Atención, viñazo: Geol 2006

Ultimamente falo pouco de viños, pero nestes meses teño tan pouco tempo no día a día por mor do traballo que a todo non se pode chegar. Pero iso non quere dicir que, de cando en vez, non probes viños para os que, si ou si, haxa que facer un oco. Como este Geol 2006 de Tomás Cusiné, da D.O. Costers del Segre. Recomendóunolo Xabi, e é unha auténtica xoia: un viño moi, moi complexo, que está a evolucionar continuamente en copa e en botella desde o momento que o abres, con carácter mediterráneo e complexidade dun gran pago. Está feito cun coupage de merlot e cabernet na mesma proporción, con achegas de cariñena, cabernet franc e marselan. O resultado é un viño de numerosos matices e tempos, que en nariz ofrece unhas cousas, no primeiro contacto co padal outras e no retrogusto outras distintas; esa combinatoria vai ofrecendo notas balsámicas, froitas maduras, momentos calizos…eu que sei. En Compostela pódese adquirir na Viña de Xabi e debe andar sobre os vinte euros (eu probeino por copas).

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará