivera colocado sobre a casa que incrementou o seu tamaño por enriba das outras cincocentos anos despois é algo fascinante, que te leva a pensar en que medida a memoria e o poder se transmitía nas sociedades antigas. Os obxectos son mitos, son historias, pero tamén son, en si mesmos, portadores de memoria. Se cadra iso estea pasando en Besomaño.

12 Comments

  1. Nemigo
    23 / Decembro/ 2011

    sería interesante subir fotos do cacharro cerámico que os nosos antergos deixaron como lembranza

  2. 23 / Decembro/ 2011

    aí o tes. Mira xusto encima do teu comentario que se ve ben.

  3. Nemigo
    23 / Decembro/ 2011

    ok, o navegador non actualizou as imaxes

  4. xurxo ayán
    24 / Decembro/ 2011

    Sen contar todo o que non está publicado nin divulgado, hai tres exemplos publicados, bos, desta ritualización do espazo doméstico (con ou sen connotacións funerarias) con depósitos votivos. Un que coñeces ben, o do Castro Pequeno de Neixón (campaña de 2008) outro o dunha cabana de Castrolandín, co pote in situ, (campaña de 2006) nesa secuencia espectacular do sector S, e o terceiro, o que publicara Rellán nas súas escavacións de fins dos 60 en Castromao, con armas incluídas.

  5. Fontan
    24 / Decembro/ 2011

    E… ¿ contiña algo o pote ?

  6. 24 / Decembro/ 2011

    Creo que non (podería ter alimentos perecedeiros?).

  7. Optimista
    26 / Decembro/ 2011

    Na Voz de hai uns meses, ven unha fotografia dunha falcata e dunha especie de machado de dobre folla nas mans dun membro da excavación. Sabese algo disto ou son reproducións modernas? Digo porque ninguén fala deses elementos.

  8. Luis
    28 / Decembro/ 2011

    As últimas fotos da Voz despístanme un pouco: na derradeira, vése claramente que o home que esgrime as armas está frente a unha mesa con pezas recreadas (o casco de lexionario, a ánfora)
    Nese sentido, quédame a dúbida de se a falcata e a segur (machado de doble folla) foron atopadas no xacemento… ou máis ben forman parte dos obxectos de recreación que levan con eles. O bo estado da falcata, coa súa folla afiada, case me inclinaría cara á segunda opción.
    Se non me equivoco, ningunha segur foi atopada na Gallaecia (as fontes clásicas a relacionan cos cántabros, incluido un episodio de varias delas atopadas nun lago despois de que caese un raio nese punto exacto)
    A falcata, idem. Hai unha no Museo de Lugo, pero é de orixe foránea. O que sí se atoparon foron varios exemplares de coitelo de folla afalcatada. Ruibal aportou un interesante mapa que viña a amosar unha Gallaecia na que os coitelos afalcatados amósanse como un fenómeno bracarense, fronte a uns puñais de antenas de expansión lucense.

  9. 28 / Decembro/ 2011

    Non, que eu saiba non atoparon nin falcata nin segur en Besomaño, pero tampouco cho podo confirmar 100%. Son parte dos instrumentos didácticos. Si que se atoparon falcatas -ou cando menos, coitelos afalcatados- en Galicia, pero están sen publicar. Eu podo confirmar persoalmente unhas. Presentáronse nunhas xornadas de Neixón e localizáronse en Punta Ostreira. O director da intervención só puxo as imaxes durante uns minutos, así que lembro máis ou menos o que puxen no texto de embaixo. Do machado ao que aludo tamén nese texto non consigo lembrar na miña cabeza como raio era, se se parecía a unha segur ou non. Si lembro que a Alonso todo o conxunto lle parecía como moi ‘celtíbero’.

    http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2008/02/24/o-acubillo-dun-guerreiro-no-castro-de-punta-ostreira/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará