Espías de mesa e mantel

Pasa unhas cantas veces, pero non en todos os sitios. Tes a un gourmet fanático na mesa do lado, que vixía con curiosidade que é o que ti pides na túa mesa, rozando a mala educación. Permíteselle. En realidade, moitos gastroenotarados somos un pouco así. Eu non podo evitar, por exemplo, espiar que viño é o que toman en cada mesa dunha sala de restaurante e tentar elucubrar, en función da marca, quen foi quen o pediu. Iso si, discretamente. En determinados restaurantes, boa parte dos comensais fan cousas similares. Non é tanto unha espía envexosa, senón case a mirada dun broker a ver as accións do broker da mesa do lado. Este home tamén espiou o Borgoña branco que pedimos; ao ver que era francés ficou un tanto decepcionado, pero teño a sensación de que, no fondo, aínda que fora por chauvinismo galo, gañamos puntos no seu ranking de compañeiros de sala.

Pero este gourmet, francés para máis señas, espiaba de máis. Eu creo que xa estaba de volta de todo. Para min que, polo xeito de desenvolverse co xantar, pero tamén coa emoción coa que se entregaba a cada prato do menú degustación, este paisano debera papar nas mellores mesas de Francia. A súa certa entrada na sexta década dáballe certa indolencia impúdica. Así que cando chegou a nosa lebre á royale con fabas (estabamos no restaurante Acio, Lourenzá imperat), montouse unha pequena revolución na mesa do carón. O gourmet cravou os seus ollos nos nosos pratos e non perdeu vista da tradución facial do gusto. Non puido resistirse. Nun pobre español preguntou desde a súa mesa:

-Que tal está?
-Moi ben, moi ben -contestámoslle algo azorados.

O gourmet asentiu cun sorriso amable. Cando lle trouxeron a conta, díxolle a Eva, a xefa de sala.

-Mañá volvemos. E quero ese prato -ordenou sinalando os nosos pratos sopeiros baleiros.

One Comment

  1. DANINLAND
    17 / Decembro/ 2011

    JEJEJEEEEEE gabachos descarados. Non teñen vergonza.

    O caso é que tamén a min, están a entrarme ganas de tirar para o Acio ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará