Rías Baixas, Gourmet Territory

Last updated on 13 / Decembro/ 2011

Onte, sentado na mesa do diáfano estudo da deseñadora Uqui Permui, ás aforas de Compostela, emocioneime co tacto deste libro: Rías Baixas, Gourmet Territory. Aínda non foi presentado e aínda non está en librarías, pero despois dun longo e minucioso proceso de traballo, por fin xa é unha realidade física. E nunca mellor dito: desde a encadernación en tela ata a calidade da impresión interior (con sorpresas), este libro é unha fermosura que fai tanxible e visible o movemento de renovación contemporánea da gastronomía da costa galega.

Ese é o obxectivo. Rías Baixas, Gourmet Territory/Territorio Gastronómico é un proxecto da Deputación de Pontevedra e o Patronato de Turismo Rías Baixas destinado a un público internacional de foodies e gourmets: o obxectivo é claro, facer visibles nunha gran produción editorial a intensidade do movemento contemporáneo ao redor da gastronomía no litoral sur de Galicia. Para facelo, confiou na deseñadora Uqui Permui, que coordinou con Marta Lucio a un equipo integrado por Francesc Guillamet -o prestixioso fotógrafo de El Bulli e outros grandes restauradores-, Jorge Guitián e eu mesmo nos textos e a un amplo elenco de cociñeiros do Grupo Nove na provincia de Pontevedra: Yayo Daporta e Antonio Botana en Cambados, Javier Olleros no Culler de Pau do Grove, Xosé Cannas, Pepe Solla, Iñaki Bretal e Roberto Filgueira, Pablo Romero, Rafael Centeno e Alberto González. O libro combina textos informativos, receitas e entrevistas aos cociñeiros que achegan o ‘por que’, a filosofía e as palabras que están detrás dunha determinada gastronomía.

O resultado é unha fantástica carta de presentación da gastronomía das rías, deseñada con elegancia e intelixencia por Uqui Permui, para construír unha publicación gastronómica de nivel internacional. De feito, é un dos libros gastronómicos máis bonitos que teño visto ultimamente. E é un orgullo que neste caso, fose feito e escrito desde aquí.

Pola miña banda, traballei nas entrevistas a cociñeiros e na introdución do libro, no que se trataba de describir as Rías Baixas a un estranxeiro. Quixen construír non a típica introdución ao uso que se dedica a citar continuamente a Cunqueiro e Camba (que si aparecen citados); eses aburridos textos turísticos sobre as rías construídos desde arriba. Pensaba máis ben en redactar unha longa reportaxe que levara aos lectores pola xeoloxía, a economía, a tradición, a talasonimia litoral e submarina, a mitoloxía, a lingua galega das rías e a bioloxía do ecosistema das Rías Galegas. Un texto escrito decididamente desde os mariñeiros, non desde os turistas. Quería amosar como todo se integra e dá sentido a unha gastronomía moi particular.

E ocorreu algo marabilloso. Cando os teus textos pasan do ordenador ou dos folios borrador que imprimiches ao soporte final, ao libro, a revista ou o xornal, sempre, cando menos eu, teño unha sensación estraña, como de alleamento. “Iso escribino eu?”, preguntas.

A marabilla é isto que fixo Uqui Permui e que vedes na foto. Como vedes, o texto está envolvido pola ría de Dena. Son este tipo de experiencias táctiles as que convirten ao libro papel nun obxecto valioso de seu.

Adxunto a ficha técnica do libro. Xa avisarei cando estea dispoñible nas librarías.

Actualización: O libro acaba de gañar o tramo español dos Gourmand Cookbook World Awards na categoría BEST LOCAL CUISINE.

4 Comments

  1. Xerardo
    19 / Setembro/ 2011

    Shalom gostariame saber si as bateas que estan no estuario do rio son piscifactorias, e a que estan adicadas as angulas ou a outro tipo de peixe, parabens e saudade

  2. 19 / Setembro/ 2011

    Pois non che sei. Supoño que son bateas de mexilón.

    Eu máis que saudade deséxoche saúde! ;-)

  3. iolanda
    21 / Setembro/ 2011

    O libro parece ben chulo, unha mágoa que sendo un libro financiado pola Deputación de Pontevedra e o Patronato de Turismo Rías Baixas as únicas linguas que utilicen sexa o inglés e o castelán.
    A min como amante da lingua, da boa cociña e admiradora do grupo nove e de vtde. paréceme que o libro tamén tiña que estar en galego, os que falamos “paleto” tamén nos gosta o gourmet e tamén pagamos ese libro.

  4. 21 / Setembro/ 2011

    Sen dúbida, o libro melloraría, Iolanda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará