Libro de visitas de Pena Furada: Xurxo Ayán

Last updated on 17 / Outubro/ 2011

Durante estas dúas fins de semana, por cuestións de axenda, non traballaremos nas accións de limpeza de Pena Furada, aínda que si noutros ámbitos tamén moi importantes, como dar a coñecer o lugar á comunidade científica e a todos os interesados. Así que, aproveitando unha excelente idea que nos deu un dos colaboradores do proxecto, Jorge Meilán, decidimos crear un libro de visitas, co obxectivo de achegar outras voces sobre o Proxecto Pena Furada, pedíndolle aos visitantes que nos expliquen que opinan sobre este singular espazo. Neste caso, o arqueólogo Xurxo Ayán, que é un dos máis reputados especialistas en Idade do Ferro en Galicia (ademáis de amigo), visitou a intervención e esta foi a súa opinión sobre o que alí veu. Moi suxestivas as súas achegas sobre a posible orixe cultural destes muros “escalonados” e a súa visión sobre o universo cultural das xentes que fixeron Pena Furada, os seus modelos orixinarios.

Nota: A seguinte -e última- intervención en Pena Furada será a fin de semana do 29 e o 30 de outubro. Será un fin de semana especialmente intenso, xa que imos tentar limpar as partes do sector norte que aínda están sen desbrozar, e que son un enigma, xa que alí están, na rocha, os apoios do que puido ter sido unha enorme estrutura de madeira vertical. O impresionante de Pena Furada é como avanza a intervención a pouco que non vaias. Non puiden ir a fin de semana anterior e os compañeiros que estiveron, na limpeza, descubriron este muro espectacular de sillar, que pega unha curva entre a primeira e a segunda porta. E isto é importante. Este estraño e moi ben feito muro (ao que lle falta demasiada pedra para ser muralla) parece delimitar e simplificar as plataformas, pero máis ao norte fica interrumpido por unha gran porta. Tamén, ao non avanzar ata a primeira porta, a súa finalidade militar está en entredito. A natureza branda, de limpeza, da nosa intervención, non nos permite aclarar que raio é isto, pero a idea inicial de Antón Malde sobre as plataformas sostidas por pequenos muriños de pedra parece confirmarse.

Non supuñamos que Pena Furada ía ofrecer tantos datos e tan intrigantes. Xa temos claro que imos tentar unha segunda campaña, de escavación, destinada a tentar aclarar máis este fascinante e único lugar.

2 Comments

  1. 21 / Outubro/ 2011

    Xenial! Grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará