O mediodía na Pena Furada


Esquerda: A Moura vista ás 13:00 (12:00 hora solar). Dereita: A Moura vista ás 17:30 horas do mesmo día. Fotos: Gago/Sole. Non están retocadas.

Durante un traballo de recollida de tradición oral levado a cabo en Palmeira, hai moitos anos, decateime dun esquema de distribución temporal das personaxes da tradición oral que despois advertín en moitos outros sitios. Mentres os abundantes e ‘faladores’ difuntos da parroquia de San Pedro de Palmeira manifestábanse á media noite, os mouros parecían gañar actividade nas horas centrais do dia, tomando o ‘mediodía’ como o momento ao que se alude nos contos coma do encontro entre humanos e mouros, ou cando os mouros saen fóra das súas covas e refuxios. Logo souben pola bibliografía que iso era así. Aínda que os mouros se presentan por algúns autores como Mar Llinares coma seres construídos en oposición aos labregos, o certo é que conviven con eles nas máximas horas de actividade e traballos.

Por iso é emocionante o que acontece coa Moura de Pena Furada, e no que nos imos decatando día tras día que ‘convivimos’ con ela. Conforme se vai achegando o mediodía, a imaxe vai collendo unha forza inusitada, tremenda, ata converterse nunha auténtica marca monumental apreciable a distancia,e todos nos achegamos diante da Moura para tirar fotos como esta. Durante a tarde, pola contra, a moura case desaparece, podería pasar practicamente inadvertida para unha persoa con pouca experiencia na localización de gravuras. E no solpor vai volvendo a manifestar as súas formas, pero sen acadar a forza das horas centrais do día. Hai que ter en conta que, como sinalou Manuel, estabamos no equinoccio de outono. Quen sabe se terá relación!

Se cadra foi esta peculiar comportamento visual o que fixo que os veciños de Santa Mariña de Lesa lle deran este nome á figura que preside o outeiro de Pena Furada, conectando a figura co comportamento habitual das mouras do imaxinario tradicional galego.

É innegable non facer unha comparación cultural co que aparece cos petróglifos de épocas anteriores, que se aprecian adecuadamente coas luces rasantes do mencer ou do solpor, pero malamente co sol no alto do céo. Con independencia de se o efecto ‘mediodía’ da Moura de Pena Furada foi buscado ou non polo seu autor ou autores, é a luz un curioso axente que nos fala dunha diferente cronoloxía cultural para esta figura en relación aos petróglifos que enchen os montes de Galicia.

Un rudimentario gráfico cos mellores momentos do día (en gris) para ver a Moura:

9 Comments

  1. Antón Malde
    26 / Setembro/ 2011

    Interesantísimo. Sobre isto teño unha suxestión nova: a “pedra d’ ara”, ten connotacións sexuais e foi censurado por Santo Eloy e algún concilio…(praticas desonestas no més de febreiro, proibición de tocar o adufe nese més (?))

  2. Antón Malde
    26 / Setembro/ 2011

    fantástico…

  3. Xabres da Teixeira
    27 / Setembro/ 2011

    Magago: No edificio do centro de interpretación dos castros de Neixón, o Arqueólogo, perdeu do seu tempo ensinando o que habia.
    Nunha reproducción dun petroglifo, non se via ningunha gravura, cunha luz adecuada ó efecto, vianse as figuras.
    Alí aprendí a importancia da incidencia da luz, pra poder ver o que hai.
    ¡Casi me perdo a nova escavación en Allariz! Gracias a unha moza que nos guiou.
    Apertas.

  4. André
    27 / Setembro/ 2011

    Parabéns por usares a hora galego-portuguesa.

  5. 27 / Setembro/ 2011

    Non son consciente de tal cousa. Estou falando do mediodía solar, independentemente das horas dos humanos. :-)

  6. Marimanta
    27 / Setembro/ 2011

    Acho que se refire a que levamos duas horas de adianto respeito ao sol (com a hora humana espanhola).

  7. 27 / Setembro/ 2011

    Ah, ok, grazas Marimanta; en todo caso, observando as secuencias fotográficas que temos sobre o fenómeno, observamos que o efecto é similar con independencia desas marxes de tempo. A foto da esquerda está tirada xusto despois de que ficasen libres de sombras os pés da Moura, é dicir, no inicio do momento lumínico máis forte, que ten o seu apoxeo no mediodía solar. A da dereita podería ser de calquera momento do centro da tarde: o efecto é similar ata que o sol se inclina decididamente sobre o horizonte e comeza a verse algo máis (nunca tanto coma no mediodía).

  8. 30 / Setembro/ 2011

    Se cadra cas aparicións das mouras nos penedos pasa como cos Reis Magos, Papa Noel, ou mais ben co Coco, ou o home do Saco. Os nosos ante-ante-ante-pasados dicíanlle aos cativos que alo no monte se aparecía unha moura que os ía reter presos para que non se alonxaran moito da casa (e a moura era esta da peneda), e o que agora nos contan os nosos paisanos son os recordos moi moi elaborados duns cativos de fai uns miles de anos.

    Apertas,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará