Repúblicas de Homes Libres: Un voo espectacular sobre Luania [vídeo]

Last updated on 14 / Novembro/ 2011

A vida está, moitas veces, composta por símbolos e por xestos. Algúns son públicos, outros son de carácter persoal. O drone hexacóptero -o Escornacóptero, como o coñecemos xa familiarmente- construído polo meu irmán foi deseñado de cara a unha ampla gama de proxectos biolóxicos, arqueolóxicos e audiovisuais que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses. Non foi casual que, tras Pena Furada, o primeiro lugar no que quixemos filmar fose o Castellum de Luania, unha espectacular atalaia sobre a ría de Muros e o Tambre. Foi aquí, nestes fríos e inhóspitos penedos dunha dorsal abandonada, solitaria e fermosa, evocadora e suxestiva, onde naceu a serie Repúblicas de Homes Libres. En certo xeito, a nosa educación sentimental, a do meu irmán e máis a miña, está forxada nestes terreos das serras, os solitarios e bravos montes de Galicia.

Pero había un segundo factor. Queriamos contar desde o aire o impactante de Luania, posiblemente unha das pequenas fortificacións altomedievais mellor conservadas das terras occidentais de Galicia e, seguramente, do litoral atlántico europeo. Así que aquí vai o noso traballo. Un vídeo espectacular que tes que ver.

Desde o aire obsérvase a configuración atípica deste lugar, diferente aos castelos que acabamos de ver.


Mapa hipotético da estrutura do castelo de Luania. Na situación actual, só se perciben evidencias de muralla nas zonas indicadas. As zonas punteadas serían o perímetro da muralla.

Unha sucesión encadenada de estancias que contrasta coa enorme cantidade de pedra derrubada que podedes ver no muro. As estancias, modestas, carecen de cimentación sólida que permitira afirmar que eran torres que se erguían en altura. Non debían erguerse máis alá de dous metros. Sen embargo, en Luania hai cantidades inmensas de pedra derrubada que vedes nas ladeiras. De onde vén?

Iso é interesante. O lóxico é pensar que da muralla. As casas caen para o interior pero a muralla, debido á forza gravitatoria, cae cara o exterior, cedendo lentamente e arrastrando uns cachotes a outros. Pero…non é doado sabelo. No vídeo veredes, enfronte de onde eu estou, como efectivamente, hai tramos aló definidos que parecen delimitar un ángulo da muralla. Pero, cando menos na situación actual, a muralla non se aprecia no resto do espazo construído de Luania.

Luania é unha cápsula do tempo cara séculos atrás. Un espazo que hoxe foi marxinal pero que sospeitamos que tivo moito que ver cun sistema, cun importante espazo de control viario que esmoreceu debido á presión dos novos axentes do feudalismo e a emerxencia de Noia como emporio comercial e marítimo na zona. Este humilde e espectacular observatorio do mundo garda moitos secretos. Mentres o meu irmán e Javier preparaban a máquina, no solpor da tarde outonal, mirei ao lonxe. Estaba o que non agardaba ver. Procurei co zoom da cámara, e había algo máis.

Rinme.

Temos Repúblicas de Homes Libres para rato.

10 Comments

  1. 12 / Novembro/ 2011

    Moi ben! O abraiante é o ben que aguantou o drone os ventos. Houbo algún momento que o pobre do cóptero estaba literalmente en vertical e tentando rectificar. Cando aterrizaba, o meu irmán sacaba a man do mando e sacudíaa: era a tensión de tentar o controlar o escornacóptero con vento do noroeste criminal.

  2. Celtius
    12 / Novembro/ 2011

    Incrible!, o video é unha pasada en serio, o hexacopter é unha ferramenta que se adapta a isto ao 100%. Non pararía de dicir incrible todo o tema, Manuel e compañía sodes a hostia!.

  3. 12 / Novembro/ 2011

    Moitas grazas! Aínda estamos aprendendo a empregalo. Por agora súbenos ben sobre sitios arqueolóxicos pequenos. Pena Furada ten 1000 m2 en pendente, e Luania debe ter uns 125m2 na cota superior e cos derrubos uns 700 ou 800m2. Pero para sacar espazos máis grandes (castros, por exemplo) imos ter que aprender a subilo máis enriba. Estánsenos ocorrendo solucións ben delirantes. :-)

  4. Antón
    12 / Novembro/ 2011

    Impresionante, de verdade!. Parabéns
    Por certo, si que hai cachote; o castelo ó derruirse semella un formigueiro visto dende o escornacopter.
    expectantes quedamos!
    saúdos

  5. 12 / Novembro/ 2011

    Boa comparación, a do Formigueiro, Antón.

    En todo caso, como di algunha xente, a min “sóbrame cachote”. Quero dicir, non consigo localizar os asentos das murallas agás, se cadra, nese vértice que puxen no fotograma capturado de enriba. Hai algo que non estamos a ver.

  6. candepalleiro
    12 / Novembro/ 2011

    éche curioso, si, os buratos do formigueiro,… ¿pensastes se quizais haxa estruturas redondas neste castelo?

  7. regueiro
    13 / Novembro/ 2011

    moi interesante o voso traballo,gracias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará