O trailer de Escépticos (e máis o spot)

Xa temos falado aquí de Escépticos, a magnífica idea de documental de divulgación científica que se estreará proximamente en ETB-2. Escépticos ten dúas cousas positivas: a primeira, demostrar de forma activa numerosos timos modernos disfrazados de verdades. O mundo contemporáneo está moito máis cheo de mitoloxías do que pensamos cando ás veces ollamos para os panteóns dos clásicos. Outra cousa é que as nosas mitoloxías están disfrazadas, pero están aí. E aquí vén a segunda parte da cuestión. O que me gusta de Escépticos é o xeito de construír ciencia de xeito indirecto. Ao esixir evidencias, instrúe sobre o método científico, e os sucesivos pasos de conxeturas, a hipóteses e de hipóteses a teorías. O método científico susténtase en evidencias, aínda que para atopar as evidencias, moitas veces, é preciso botar man non só de técnicas máis ou menos mecánicas, senón tamén da intuición e da imaxinación. Pero non debemos quedarnos niso. O máis novelesco, o máis apaixoante, é o proceso que leva do indicio á evidencia, especialmente cando esta se vai retrasando, dando voltas, agachando mentres o camiño está inzado de frangullas indicativas…

A clave da ciencia é a busca da evidencia. Estes días, un científico amigo anda a observar un mundo cheo de indicios; reconstruímos un escenario global para o que está localizando, pero é preciso localizar evidencias para dar un paso máis alá. Escépticos pide evidencias para ir máis alá.

E outro aspecto interesante de Escépticos é o que ten que ver coa localización. Os científicos que falan non pertencen a unha remota universidade americana ou inglesa. Son científicos vascos, científicos que viven ao carón de cada un de nós. Esta cuestión é clave: os medios constrúen certa (falsa) percepción de que o coñecemento se xenera lonxe de nós, cando o relevante é que, moitas veces, se está xenerando ao noso carón. Que a sociedade perciba isto é fundamental, é o único xeito de evitar que un político se sinta con liberdade para meterlle tesoirazos salvaxes aos orzamentos de investigación científica. En Escépticos, o físico nuclear chatea no bar do lado. Básico.

A divulgación científica sempre se centra na mensaxe final, no achado. É inevitable non caer nese vicio. Pero o auténtico desafío, o valor máis importante da ciencia é o camiño, o proceso e, xa que logo, o método. No sitio arqueolóxico de Pena Furada tentaremos que o método, o proceso, sexa parte do relato.

5 Comments

  1. Luis
    16 / Setembro/ 2011

    O amigo Gámez leva anos facendo unha interesante laboura divulgativa. Por suposto, a semente non medra en terreo seco. Basta entrar no seu blogue (sen lugar a dúbidas, xa todo un clásico na rede) para ver como moitos dos comentarios son respotas inxuriosas e incluso ameazantes por parte de seguidores de outros vascos (Jiménez, Benítez, etc)
    Benvido sexa “Escépticos”. E benvida a súa presenza neste blogue.

  2. 17 / Setembro/ 2011

    Pois sim, acabo de ver o capítulo piloto e a verdade é que -com certos matizes- gostei bastante do produto. Sobretodo no formato, original e imaginativo, mui orientado cara à comunicaçom, ou como tu tantas vezes dizes, cara ao “relato”.
    Por certo, o “lado obscuro” é um invento dos bascos, e de feito Darth Vader era natural de Errenteria, segundo estudos recentes ;-)

  3. 17 / Setembro/ 2011

    Si que está moi ben. Esteticamente, gústame especialmente unha técnica: a do making of. Cando ves a Gámez seguido por unha nube de técnicos, parece que estás vendo un documental sobre o documental. É dicir, o proceso de filmación está incorporado dentro da propia filmación. Non son os primeiros en facelo, pero queda moi ben.

    Teño tamén unha cousa curiosa con respecto a isto, e bastante galaica. Poderíase resumir en “a ver, ho, faille mal a alghén?”. Quero dicir: gústame a belixerancia contra os timos, pero non contra as crenzas, especialmente cando están moi incorporadas nas culturas. Imaxinádesvos o cabreo que poderiamos coller todos se vén o Gámez a tentar desmontarlle o conto a algunha das nosas velliñas meigas, curandeiras, sanadoras ou sabias dunha aldea? Sería para darlle co micro de pluma ese na cabeza. ;-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará