Pena Furada: un primeiro boceto desde os medios

César Delgado, ilustrador de La Voz, é o autor deste boceto que abría hoxe a sección de cultura dese xornal, dando conta do inminente inicio da intervención arqueolóxica en Pena Furada. Trátase dun bo exemplo para explicar a relación entre a infografía de medios de comunicación e a realidade arqueolóxica. Unha infografía non é unha copia exacta do orixinal, senón unha narración visual. E iso é moi diferente. Nunha narración remarcas unhas cousas e deixas de lado outras, porque estás limitado no tempo e, no caso da prensa, tamén no espazo. Este gráfico que hoxe vemos pode que sexa moi diferente ao que pensemos dentro dun mes.

Deste xeito, a narrativa visual enfatiza o rol central do podio da moura e os aterrazamentos paralelos que xa se poden percibir nestes momentos no sitio arqueolóxico, antes da intervención. Sen embargo, non contempla outros elementos importantes vinculados ao xacemento pero que nin Malde nin eu aínda comprendemos demasiado ben: uns estraños escalóns nun grupo de penedos que pechan o outeiro ao norte. Na infografía deberan estar na zona da dereita, pero nun espazo limitado como é unha plana dun xornal, a súa presenza, aínda non clara, levounos a estar ausentes da narrativa. É discutible, pero ten bastante sentido desde o punto de vista do ilustrador.

Outros elementos interesantes que tiveron que ser sacrificados no gráfico foi a curiosa estrutura de portas, e a presenza dun petróglifo dunha cruz aparecida tras a limpeza entre a primeira e a segunda porta. Visualmente, o detalle das dúas portas reduciría visualmente o impacto dos aterrazamentos; outra volta, o infografista debe escoller. Ademáis, a narrativa da noticia e do gráfico enfatiza a función sacral de toda a estrutura; nós aínda deberemos aternos a máis datos e ver o esquema xeral para comprender exactamente a cuestión. Aínda que xa practicamente desbotamos que sexa unha fortificación altomedieval, pode haber máis posibilidades. Ademáis, sospeitamos que, polo gran número de escotaduras, había algunhas estruturas en madeira por agora non imaxinables e, polo tanto, non debuxables. E tamén xa lles adianto que creo que xa sei quen é esta Moura, pero iso cálomo polo momento. :-)

Si hai unha gralla no gráfico que é preciso corrixir e advertir. A Moura non está orientada cara o sur, senón cunha precisión enorme, cara o solpor; como todas as cousas importantes en Galicia -e desde logo todas as sagradas-, está ollando cara o Oeste.

20 Comments

  1. Antón Malde
    9 / Setembro/ 2011

    Veño de estar na Pena Furada tomando uns pontos taquimétricos previos. A Cousa promete, vimos outras dúas portas mais, unha cortada na rocha e alineada coas outras dúas no extremo do esporón, e unha outra apenas insinuada…

  2. 9 / Setembro/ 2011

    A min o das portas tenme intrigadísimo, e agora polo que me comentas aínda máis.

    En xeral, cando comecemos aló creo que hai que darlle tamén unha pensada tamén ao tema do traballo das pedras do outeiro, en especial os da veta principal (que é un granito algo diferente ás penedas do norte). É un aspecto secundario con respecto ao obxectivo principal, pero tenme bastante intrigado o modo de traballar a pedra, realizar as escotaduras, o xeito raro de facer os peldanos da cara E do podio… Igual un día tamén podemos levar a un canteiro profesional, a ver como ve el iso.

  3. nostrático
    9 / Setembro/ 2011

    Veña non sexades flipados que no mundo da historia xa se sabe todo ou case todo o que se debe saber.

    Eu cando me enterei que a palabra “nai” non ven de “mater”, senón que ten outra raíz máis antiga, por non dicir “nostrática”. E que os indios “Onas” “selk-nam” de Terra de Fogo, á muller ou á linaxe, lle chaman “nah”. E que os vascos para dicir ¿e ti de quén ves sendo? din ” yo soy” fillo de tal. “yo soy” dise “nai” en vasco.

    Eso sí que é flipante e fermoso. A min o mundo castrexo xa me parece a modernidade absoluta, pensar que o concepto de globalización tal como nolo venden hoxe pode ter 40.000 ou 50.000 anos de antigüedade da moito que pensar. A estudar o Paleolítico, tan marxinado e desprestixiado. Eses homes sabían moito.

  4. 9 / Setembro/ 2011

    ein?

    Impresionante o teu comentario. Había tempo que non tiña un así! :-)

  5. Anton Malde
    10 / Setembro/ 2011

    Paréceme unha boa idea. Tamén vense marcas de punteiros na superficie regularizada dalgunhas rochas.

  6. nostrático
    10 / Setembro/ 2011

    Pois vouche contar outra na mesma liña, sabes cómo lle chaman os indios “Onas” ou “selk-nam” ó sol. O sol chámase “Kram” e a lúa “krem”. Os exipcios ó sol chámanlle “Ra”. Nin que dicir ten, a similitude entre “Kram” e “Coroa”, ou entre “Kram” e o “Cronos” grego. E xa non che digo con “Crom lech”, da raíz Crom “Coroa, Sol, Tempo, é o mesmo”. E a raíz lech, de locus, ou leira. Un crom-lech sería un lugar onde dar culto ó sol, a lúa, medir o tempo etc…

    E que, os indios “Onas” coma os aboríxenes australianos sabían moito, e o mundo e máis mundo moito antes do que nos imaxinamos. Bueno, esto xa é moito especular, pero eles chamansen “selk-nam”, a raíz nam significa “linaxe”, e a min a raíz selk pois recórdame ó mar, como “sea” o “sail”, os selk-nam serían as tribus que navegan ou navegaron como digo eu, porque como din eles mesmos, non hai muller selk-nam que non sexa mariñeira.

    E se queres darlle máis a cachola, podes empezar tamén cos indios algonquinos, de Quebec, que non teñen nada que ver cos Clovis, de feito din que as súas puntas de frecha son “Solutrenses” coma as dos “Onas”, e son os encargados de difundir o haplogrupo mitocondrial X en América. Un haplogrupo que se formou hai miles de anos en Irán, Iraq, Arabia, e so se mantén en Europa Occidental. Pero non te deixes enganar, a pesar do que poida parecer, os algonquinos non cruzaron o atlántico por Europa e Islandia. Nonnnn¡¡¡¡, non vaias por ahí. Ten que ver co illamento, como o R1b en Gales ou Irlanda.

    Despois podes seguir cos Seminola de Florida ou os Yanomamis de Roraima.

    Qué pequeno é o mundo. E todo esto no Paleolítico ehhh¡¡¡. Pobres aboríxenes australianos, foron tratados como animais polo “civilizado” home branco, ese que en nome da ciencia inventou o Darwinismo. En fin.

    Bueno, menuda novela.

  7. Luis
    11 / Setembro/ 2011

    “E que os vascos para dicir ¿e ti de quén ves sendo? din » yo soy» fillo de tal. «yo soy» dise «nai» en vasco. ”

    Pois…
    “Eu son” non se di “nai”, senon “ni naiz”.

  8. jfca
    11 / Setembro/ 2011

    ¡ Os Hicsos !

  9. Nsbia Corona
    11 / Setembro/ 2011

    Temos de estudar un pouco mais de lingüística denantes de faguer esas conxeturas. Kram e Coroa…. Pois mira, Coroa e Corona proceden do ide. *k@r que da o apelativo de Odin : herjann, ou Corono, ambos con sufixo -no “señor de” (Benveniste): herjann o Corionos/Coronos quer dicer “o señor do exército”· se Krem quer dicer o mesmo teremos que empezar a pensar en relacións ou préstamos do indoeuropeo ao exipcio, senon son simplesmente coincidencias formais que nada queren dicer. América foi poboada no paleolítico superior por xentes que procedentes de Asia Menor foran seguindo tras o dexeo á caza, poboaron as zonas siberianas e marcharon para América por iso hai similitudes a ambos lados do estreito de Bering e incluso hai palabras patrimoniais comúns,…

  10. nostrático
    12 / Setembro/ 2011

    Pois claro Luis pero se temos en conta que no paleolítico era un matriarcado “ni naiz Gorka”, quere decir “yo soy Gorka”, pero se cadra no paleolítico quere decir ” o meu liñaxe matrilineal é Gorka”. E se eres algo é gracias a túa nai. Que sí Nsbia, por eso todos os cráneos de América oriental son dolicocéfalos, e todos os Clovis siberianos son braquicéfalos, por iso os Clovis non superaban o 1,60 de altura, e os “Onas” medían 1,80 metros de altura. Non lle mandes a ninguen estudar un pouco mais porque cho poden mandar a ti.

  11. Luis
    12 / Setembro/ 2011

    Difícilmente pode amosar un a súa ascendencia materna e matrilineal, empregando unha expresión identificativa na que só se emprega o nome propio dun.
    E o do matriarcado paleolítico… cuestionable. Moi cuestionable.

    Desculpas por saírme do tema deste post.

  12. 12 / Setembro/ 2011

    Eu, francamente, creo que especular sobre as linguas paleolíticas é navegar nun territorio de aire, sen nada ao que apreixarse. Ou sexa, que non me interesa nadiña, sonche moi terráqueo. :-)

  13. antón
    18 / Setembro/ 2011

    Un santuario din… hahahaha non me faigades rir.. Iso é unha cabana medieval con moita probabilidade, unha sorte de curro para acribar o gando. Nada de cultos nin farrapos de gaitas, TODO MEDIEVAL. Non hai santuarios, nin circos, nin gaitas. É unha estrutura meramente funcional, usada únicamente por animais. Non queirades convertir isto en EuroDisney, o Patrimonio Cultural é moito máis ca iso. Infografías pitonísicas sobran na arqueoloxía galega actual.

  14. 18 / Setembro/ 2011

    Antón, recoméndoche que antes de facer comentarios leas os obxectivos da escavación no blog oficial da intervención. Iso está escrito polo equipo da intervención:

    http://penafurada.wordpress.com/2011/08/03/procuramos-voluntariosas/

    Como ves, hai moitas posibilidades abertas e o obxectivo da intervención é aclarar que é e que non é, ou se foi varias cousas. Despois do primeiro paso da intervención, que foi a limpeza e desbrozado da área, algunhas das hipóteses mantivéronse e outras, como a dunha fortificación altomedieval, son xa menos posibles; a seguinte fase tentará documentar as estruturas en superficie, as intervencións humanas e dirimir a/s posible/s funcionalidade/s do sitio: como vai ser unha intervención “branda”, sen escavación, veremos ata onde se pode chegar. Ese é o xeito no que se traballa, ou polo menos o que nos gusta traballar a nós. Son as evidencias as que marcan a funcionalidade do lugar. E non ao contrario.

    Tamén nos gusta traballar desde o respecto aos demáis, algo que fala moitas veces neste país. Por certo, afirmar (anonimamente) que iso é un curral e quedarse tan ancho si que é bastante patafísico.

  15. Antón Malde
    18 / Setembro/ 2011

    Totalmente de acordo Manolo.

  16. Luis
    18 / Setembro/ 2011

    Con todo respeto a todas as partes, e deixando claro que un servidor é só un afecionado a estes temas, e polo tanto, non profesional da Arqueoloxía…

    Penso que se Antón ten argumentos para defender a idea de que é un peche gandeiro, estaría ben que aportase información.

    Remitíndome ao meu primeiro párrafo… dame a sensación de que na Arqueoloxía do país, moitas veces sobran ataques (moi a miúdo persoais) e desprezo cara a opinión do outro. E falta vocación de debate, para poñer en común e contrastar datos e opinións.

  17. jfca
    18 / Setembro/ 2011

    Está clarisimo que é un sitio “ideal” para pechar ao gando
    >sobre de todo na Idade Media< ¿porqué na Idade Media?
    (faltaria plus, nin antes nin despois)
    Poida que sexa mais ben, porque tódalas cabras tiran para o monte,
    e aquí tódolos castróns poden ver e facer cruces que nin viron.
    Eses "pastores" adícabannse dende sempre a xuntar penedos e facer portas cara aos barrancos para que salten os bois e estén en forma.
    E no tempo libre "machacaban" as pedras pensando na súa moza ideal,
    que eso si, saltándose tódalas normas virxinais,
    non era preciasamente de cona estreita, senón ampla coma as das
    vacas do pastor medieval do Antón.
    Un pouco de seriedade que ata Iker Jimenez as conta mellor,
    e esto vai ser unha INVESTIGACIÓN

  18. Luis
    19 / Setembro/ 2011

    A min tampouco me cadra.
    Aínda así, se hai outras posibles explicacións, era a oportunidade de facer un comentario expoñendo argumentos, que propiciara un debate.
    Foi máis ben burlesco cara a xente que está traballando en Pena Furada.
    Como dixen, ás veces teño a sensación de que estas actitudes están demasiado vixentes na Arqueoloxía galega.

  19. jfca
    8 / Outubro/ 2011

    Quen queira argumentos que os vaia ver, que ainda estando en petrea forma, dabondo temos.

  20. jfca
    20 / Outubro/ 2011

    Anque vos pareza mentira hoxe atopéi o porqué dos HICSOS en Escocia e Irlanda.
    “Manda Moito Carallo”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará