Casa Veva, unha sala para estar en Foilebar

Last updated on 25 / Novembro/ 2011


Fotos: Sole

Máis enriba, máis enriba da Cruz do Incio, está Foilebar. Digámolo finamente: desde a ollada dun compostelanita, viría sendo onde Cristo perdeu a navalla. Contei cinco casas, unha igrexa e un camposanto que non advirtes ata que pasas cabo del. E a partir de aí, baixar para todas partes. En Foilebar deben bater os ventos todos que vagan polas serras orientais do país, do Cebreiro ata Trevinca. Non hai letreiros nin indicadores de bares, pero se se fixan, verán unha casa cunhas mesiñas á porta. Peten nesa porta, ou espíen pola fiestra do carón a Veva traballando na súa cociña, cun monllo de potas. Están en Casa Veva [localización].

Chegamos a Foilebar disfrutando de todo o que é O Incio, un territorio que os que o amamos nunca damos explorado de todo. Baixamos a ver ao noso amigo Manolo o Zoqueiro, antes de xantar.

-Coidado co can, que é dos que teñen aos lobos fóra da casa.

…iso díxonos Manolo o Zoqueiro. E logo contounos estoutra:

-Un día ía por unha fraga cun caxato de madeira de Castela e aparecéronme dous lobos que se querían botar a min. Mallei neles ata que colleron medo e escaparon, e ao correren, facíano tan rápido que nas follas das árbores prendían faíscas!. Así llo contaba eu a Don Ángel, e Don Angel botaba un pitillo e dicíame: “moito mallaches neles, Manuel!”.
-Quen era ese don Ángel, Manuel? -preguntámoslle.
-Don Ángel Fole!

Desde hai moitos anos, para min O Incio son historias contadas de vagar. O vento raro, cálido, deste outono vai peiteando as árbores amarelas, e no alto de Foilebar, cruza a terra sen medo.

Veva pásanos a sentar ao salón da casa. Alí, e nunha antiga taberniña, é onde sentan os clientes. Hai unha tele cun vídeo VHS, un Buda da Fortuna, candelabros negros, recordos de Portugal, placas conmemorativas: “A Veva, gran cociñeira, gran reposteira, gran licoreira”. De gañar títulos nobiliarios na vida, no me importaría ter estes que ostenta Veva por obra e graza de clientes entregados.

Por suposto non hai carta. Aquí cómese o que Veva ten nos arcóns, na horta ou que traen os cazadores dos montes do Incio. É como unha viaxe ás crónicas gastronómicas de Cunqueiro, da montaña luguesa, este territorio onde os alimentos sempre teñen o toque a fume. Chegas e xa tes unha fonte de embutidos da casa agardando por ti. Chega o viño de casa. E despois, veñen unhas troitas moi ben fritidas que vas comendo de vagar mentres o cheiro de chourizo invade esta sala de estar.

Veva aparece de novo.

-Son os chouriciños da primeira matanza, que fixemos hai unha semana. Chourizo cocido con patacas. Pracer sinxelísimo e feliz, xiringadas vermellas de pimentón que se disparan aloucadas destes chourizos frescos e enchoupan as patacas cocidas, brancas e de boa terra. A cheminea está prendida e alegra os calores deste comedor, calores que tamén comezan a ser internos.

O seguinte é carne asada con marmelada de albaricoque, cortada en rodaxas moi finas, feita durante moito tempo, que disfrutas con certa prudencia porque sabes que isto non é o final… mentres chega unha fonte con castañas cocidas e aparece o cervo, guisado, macerado de vagar, abundante e intenso e xa non sabes onde atender.

Cando proclamas a túa derrota (feliz) gastronómica, a señora Veva aparece de novo cun intrigante frasco de cristal e un bol cheo de chupitos que deposita sobre a mesa. Pero hai un problema. Somos dous.

-E todos estes vasiños? -preguntas.
-Agora lle veño, si? agora lle veño -contesta evasiva Veva.

Do frasquiño de crisal, como un ritual, extraes unha gran rosquilla. Isto sería a versión Foilebar dun primeiro postre refrescante. De seguido veñen cinco ou seis licores de todos os sabores e cores. Agora entendes. O menú degustación de licores comeza a agora. Como a caza e a carne fixo do seu, recibes estes licores como se fosen pílulas de bicarbonato. O de café levanta homes do Incio a talar. O de laranxa conserva a viveza da froita…hai de limón, o de fresa impresionante…

Veva aparece pola porta. Hai que temerlle. E nos pratos pon tres deliciosos postres: a Tarta de Neve de Foilebar, que está tan rica coma o seu propio nome, tarta de queixo e outra tartiña máis con galleta. Non é doado chegar ata aquí, pero chegamos, e hai que facer un último esforzo.

A madeira segue prendida na cheminea, e Veva sirve ricos cafés de pota nesta saliña de estar que se encheu de paseantes do Incio. Ao marcharmos, Veva, sen coñecernos, énchenos a cara de bicos e sorrisas. Con viño da casa, pagamos 22 euros persoa polo menú de Veva, unha auténtica festa.

Cando pensamos nos sitios míticos para a gastronomía de Galicia, Foilebar xa entrou aos nosos corazóns. Alí, neste lugar no que os lobos baixan no canto de subir, cun factor QP (QuintoPiñeirismo) moi acentuado, un descubre que a viaxe difícil de chegada é a compañeira imprescindible do apetito máis grato. Casa Veva sería o prototipo de lugar para o que lle dis aos amigos “Vouche levar a un sitio…”. Un dos grandes tesouros, que quedan, da gastronomía popular galega. Un espacio no que unha humilde cociñeira, coas súas mans, consegue recrear con alegría e moito cariño un mundo que xa non sabemos se nos deixou.

Consellos prácticos: Chamen uns días antes a Veva, que o sitio está moi solicitado (982165440). Non vaiades moi tarde a xantar, porque Veva manexa pouco stock e a xente do Incio vai xantar cedo, co cal ás veces remátanselle antes pratos ricos. Digamos que ir ás 14:30 “é tarde”. Se ides en grupos, os dous comedorciños que ten dan para unhas vinte persoas cada un.

Grazas a Nico polo consello!

11 Comments

  1. Pancho-Lapatianco
    15 / Novembro/ 2011

    Vaia. Vexo que te adiantaches. Sinto non ter feito antes, por diversos motivos, a saída por Oincio (si, si Oincio, e non O Incio), con xantar na sonada Casa Veva incluido. Pero sigue quedando pendente, pois hai paisaxes e personaxes que paga a pena coñecer. Moito hai que ver por esas terras de entrada ás montañas, e sempre paga a pena volver por esas parroquias e esa casa de magníficos xantares.

  2. 15 / Novembro/ 2011

    Si trabajase usted en el NYtimes,este relato seria de ganar el premio Pulitzer.

  3. Pancho-Lapatianco
    15 / Novembro/ 2011

    Unha pega ó teu artigo. ¡Agora a ver quen carallo consigue sitio no comedor da señora Veva!!. Peor que no Bulli che vai ser. Menos mal que xa parece reposta da doenza que a tivo apartada dos fogóns unhas semanas pola primavera.

  4. 15 / Novembro/ 2011

    Moitas grazas! Pancho, a señora Veva xa avisa que se vas en fin de semana, mellor chames antes! O certo é que con que lle vaian dous grupiños de sendeiristas aquelo xa petou…

  5. 15 / Novembro/ 2011

    Oíches, Eladio, que boa fila de clientes agardando para xantar ten Veva na porta da casa. :-)

  6. Nico
    18 / Novembro/ 2011

    Gracias Manuel, será difícil conseguir sitio para Veva agora, pero a ver si nacen outras iguais no noso profundo rural seguindo tan magnífico exemplo e logren deste xeito que moitos nos acheguemos a esas zonas tan fermosas.

  7. 22 / Novembro/ 2011

    Maldito tirano, yo aquí sentado y viendo esas fotos ¡se me hace la boca agua!

    Para qué diablos habré leído esta entrada.

  8. MARIA
    27 / Novembro/ 2011

    Gran descubremento esta fin de semana, sinceiramente, despois das comidas na casa da miña nai, o mellor sitio para ter unha gran velada, inmellorable comida, dende os embutidos ata os licores, unha gran viaxe para o paladar mais exquisito, un lugar onde apetece quedar toda a tarde e con unhas anfitrionas, neste caso Veva e a sua filla con unha amabilidade e agarimo que cando chega o momento da despedida, xa pensas en volver a este gran lugar. Totalmente recomendable.

  9. Paco Castro
    10 / Setembro/ 2017

    Grazas Manolo, por esta frmosa crónica da visita ao Incio e a Casa Veva e Foilevar. En Cabude, un lugar de 3 casas que está subindo do Incio, antes de entrar en Foilevar naceu mina aboa Asunción. Unha pequena corrección; de Foilevar baixae para toas partes menos para unha, de ali sae a estrada que pasa por Lama Reonda e chega a Airapadrón, alí hai unha casa de comidas que fixo e rexentou meu tio Manoel, coñecido como O Cabude, un militante de Esquerda Republicana que constitueu o partido no Incio xunto con Manolo Díaz (O pequiniño), medico que sofreu martirio e morte polo tristemete famoso “Escuadrón Negro”. Meu tio tamén foi perseguido e represaliao pero alvou a vida. Encantarame tomar un cfé contigo e falar do Incio.

  10. 18 / Setembro/ 2017

    Por suposto, amigo Paco, O Incio é unha terra moi querida para min. Cando queiras tomamos ese café!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará