5 ideas (factibles e necesarias) para a nova Lei de Patrimonio

Last updated on 2 / Novembro/ 2011

En varias declaracións nos últimos meses, o Conselleiro de Cultura, Roberto Varela, aludiu que se estaba a redactar un borrador dunha nova Lei do Patrimonio Cultural. En principio, a noticia é positiva, aínda que resulta estraño pensar en modificar unha lei cando aínda non se desenvolveu a anterior, como é o caso de Galicia. Pero aquí quero propoñer algunhas ideas de modificación dunha lei. Ollo, unha lei non é unha política cultural, pero si é parte da acción dunha política cultural. Xa que logo, non se deben confundir os dous aspectos: unha lei define un marco normativo e unha política cultural as accións dun goberno para un momento e un fin concreto. Nesta premisa suxiro estas cinco ideas pensadas para rexenerar, fertilizar, airear e darlle pulo ao patrimonio arqueolóxico en Galicia, pero no campo concreto dos dereitos e obrigas de Administracións, cidadáns e profesionais, e iso debe ser contemplado na Lei e non na política.

1. Eliminación/Modificación substancial do Artigo da Vergoña

No ano 1995, o Parlamento de Galicia decidiu excluír á sociedade da exploración e uso do seu propio patrimonio. Durante máis de cen anos, a localización e protección do patrimonio deste país estivo -e, en certo xeito, segue- nas mans de afeccionados. No ano 1995, unha elite burócrata e profesional deu un auténtico golpe de estado administrativo e apartou legalmente aos afeccionados dos procesos de descuberta do territorio. Aquí vai o texto para que xulguedes por vós mesmos:

Artigo 57.

Será necesaria a autorización previa da Consellería de Cultura para a realización das seguintes actividades arqueolóxicas:

a) A prospección arqueolóxica, entendida como a exploración superficial e sistemática sen remoción, tanto terrestre coma subacuática, dirixida ó estudio e investigación para a detección de restos históricos ou paleontolóxicos, así como dos compoñentes xeolóxicos e ambientais con eles relacionados. Isto engloba a observación e o recoñecemento sistemático de superficie e tamén a aplicación das técnicas que a arqueoloxía recoñece como válidas.

Isto implica que calquera persoa deste país, que decide dar un paseo polo monte buscando petróglifos ou castros, ou que atopa unha referencia a unha mámoa nun documento de propiedade da súa casa e vai procurala ao monte familiar, está cometendo unha ilegalidade SÓ POR ISO. E se lle tiras fotografías ou as xeolocalizas co teu teléfono móbil -“técnicas que a arqueoloxía recoñece como válidas”- aínda peor. Sabías que o noso Goberno fixera isto?

O Artigo da Vergoña colocou a unha boa parte dos honestos investigadores locais do noso país nunha situación ilegal. Libros, estudos, proxectos, todos están feitos de xeito ilegal. Teño estado hai pouco nunha mesa redonda na que unha significativa parte dos homes que loitaron polo patrimonio rupestre do país eran conscientes do seu traballo na ilegalidade, como se foran proscritos ou delincuentes. Polo xeral, a Dirección Xeral de Patrimonio fai a vista gorda con estas cuestións -imaxinen o delirantes e impopulares que serían os procesos- pero emprégase o artigo 57 como unha reserva para ameazar a asociacións que descubren demasiadas cousas, como aconteceu hai unhas semanas cunha carta remitida pola Dirección Xeral a Mariña Patrimonio, unha das entidades máis activas e transparentes na defensa do patrimonio cultural deste país. Con que desvergonza se pode facer iso?

O artigo que substituíra o 57 debera diferenciar claramente a prospección ‘non agresiva’ nin ‘destrutiva’, ou sexa, o dar un paseo polo monte -que no precisaría dunha dirección profesional nin unha autorización por parte da Xunta- das intervencións arqueolóxicas do territorio do emprego de técnicas destrutrivas, de escavación, ou especialmente sensibles, que obviamente deben ser levadas a cabo por profesionais. Obviamente, a Administración só debera admitir a nivel administrativo aqueles informes asinados por profesionais, pero non debera penalizar outras actividades inofensivas que permiten multiplicar achados e facer máis fértil e diverso o discurso científico e social.

2. Epígrafe relativo á Transparencia na Lei do Patrimonio Cultural

Na medida en que todos os bens arqueolóxicos son “dominio público” segundo a Lei actual -e seguro que o seguirán a ser na futura- debera, por filosofía, seguir e materializar explicitamente o expresado na Lei de Transparencia e boas prácticas da Administración pública galega, do ano 2006. O seu artigo 4.5 sinala a obriga para as Administracións de incluír unha páxina web na que se explicite a información xeral e as tramitacións dos procedementos administrativos, e contempla epígrafes específicos no web para a publicación de convenios de colaboración e indeminzacións por razón de servizo.

Propoño que a nova Lei de Patrimonio Cultural profundice no espírito desta lei e faga pública no web da Consellería de Cultura unha relación das intervencións arqueolóxicas autorizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio en canto estas sexan aprobadas, toda vez que son unha explotación de dominio público que conlevan, na maior parte dos casos, a alteración ou transformación deste. É dicir, non é unha relación a posteriori, senón unha relación editada nada máis aprobarse cada nova intervención, e que permite ofrecer un seguemento –tracking– de cando esta se executa, cando se finaliza, e dos materiais xenerados por esa intervención. Por suposto, este tracking incluiría empresas implicadas no proxecto, promotor / construtor que paga a intervención, etc.

O obxectivo é crebar dunha condenada vez coas políticas de ocultación de información, especialmente cando un xacemento está afectado por obras públicas. Nese momento, a Administración vólvese opaca para o cidadán ao que se sirve e hai que vivir situacións surrealistas nas que se chegan mesmo a ocultar as intervencións. En varias ocasións, teño vivido conversas surrealistas nas que xefes de servizo ocultan deliberadamente información sobre xacementos que están a ser escavados, e que cando xa os interpelas directamente sobre o lugar, remítenche a outra fonte, etc. Que hai que ocultar exactamente? E por que? Basicamente penso que é unha cuestión de malas prácticas administrativas, pero o resultado, a un cidadán, ou a un xornalista, cheira a ocultación. E iso nunca é bo. Por iso hai que rematar con esas dinámicas cheirentas.

Propoño un sistema de tracking que detalle en que situación se atopa, en cada momento, unha intervención arqueolóxica. Non se trata de facer un diario da escavación, senón dun historial que indique as fases: “Autorizado – Intervención En Curso – Pendente de revisión – Materiais recibidos – Prorrogada ata Xaneiro 2012”, etc., e que ao final adxunte as memorias de intervención. E non me digan que é complexo. Traballo nisto e o procedemento sería practicamente automático con relación ao día a día na Dirección Xeral.

2.1. Dentro do epígrafe en relación á Transparencia, sería fundamental facer público dunha vez o Catálogo e o Inventario Xeral do patrimonio cultural de Galicia. É unha vergoña que o noso país non dea sacado este catálogo despois de 15 anos da súa creación. E non me veñan co conto de que é moi complexo e moi custoso, váianlle con ese conto a outro sitio. En patrimoniogalego.net estámos a facer algo nesa liña, sen un can, e se miran as fichas verán que o nivel está moi por riba de moitos catálogos municipais. Nun mes ou dous chegaremos ás 1000 fichas, que se di rápido. Se non o queren facer público, desatendendo ao propio Parlamento do país, será por outros motivos que os económicos. Expliciten eses motivos e debátanse publicamente. Dean a cara e atrévanse a explicalo, demo. E pregúntese no Parlamento. Como ben sei que Capítulo Cero o len uns cantos políticos do Goberno e da oposición, a vós volo digo, señores: que non vos conten milongas. Pódese facer. E pode ser gradual. Mirade o proxecto de Toponimia de Galicia: ninguén protesta porque teña que ir gradual, mentres haxa folla de ruta.

2.2. O mesmo cos procesos sancionadores.

3. Xestión das competencias de patrimonio cultural do dominio marítimo-terrestre por parte da Xunta de Galicia.

Isto trascende ao horizonte e competencias desta Lei, pero tamén me parece primordial. Non pode ser que en Galicia dúas institucións públicas, a Administración central e a autonómica e se solapen con competencias similares simplemente porque un castro está ao lado do mar (encárgase o Estado) e outro está trescentos metros cara dentro (encárgase a Xunta). Provoca sarillos administrativos, indefinición, confusión ao cidadán e facilita mangoneos como a destrución do castro de Punta de Muros polo Porto Exterior da Coruña.

4. Reinvención do sistema de depósito de material arqueolóxico: do século XIX ao século XXI.

Nestes momentos, os investigadores deben depositar nun prazo de seis meses os materiais atopados nas escavacións no museo provincial da provincia na que escavou o material. Ou sexa, hai catro depósitos oficiais de material, en Galicia, previstos pola Lei, pensados desde a estrutura das provincias decimonónicas. Isto provoca dúas cousas: o alleamento dos bens culturais das comunidades nos que estes apareceron, e comunidades que perciben, cada vez máis, como un roubo ese desprazamento do patrimonio. Ademáis, os Museos están ata arriba de pezas. Non che queren nin tegula romaan, nin anacos de cerámica pobre, nin leites, nin moito menos unha tonelada de muíños castrexos. Iso provoca saturación e falta de eficiencia. Eses muíños, tegulas, bordes cerámicos do Ferro II, que en Santo Antón, ou no Museo Provincial de Lugo non saben onde meter, cobran un novo valor nos espazos colectivos das comunidades.

Pero o máis dramático, de cara a sociedade, é o primeiro. Estes días está a acontecer algo terrible, e moi pouco coñecido, e que moitos viamos vir cando sucedeu. Se lembrades a estela dun guerreiro da Idade do Bronce localizada en Castrelo do Val (Ourense), xa de aquela (podedes velo fío de comentarios do blog) temíase que a Xunta se levara a estela de Castrelo de Val para o Museo Arqueolóxico de Ourense (que está pechado). A coña é que Castrelo de Val ten un modesto pero feitiño Museo Etnográfico e xa reservara unha sala destinada a amosar este excepcional achado arqueolóxico, que seguramente non precise dunhas condicións especiais de conservación. Dá igual: alguén o quere en Ourense. Bruno Rúa e o alcalde de Castrelo están protestando e recollendo sinaturas, pero vanno ter difícil. Hai cen anos, o asunto sería un mandado caciquil dun Presidente de Deputación, e se a peza non era relixiosa, ninguén lle faría caso. Hoxendía, nesta peza concreta, para a que hai un espazo e que pode ser custodiada perfectamente en Castrelo, o asunto non pode ser visto máis que como un roubo á comunidade local de Castrelo de Val. Nada mellor que isto revela a caducidade da lei.

Non podemos ter a mesma percepción da xestión do patrimonio que coa museística nacional do século XIX, no que os coleccionistas depredaban territorios para formar coleccións. O patrimonio é das comunidades, e debe ficar preto delas porque é unha fonte de identidade e de riqueza potencial. Ademáis, agora, temos máis infraestrutura para manter aqueles obxectos culturais que non precisan condicións de seguridade ou de mantemento específico. Unha cousa é atopar un torques ou unha peza de madeira da Idade do Ferro (que obviamente hai que levalas a lugares que reúnan as condicións axeitadas) e outra é un pedrolo (saben que digo ‘pedrolo’ con todo o agarimo do mundo) que pode quedar perfectamente no sitio. Ademáis, deben existir criterios: a mesma Dirección Xeral de Patrimonio autoriza que outra estela da Idade do Bronce estea nun parque público da Gudiña (!!!).

Propoño un novo criterio para os depósitos de achados: estes deben ser depositados no centro competente máis próximo ao lugar de escavación e de acordo con criterios técnicos, só deberan ser colocados nos centros provinciais aqueles que precisen dunhas condicións técnicas específicas de preservación e seguridade. Tamén propoño facer unha distinción clara entre aquelas pezas musealizables e aqueles restos que, podendo ter valor científico, pero non encaixan na musealización moderna. Estes deberan ser almacenados doutro xeito, e de forma máis eficaz. Propoño unha xestión humanística do obxecto arqueolóxico, que atenda a súa visión integral, aos vínculos coa comunidade e o patrimonio inmaterial. Un obxecto arqueolóxico non é só unha peza física.

Hai que reinventar a idea de museo a partir dos recursos que xa temos hoxendía. Ollo, non digo que non deban existir os museos. Os museos son lugares de memoria importantísimos, e cunha práctica demostrada de difusión cultural: hai que potencialos apostando dunha vez por unha Rede de Museos que, parece incrible, aínda está por definir. Pero creo que hoxe o patrimonio pode ser unha excelente ferramenta de xeración económica, pero tamén do fortalecemento de comunidades moitas veces desestruturadas, e os museos clásicos non deben ser os únicos depositarios deses obxectos.

5. Un novo procedemento para a entrega e difusión de materiais e memorias arqueolóxicas

Un dos grandes problemas para o avance científico da arqueoloxía galega é a ausencia de publicación das memorias da arqueoloxía de xestión. A arqueoloxía de xestión (escavacións en obras públicas, etc.) é con diferencia a que xenera máis volume de achados, pero a maior parte dese coñecemento non está publicado nin compartido. Nestes momentos, isto é un cachondeo. Os equipos arqueolóxicos teñen seis meses para entregar materiais e memorias, pero todo o mundo pasa de todo. As empresas arqueolóxicas non inclúen nos orzamentos de escavación as horas de catalogado e inventariado do material e como empresas que son, precisan estar traballando o máximo tempo que poidan. Seis meses revélanse como un prazo insuficiente para poder acometer estes traballos. Cando mandan as memorias, estas van para un caixón da Dirección Xeral e só son accesibles para os investigadores que se desprazan fisicamente ata o lugar, e non sempre é doado (este é un proceso qeu ten espertado moitas queixas).

A miña proposta é incrementar o prazo de entrega de materiais de seis meses a un ano aos arqueólogos para facilitar o traballo e respectar a equipos que lles custa subsistir economicamente, pero cunha contrapartida. A Dirección Xeral non debera autorizar novas intervencións arqueolóxicas a un director de intervención ou empresa se non fixo entrega dos materiais e memorias de intervencións previas que estean xa fóra do prazo legal de entrega. En certo xeito, este xa é un procedemento habitual na Administración autonómica. A Xunta non ingresa as subvencións se a empresa beneficiaria non está ao día dos pagos a Facenda, por exemplo. A non autorización sería un proceso automático, resultado da verificación do funcionario nos arquivos da DX da situación de entregas da empresa/grupo de investigación correspondente, e non un proceso pasivo derivado da apertura dun expediente, que é o procedemento actual, e que dá lugar a arbitrariedades e a condutas cando menos sopranescas por parte de determinadas Comisións.

Todas as memorias deberán ir a un repositorio dixital da D.X. de Patrimonio, como pasa en moitos países civilizados, correctamente indexadas e publicadas. Agora ben, esta idea 5 non encaixaría tanto na nova Lei como na necesaria reforma do regulamento da actividade arqueolóxica de Galicia.

Son cinco puntos. Ocórrenseme bastantes máis e seguro que a moita outra xente se lle ocorren outros, pero o Goberno que constrúa a nova lei en base á transparencia, a efectividade e sen criminalizar á sociedade civil, terá avanzado moito.

28 Comments

  1. 27 / Outubro/ 2011

    Concordo en boa medida. E sacáchesme o tema da boca.
    Talvez o último punto sexa o máis difícil de formular. Non conceder permisos aos arqueólogos que non entregan memorias pode convertirse nunha maneira de penalizar os achados cuantitativamente importantes. Pero o certo é que hai un problema serio, que non só afecta á cantidade de memorias que non se entregan a tempo (e eu non son exemplo de nada, desgrazadamente), senón á calidade científica das que se entregan, que moitas veces non pasan de ser un mero inventario de pezas, e non por falla de vontade, senón simplemente de tempo, de recursos, ou de ambas cousas. A solución pasa por reformular todo o negocio da arqueoloxía para “desliberalizalo”, no sentido de que deixe de ser na súa inmensa maioría unha actividade lucrativa particular, e devolvelo á res pública.

  2. 27 / Outubro/ 2011

    Si, coincidimos, pero é interesante o que comentas sobre o xénero, ou o tipo de contido da memoria.

    Para min, unha memoria, cando menos para min, debe moverse máis no terreo da descrición. Persoalmente, eu penso que unha memoria debe centrarse no eminentemente descritivo, con certos toques de interpretación derivados do exercicio profesional do arqueólogo, pero moi centrado na descrición precisa de todos os elementos. Para traballar a interpretación, eu empregaría as revistas académicas ou outros formatos. Iso tamén redundaría, en teoría, na publicación nas memorias de datos máis “abertas” e polo tanto máis interpretables.

    A cuestión é non facerlle a puñeta a ninguén, ao meu ver: marcar un contorno que sexa doado para os profesionais pero que tamén esixa o que é preciso para mellorar a situación. Basicamente, eu preferiría memorias bastante asépticas, e bastante descritivas, para poder ser máis manexables por outros investigadores.

  3. 28 / Outubro/ 2011

    Estou moi de acordo cos puntos expresados, e moi especialmente co primeiro punto e co acceso a información, eido no que teño sufrido o ocultismo e falla de colaboración á hora de coñecer datos que deberían ser de doado acceso público. (concretamente en relación ós achados e niveis arqueolóxicos no casco histórico de Lugo)

    Ogallá o teu aporte chegue a onde debe.

  4. Xurxo Ayán
    28 / Outubro/ 2011

    Sei que Capítulo 0 é moi lido polo gremio arqueolóxico galego, por iso chama poderosamente a atención que a enésima denuncia patrimonial de Manuel Gago sexa acompañada polo silenzo do 99 % dos arqueólogos e arqueólogas deste país que, novamente, ollarán de esguello e mirarán cara a outra parte, como se non fose con eles. Iso si, sempre haberá algún que solte a miticada galaica de “iso é o que vimos dicindo nós que hai que facer dende hai moitos anos”, e tan panchos. Que dean a cara outros.

  5. 28 / Outubro/ 2011

    Boas, Manuel! Trabuscate seriamente o afirmar que a estela vai para o Museo da Deputación?, imaxino que refireste o Museo Arqueoloxico de Ourense, edificio que leva MAIS DE 10 ANOS PECHADO… unha mostra do interese pola patrimonio deste pais!!! Iste museo? é de titularidade do Estado e esta xestionado poa Xunta. Para que vos escaralledes de risa comentopvos que estas obras tiñan que rematarse no 2003!!!

  6. 28 / Outubro/ 2011

    Certo, confundinme co mogollón de texto que escribín. Corrixo Deputación. Grazas, Xavier!

    O dese Museo é unha pena. E que a estela vaia para un museo pechado (aínda que non sei que destino están a pensar para ela, porque creo que hai unha pequena mostra aberta nalgures), ten traca.

  7. Brasileiro
    29 / Outubro/ 2011

    Hola: ¿alguén podería dicirme o horario de abertura do “Museo” de Castrelo do Val?. Certamente penso que é o lugar idóneo para expo-la peza, tanto polo local (personal, medidas de difusión, vixilancia, etc.)como polo adecuado discurso histórico en relación á estela. Un saúdo

  8. artabris
    30 / Outubro/ 2011

    Pois por fin alguén o dixo alto e claro!!! e que non sexa un profisional da arqueoloxía é o de menos, posto que o Patrimonio é de TODA A CIDADANÍA.

    E concordo con Ayán, que @s arqueólog@s calemos di moi pouco bo de nós… tan pendentes de cobrares as minutas, e nunca mellor dito di-minutas… así nos vai! unicamente nos movemos para un convenio, que non soluciona de verdade as eivas da profesión.

    Tamén estou de acordo co Padín, “desliberalizar” a profesión, ten que haber un xeito! se moit@s claudicamos foi porque é imposible concitar medio de vida con desenrolar axeitadamente unha profesión.Si pasas o tempo de xestión capitalista, si rebaixas prezos (teño visto orzamentos ridículos) e a Xunta o permite a sabendas que con iso é imposible facer unha intervención óptima… pois vaia! as memorias e materiais na casa de cada quen… vale a pena que non apareza nada.

    Tamén estou de acordo: as memorias deberan ser técnicas e a seres posible estar estandarizadas e en formato papel e dixital… todo é cuestión de vontade! pero tamén dar o apoio para que esas se convertan nun medio para avanzar en coñecementos e interpretacións. Tamén en canto ás memorias, á hora de publicalas… está o tema da “propiedade” un curioso e retorcido tema que impide que quen fai a memoria non poida usala pois resulta que non é @ propietari@, pois este éo quen a pagou… e se se poñen parv@s ca mesma non cho permiten.

    Tamén estou de acordo co da web!!! vamos!!! é incrible que haxa que ir fisicamente á dirección xeral para recabar info! e nada de fotocopias, nin fotos! alucinante!!!

    Tamén concordo porque nunca lle vin xeito a non poder estar nun lugar que é un xacemento salvo para pasear… se na miña leira ou na do veciño, ou durante unha visita informal a un lugar que mira ti, éche ou érache un xacemnto e se atopo poño por caso unha machada do P.Medio… que fago?? devólvoa á terra?? flipante ho!

    Apoio a MOCIÓN

  9. Manuel Rial
    30 / Outubro/ 2011

    Así que os afecionados non imos poder subir máis artigos ó Patrimoniogalego? Agora cando vaia ó monte ademais de ter coidado cos tiros dos cazadores, vou ter que ter coidado cos meus tiros de cámara…

  10. 30 / Outubro/ 2011

    Home qualquer pessoa que “vai ver” não, o que se refere é a qualquer pessoa que a veja de jeito “sistemático”, ou seja que se a parte de vê-la a medes lhe fás fotos ponhendo de passo algo que indique a escala, etc., ou a buscas cum método terias que pedir-lhe o nihil obstat aos de Bonaval. Em resume o que impede e qualquer lavoura de catalogação sem que seja lesiva em nada sem passar o tramite de “censura eclesiástica”. Eu pessoalmente tenho uns bos amigos que levam anos aumentando consideravelmente o catalogo de petroglifos, mamoas, castros, publicando-os regularmente todo-los anos, dando parte a Junta para que estem protegidos, e tudo elo sem remover um milímetro de terra. Não digo o nome -ainda que todos imaginardes de quem falo- porque segundo a letra da lei estariam cometendo um delito (contra que e quem?) em lugar de estar a salvar um Património Arqueológico de grande valor

    Também quero fazer ênfase no ressaltado na própria redação da lei de que isto vai enfocado a: “dirigida ó estúdio e investigação”, porque deixa bem claro a quem ia dirigida a parte, e a quem pretendia -por ação ou omisão? .. torpeza ou a mantenta?- ter-lhe atadas, e bem atadas, as mãos

    Ironizando sobre esta clausula da norma vai pouco certo arqueólogo (ao que tampouco cito pelo “seu bem”) iniciava um artigo afirmando que sobre o que ia falar no texto não fora a vê-lo, não o medira, não o fotografara, não o debuxara, nem colocara no mapa,etc, e que só o conhecia por referencias orais, as únicas que lhe autorizava a lei, e todo o que se dizia no texto lhe fora trasmitido por outros e não procedia pola sua propia pesquisa in situ, polo que esse artigo podia considerar-se mais que arqueologia, um “estudo etnográfico”.

    Obviamente o resto do texto -e o sentido comum- amossava cedo que está adsurda declaração inicial era lógicamente só isso: IRONIA

  11. 30 / Outubro/ 2011

    Sobre a estela da PedraAlta tem vai pouco Bea Comendador publicadoum post no seu bloge sobre A Urdinheira, no que fazia eco da nova de que a Junta esta a fazer gestões para traslada-lo em breve ao museu Provincial de Ourense

    O caso e que se da o paradoxo de que o Museu Provincial de Ourense ao que vai a ir para a peça em breve, leva vários anos em obras e fechado, pelo que o destino imediato (e sine die, um amigo ourensam calculava-me que deve levar fechado já vai 5 anos) da pares não vai ser estar exposto a vista de todos, senão permanecer embalada no armazém junto com outras peças da coleção do Museu

    http://urdinheira.blogspot.com/2011/10/homes-de-pedra.html#comments

    Penso como comento ao post que o feito de que “a primeira opção por parte dos técnicos -e pode que quase unica- fora reclamar por defeito a peça e não deixa-la estar ainda que fora temporalmente na sua bisbarra da ideia da “rotinização” a que podem chegar os processos administrativos neste eidos do Património e de como esta rutina acrítica e mecânica pode chegar mesmo a ser fundamente contraproducente coa propria Posta em Valor e “visivilização” (neste caso literal) desse Património que pretende garantir”

    Em fim como muito acertadamente di outro dos que comentamos o o post de Bea, alguns neste Pais ainda sofrem o centralista “sindrome de Lord Elgind”

  12. 30 / Outubro/ 2011

    O qual a estas alturas é bastante “triste”

  13. Brasileiro
    30 / Outubro/ 2011

    Pois se aprotección do patrimonio neste país está en mans de “aficionados” entón deberían retirar o artigo e toda a lei. É máis deberíaselle retirar á arqueoloxía a condición de ciencia trocándoa pola de hobby para xubilados e fins de semana. Supoño que por ese escaso mérito que se lle atribúe á actividade arqueolóxica (á de documentalistas, historiadores da arte, arquiveiros, bibliotecarios..)como algo que pode facer calquera é unha das razóns polo que as empresas de arqueoloxía teñen que tirar cos prezos ou polo que teño tantos amigos que fixeron a carreira de Historia no paro.

  14. Brasileiro
    30 / Outubro/ 2011

    Insistindo neste último punto, e como vai de propor, propoño en solidaridade co fiscal xefe de Galicia, que vén de solicitar a creación dun voluntariado cultural para a catalogación do patrimonio eclesiástico, e vendo o colapso que ten a xustiza, a creación dun corpo de voluntarios de xuíces e fiscais, cada que que escolla o que máis lle guste, para resolver este grave problema.

  15. 31 / Outubro/ 2011

    Brasileiro, se cadra non leu todo o texto que escribín, ou se cadra o leu e prefire omitir algunhas partes. Recollo aquí unha parte dese primeiro punto:

    “Obviamente, a Administración só debera admitir a nivel administrativo aqueles informes asinados por profesionais, pero non debera penalizar outras actividades inofensivas que permiten multiplicar achados e facer máis fértil e diverso o discurso científico e social.”

    Na medida en que o principal cliente, ou o cliente final -directo ou indirecto- da arqueoloxía é a Administración, creo que iso debera contestar o seu comentario. Dá igual que eu teña como hobby a reparación de aparellos de radiocomunicación como buques -nada mo impide facelo na miña casa como entretemento, pero a lei só admite e valida aos profesionais homologados cunha licenza determinada. Pero a Administración non me pode poñer unha sanción porque eu me dedique a reparar un radar na miña casa ou na miña horta.

    Sobre a pregunta que fai sobre o Museo Etnográfico de Castrelo do Val, xa o que vexo moi enterado quería preguntarlle polos horarios de visita do Museo Arqueolóxico de Ourense, que creo que tamén son moi interesantes. E xa que estamos, se me podería concretar cando vai reabrir. 8 anos de retraso non están pero que nada, nada mal. A este paso eu xa pensaría en facer un Centro de Interpretación do Museo Arqueolóxico de Ourense.

  16. 31 / Outubro/ 2011

    Sem duvida o horário de apertura 8 a 8 anos são uns horários excelentes para a “conservação” -em formol- do Patrimônio. Certamente nada há que proteja melhor as pedras que o cartom e o polispam

  17. 31 / Outubro/ 2011

    Posto que estamos falando de catalogação de bens arqueológicos e isto não é o pão de cada dia das empresas de arqueologia, senão as lavouras de escavação de urgência, não acabo de entender que tem que ver o toucinho dos arqueólogos coa velocidade deste parrafo da Lei. O da situação dos arqueólogos e o de tirar os preços, e o do suposto “intrusismo”, eu pessoalmente não entende que intrussismo pode haver nas labouras de topografia dum jazigo, debuxo arqueológico, ou classificação de materiais,etc, nem como alguém pode considerar ou passar-se-lhe pola cabeça … qualquer as poder fazer

    Pido um pouco de reflexão e menos “cantonalismo”, uns e outros os profissionais e a sociedade em geral temos coisas que dizer, não as mesmas nem nos mesmo âmbitos do problema, penso que ninguém discutira a opinião dos técnicos nas questões técnicas, pero também há que admitir que a gente tem algo que dizer sobre o seu Patrimônio, e pode sugerir como lhe gostaria que se pusse-se em valor, e penso que por um mero exercício de humildade e democracia essa voz deveria ser ouvida

    -Por outro lado de novo me gostaria fazer finca-pé em que os principais afetados e vitimas do redatado do artigo 57 não são os afeiçoados senão os profissionais que bem obstaculizada abministrativamente de jeito absurdo a sua pesquisa de trabalho de campo nas mais mínimo dos achegamentos posiveis. Como é o propio reconhecemento dos elementos

  18. Manuel Santos
    31 / Outubro/ 2011

    Creo que as cinco ideas que propós son moi razoables. Tamén creo que reflicten o sertir xeral de boa parte dos arqueólogos profesionais.

  19. Crougintoudadigo
    31 / Outubro/ 2011

    Pensada com amor nos santos e muito felizes, extremamente felizes, tempos de Sara Mago e de Carmiña Burana- era outra vara de medir-, uma Lei para o Casal da Galiza de ontem, não pode ser a Lei do Património da Galiza de hoje. A reforma -os de Dombate sabemo-lo melhor que os de Newgrange-, da Lei de Património da Galiza é muito necessária.

    Suponho que na reformada Lei, sobrarão cautelas contra o encarregado do proteger, que,aprendendo dos horrores do passado, pensada com cabeça caro Gago, irá também na linha que indicas de apoiar ao profissional cuja autonomia há que incentivar e, e entre outras coisas, à sociedade civil.
    Concordo que deveria se documentar, pois que em princípio nem os largartos sabem de ciências naturais nem a evidência material, sozinha, revela a sociedade do passado, boa intervenção, com sucinto relatório, óptimos planos e exhaustivo catálogo dos materiais, amém amplo prazo austado ao caso segundo dizes.

  20. Brasileiro
    31 / Outubro/ 2011

    Non estou falando de intrusismo. Espero que algún lector entenda o sentido do meu comentario.
    Cando vai abrir a sede principal do Museo de Ourense non llo podo dicir teralle que preguntar ós seus responsables. De tódolos modos, como son un enterado, preocupeime de buscar na súa páxina web os horarios da sala de San Francisco que como o seu nome indica se atopa no antigo convento de San Francisco, capela da orde terceira: de martes a sábado de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas, domingos de 9:30 a 14:30. Sorpréndeme que se queixe vostede de que o Museo Arqueolóxico estea pechado e, polo que se desprende das súas palabras, non teña visitado esta sala.
    Por outro lado ten toda a razón. Nos últimos anos, polo verán, o museo abriu ó publico o antigo pazo episcopal, mostrando e explicando tanto os restos atopados como a historia do propio edificio, comprobando os que quixemos achegarnos, como se podería facer un centro de interpretación da historia da cidade.

  21. 31 / Outubro/ 2011

    Daquela se não falas do que falas teres-me que explicar a mim e ao resto de que estas a falar, ou se estas a falar de algo, polo nosso bem mais que nada

    Duas suntualizações 1) que uses o singular “sala” penso que já deixa claro a exiguidade, e precariedade da solução de São Francisco, 2) Se não sabemos distinguir o que é um Museu e um Centro de Interpretação, penso que temos um serio problema de conceito, pois até onde esta escrito um centro de Interpretação não pode ser um Museu e um Museu não deveria (maxime se é provincial e não local) ser um mero centro de Interpretação

    Sobre o horário de apertura em verão -suponho que pelo turismo- recorda-me ao Eçaro uma autentica maravilha natural, o único caso de Europa no um riu desemboca numa fervença, mas que só podemos contemplar alguns dias do verão e festivos sinalados quando graçiosamente a Central Hidroelétrica concede abrir a vilha da presa

    Penso que fazer virtude do defeito não é argumento muito valido.

  22. 31 / Outubro/ 2011

    Pola minha parte tenho coisas que fazer, aulas que preparar e alunas/os ao que atender para seguir a ensarilhar/-me neste infinindo e recursivo processo de auto/hetero-exegesse pessoal, demasiado pessoal, pelo que mentres nao saia-mos deste “bizantinismo”: de se dixem, dixo dizer, ou dissera, …coido que nao chegaremos a nada com jeito e construtivo sobre o que dialogar, pelo que sentindoo muito desculpo a minha presencia.

    Obrigado e Boas Tardes

    PD: Desculpa assimesmo Brasileiro, que não peda igual “des-encriptação” ao texto Crou, mas de tantos anos conhecendo-nos entendo muito bem o que diz, e mesmo, o que não diz, que lhe vamos fazer

  23. Miguel Losada
    1 / Novembro/ 2011

    Brasileiro:

    Na nosa lingua un museo é unha ” institución des tinada a conservar os obxectos que mellor ilustran os fenómenos da natureza e as actividades do home para o desenvolvemento dos coñecementos ” ou un ” edificio no que se custodian coleccións de obras pertencentes ó mundo da arte, da ciencia ou da técnica”

    Polo cal o Museo de Castrelo do Val, co que non teño mais relación que a de usuario, é un Museo sen comiñas que neste caso apenas fan mais que suliñar a falacia (argumental?)que rouba a vez dos verdadeiros argumentos que se cadra fican baixo chave a bo recaudo da opinión pública.

    Tocantes ó horario direille que é ben amplo. Cáseque a calquera hora que alguén se presente e pregunte a calquera no pobo vai aparecer unha persoa coa chave. Isto é mais do que hai na meirande parte doutras institucións e non é tanto un merito do Museo de Castrelo do Val como unha característica que trae conta da adaptacións as circunstancias sociolóxicas do medio.

    Tecnicamente conta ca dispoñibilidade de institucións universitarias que xa teñen comprometida a súa cheda no caso de que a estela, home de pedra, como lle chaman moitos no lugar, fique no que lle é propio.

    Ademais en horario de 9 a 14 e de 15 a 20hh sempre hai alguén dispoñible preguntando no bar ou en calquera sitio nun radio de 100m.

    Entendo que o de Ourense ten moita menos dispoñibilidade ou accesibilidade.

    O tema é que eiquí o que subxace é o despótico argumento aquel de ” para o pobo mais sen o pobo”
    A sociedade e o agregado “Historia/memoria/arqueoloxía” no deberan turrar mais que xunguidas. Por solto? pois …herba, dixen herba.

  24. Brasileiro
    2 / Novembro/ 2011

    Sen ánimo de ferir sensibilidades, señor Losada, a súa definición de Museo é certa, mais incompleta. O que eu entendo como Museo é o recollido no noso marco normativo, a Lei de patrimonio cultural de Galicia que non copio aquí por non estenderme. Penso que a denominación co que implica é importante entre outras cousas para non confundir ou levar a engano ó visitante. Doutro lado o “sistema chave”, aínda que encomiable, de ter que dispor do tempo e xenerosidade doutra persoa á que ademais se carga coa responsabilidade do alí contido, non é,creo, o modelo desexable.

  25. candepalleiro
    2 / Novembro/ 2011

    Algunha das ideas propostas non están nada mal,aínda que me parece que se circunscriben ao eido concreto da regulación da actividade arqueolóxica, que ten o seu propio desenvolvemento legal, e que, -estaríamos de acordo-, cómpre reformar dunha vez.

    Quizais as propostas de máis calado sexan a transparencia na información, e a publicación do inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Nisto imos con moito, moito retraso. Iso, si, se a solución a anos de retraso é a creación dun voluntariado, apaga e ímonos. A xestión do patrimonio cultural tamén é, sen excluir a ninguén, un campo profesional. E xa non che conto a Arqueoloxía…

    Finalmente, se é certo que membros do Goberno len este blog, mándolles esta mensaxe: se tanto preocúpalles o Patrimonio Cultural, deixen de foder a língoa

  26. 2 / Novembro/ 2011

    Candepalleiro, como digo ao final do texto, sen dúbida hai moitísimos máis elementos que se nos ocorren para cambiar na Lei de Patrimonio, pero fíxate que con só cinco xa me saiu este churro textual…

    O do tema dos voluntarios é interesante, e creo que todos pensamos na proposta da catalogación do patrimonio eclesiástico por parte de voluntarios. Ben, eu creo que se confunde o papel dos voluntarios. Creo que hai que diferenciar entre as obrigas da Administración e o papel dos voluntarios. Eu baséome no seguinte principio xeral: o Estado debe chegar onde non chega a iniciativa privada, ou onde pode dar unha cobertura social que non pode dar unha empresa privada, e a sociedade debe chegar a onde non pode chegar o Estado.

    Creo que o voluntariado xoga un papel fundamental en:

    a) A custodia do territorio. A Administración non dispón de efectivos para levar un control amplo do estado do patrimonio cultural. A sociedade debera ter mellores ferramentas para exercer a custodia do seu patrimonio ante agresións.

    b) A preservación do patrimonio. Con independencia das restauracións, etc., o Patrimonio esixe certas tarefas de mantemento que as Administracións ás veces non fan ou non poden facer.

    c) A apropiación e usos do patrimonio. A sociedade debe ter un papel maior para decidir que é o que se fai co seu patrimonio e debe poder ter unha maior capacidade de decisión sobre os seus usos. E para iso cómpre formala e informala sobre o que se pode facer.

    Non creo que a sociedade, así en xeral, deba facer informes e inventarios con validez administrativa. Para iso debe haber especialistas, como en calquera outro sector. Prescindir deles non só significa rebaixar a calidade e o nivel dos profesionais da cultura, senón apostar por un modelo difícil e erróneo. Pero tamén debera incrementar o control sobre o que fan os especialistas nos traballos para os que os contratan. Agora, con patrimoniogalego.net, consultamos centos de PXOMs, e moitos deles son de botarse as mans á cabeza. Algúns catálogos patrimoniais pasaron sen ningún tipo de criba crítica sobre a calidade do traballo.

    Resumindo, o do catálogo dos bens eclesiásticos por parte de voluntarios dirixidos por curas non só non me convence nada, senón que penso que é un modelo moi desaconsellable. Outra cousa é implicar a voluntarios en labores de custodia e de divulgación dese patrimonio eclesiástico (amosar a visitantes, etc.).

  27. candepalleiro
    3 / Novembro/ 2011

    De acordo no que propón, Sr.Gago, especialmente, no papel activo do voluntariado na custodia e o mantenemento dun patrimonio inxente moi espallado polo territorio. Tamén concordo con vde. que a Administración debe exercer unha supervisión técnica sobre a xestión do patrimonio, e con presenza no territorio

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará