Incidencia do sol sobre a Moura de Pena Furada [vídeo]

Tiñamos unha versión inicial deste vídeo, máis pataqueira, para circular entre nós, e mesmo publiquei un post no seu momento coa sorpresa que levamos ao decatarnos deste curioso “proceso” ao redor da visualización da moura de Pena Furada. Pero aproveitei a fin de semana para melloralo un pouco e así poder presentárvolo. O que se ve aquí é como a luz do sol modifica o volume da gravura da Moura de Pena Furada conforme a súa evolución no firmamento, cousa que conduce a que, á mediodía, a Moura adquire un volume enorme e un carácter monumental. O fenómeno, casual ou non -eu creo que non é casual-, é alucinante. O vídeo reflicte a través de fotos de Sole a evolución da sombra sobre a figura desde o solpor ata as 10 da mañá, o 1 de outubro de 2011 (a data é importante). Para facelo aínda mellor, habería que meterse un madrugón desde primeira hora da mañá e pasar todo o día aló desde o mencer. Un día destes. ;-)

Recomendo velo a pantalla completa e á máxima resolución de Youtube (1080p), que así se aprecian mellor os detalles.

Agora que sabemos que hai outro antropomorfo máis, sería interesante ver tamén que pasa con el en relación ao sol, pero temos unha importante franxa do día (boa parte da mañá), co espazo alterado polas sombras das árbores.

8 Comments

  1. 6 / Novembro/ 2011

    Moi inspirador… gracias por compartilo

  2. jfca
    7 / Novembro/ 2011

    Boisimo.

  3. 7 / Novembro/ 2011

    É espectacular!

  4. manuel
    7 / Novembro/ 2011

    @s estudantes de historia de galicia do ies concepcion arenal do ferrol ficaron abraiad@s.isto di Elda (16 anos): “Nas dúas fotos que nos ensinaches apreciábase ben pero non é comparable a este vídeo!! A mín sinxelamente paréceme increíble!
    Sempre me pregunto unha cousa cando vexo as cousas que facían os nosos antepasados: Nós obviamente vivimos unha época completamente diferente á súa pero, parece que cantos máis avances científicos, técnicos e tecnolóxicos temos a man máis se nos olvida usar a cabeza!! Iremos diminuíndo a medida que pasan os anos?? Porque eu nunca pensaría nada polo estilo!! Aquí deixo a miña pregunta

  5. 7 / Novembro/ 2011

    Ola, Elda:

    Un pracer que visites Capítulo Cero!

    Mira, a relación dos nosos devanceiros co territorio era moi distinta á actual. Ata a época dos nosos avós, todo o que nos rodeaba tiña nomes e sentidos. Pero agora comezamos a saber que ese proceso, na Prehistoria e ao longo da Antigüidade, era moito máis acentuado: os montes tiñan funcións militares, funcións de soberanía, funcións sagradas.

    O caso da luz é un dos máis chulos. Desde a época dos dólmenes, que no tempo que se fixo a Moura xa tiñan miles de anos, en Galicia os monumentos sagrados construíanse en relación ao sol. Os dólmenes teñen as súas portas cara o Abrente, e están rodeados por seixos, por cuarzos, que son pedras que en Galicia teñen un significado especial.

    O que ten de interesante a Moura é que, desa época -final da Idade do Ferro, época romana- en Galicia non temos ningunha gravura in situ que teña esta relación tan especial co sol. Cremos que isto nos está contando, sin palabras, algo que aínda non sabemos: quen era esa Moura e que facía. Nós xa estamos tendo algunhas ideas, pero aínda estamos traballando niso.

    Aviseille ao director da intervención, o arqueólogo Antón Malde, para que tamén el che conte algo sobre isto.

  6. Antón Malde
    8 / Novembro/ 2011

    Ola Elda

    A importancia da luz solar, o seu efeito na visibilidade das figuras da Pena Furada é algo mais que chulo. É moi fermoso observar in situ ese xogo luces que fan emerxer figuras que senon pasan…desapercebidas. Mas tamén indica que pode existir unha relación simbólica entre as figuras (sexa o que for representado) e a posición do sol.

    É dificil substraerse á emoción da observación estes efeitos, mais resultan coerentes cun xacimento complexo, conformado por unha serie de actuacións construtivas proxectadas e ordenadas con antecedencia. Non hai lugar ao chou.

    Na Pena Furada sabíamos que as orientacións eran moi importantes: ordenan elementos construtivos e tamén as figuras. Mais tamén relacionan as figuras coa luz que suxiren novos significados.

    Cando se fala con asombro dos “antepasados” (do outren do tempo evolutivo) sempre lembro que a intelixencia é universal, alén tecnoloxías… Igual que esta constación foi froito da intelixencia colectiva: da percepción de Manolo Gago, das fotos de Sole, e do traballo posterior de Elisa mais eu. Unha grande satisfacción como director.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará