Diario de Pena Furada (02/10/11)

Intensísimo día en Pena Furada hoxe. Canda unha calor criminal, onte e hoxe, na que os voluntarios demostraron a súa ilusión e afouteza, pasaron pola intervención numerosos grupos de persoas da comarca. Todos ficaban sorprendidos coa complexidade do lugar, e como a intervención está a revelar unha complexidade non só estrutural, senón temporal. Este outeiro de vistas espectaculares é como un negativo complexo de cousas que foron sucedendo durante séculos. É moi habitual ver a algún membro do equipo seguindo co dedo liñas e eixes imaxinarios entre as escotaduras. Outras veces, estes revélanse. Na área oeste, dunha gran caída, o equipo está a revelar estruturas murarias que se van superpoñendo, aferrando as plataformas para evitar que se derruben contra a pendente. Aí apareceron dous posibles proxectís de pedra (bolas talladas). A xente que está a traballar na área de entrada comezou a revelar as trazas dunha sorte de foxo de acceso. ¿Estaremos a falar de usos e funcións superpostos no tempo? ¿De usos sagrados de época antiga, como se evidencian nas cerámicas romanas, de usos militares medievais…? Sabemos que a nosa intervención non vai resolver, posiblemente, o enigma, pero nos permite apreciar a densidade de significados e evidencias arqueolóxicas que rodean a moura.

Tiñan que ver aos nenos ensoñando hoxe alí…

6 Comments

  1. artabris
    2 / Outubro/ 2011

    moitas gracias por ensinarnos hoxe ese impresionante emprazamento tan simbólico e un saúdo a toda a equipa que de xeito voluntario estades a darlle luz, incluso baixo o sol de xustiza que hoxe tivéchedes que soportar.

    Perdémonos o do “proxectil” que veu despois da nosa marcha, dato que enriquece aínda máis (a pesares da triste realidade que representa) este lugar sacro, de tempos tan lexanos presididos por esa moura que aguantou tan estoicamente o paso do tempo, á que incluso lle apareceu unha compaña séculos despois.

    O gracioso do conto para a miña historia persoal: pois que resulta que un dos meus bisabós ferreiro de profesión, saíu de este concello!!! e voume enteirar agora! e aínda teño que dicir máis vale tarde ca nunca! e iso lévame a reflexionar sobre a cantidade de historias que se deixaron de transmitir de xeración en xeración, :( que peniña.

    Esperamos ansiosas o resto de novas!

    Moi bo traballo!!!

  2. Giannini
    3 / Outubro/ 2011

    Está interesante. Non sei que vos parecerá pero a min a moura lémbrame, de xeito mais tosco se queredes, a iconografía dos canecillos das igrexas románicas.

    PS: por se interesase a alguén, hoxe había dúas catas nunha zona fronte á illa Carboeira entre Perbes e Pontedeume. Nunha parecía haber un muro castrexo e noutra o que tiña pinta de ser sillería granitica dun muro, xunto a restos humáns ¿A igrexa vella de Boebre (Pontedeume), trasladada á súa ubicación actual porque na antiga disque “a lambía o mar”? As catas no centro desta imaxe: http://tinyurl.com/69utjjn

  3. 3 / Outubro/ 2011

    É que é o que eu sempre digo: unha intervención arqueolóxica é como unha película. Hai sorpresas continuamente. Hai que ter en conta que só estamos no nivel superficial do xacemento, e todo está revolto…un aspecto importante é que as valoracións do xacemento sempre hai que facelas en conxunto, e ver que poden representar eses proxectís no global de Pena Furada, que xa ten máis de 200 pezas inventariadas só na capa superficial. Pero vamos, interesantísimo, sen dúbida ningunha. Agora ben, aínda sospeito que imos ter algunha sorpresa máis.

    Tamén é fascinante confirmar a disposición estrutural que no seu momento avanzou Antón, cando aínda non se vía un raio aló. Estruturas murarias pétreas bastante potentes e de calidade que tentan afianzar as terrazas no espazo. Aló, na banda NO e Oeste, está aparecendo, e por agora son un labirinto.

    Gianninni, o profesor Alonso Romero xa salientou, no seu tempo, esta proximidade formal entre a Moura de Pena Furada e as Sheela-na-gig. En penafurada.wordpress.com tes a ligazón ao PDF do artigo.

  4. 7 / Outubro/ 2011

    Grazas pola mención!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará