No corazón do Xigante (I): a Casa da Xoana

Imos iniciar esta semana unha breve serie sobre un dos montes máis senlleiros de Galicia: o Pindo. Tivemos a fortuna, o domingo pasado, de percorrer as entrañas do monte -dun monte inzado de segredos- con membros da Asociación Monte Pindo Parque Natural: trátase dun grupo de activos veciños da zona, amantes desta montaña, que están a promover campañas e exercer presión para conseguir a declaración do Monte Pindo como parque natural. Estou certo que o van conseguir, tarde ou cedo. O cambio de goberno en Carnota (a quen pertence todo o monte), está pola labor de avanzar nesta dirección.

Durante once intensas horas, vimos tantas e tan fascinantes cousas que decidín separar as historias para darlle a cada unha o protagonismo que merece.

No ano 1745, o frade Martín Sarmiento, aos pés do Ézaro e do Monte Pindo, recibiu un relato dos veciños da zona, que consignou coa súa meticulosidade de viaxeiro apuntador. No alto de aqueles montes había restos de torres, de xardíns e calzadas…como un mundo desaparecido ou illado.

Hoxe sabemos que Martín Sarmiento non se trabucaba, ou non de todo. Cando menos, o Monte Pindo está cheo de relatos, lendas, restos arqueolóxicos, e moitos deles aínda sen casar entre eles. Entre eles, algo que lles sorprenderá aos lectores das Repúblicas de Homes Libres, e que veremos ao final da semana. É un enorme xigante xeolóxico, un tesouro de pedra sobre o Atlántico; con el acontece algo fascinante. Hai moitos montes da mesma ou máis dimensións, pero a característica do Pindo é a súa disposición labiríntica. A orografía de penedías e diaclasas multiplica a superficie, e fai que as historias humanas fiquen pegadas, como un imán, ás pedras.

Xilberto Caamaño, presidente da asociación, e Xosé lévannos polo Pindo, máis alá dos roteiros trazados. Desprazándonos por unha diaclasa, case voando sobre o mar, remontamos un pico secundario, ao norte da Moa. É o pico da Xoana. Subimos por unha acusadísima pendente, en zigzags breves, e por momentos, cunha pendente case vertical. O peito tira, pero o lugar compensa o esforzo.

A montaña está furada de estremo a estremo! Estamos na Casa da Xoana, unha cova natural que atravesa o interior da montaña e sae para o outro lado. Con temporal, aquel túnel incribel exerce como unha succionadora dos ventos. Xilberto Caamaño fálame dunha muller á que levaron de pequena a quitarlle o aire aló. “Era como unha catedral”, dicía rememorando a vella. No se enganaba en absoluto. A bóveda elévase varios metros por riba de nós. O que vedes pequeno na foto en realidade é dunhas dimensións enormes.

Xilberto cóntanos unha historia impresionante: o do lugar de reunión das bruxas.

O propio nome é mítico: esa Xoana recórdanos moito ás Xanas, presentes no folclore galego, esa sorte de mouras. Xoanas e Bruxas. Sole sinálame a cova e todo o que a rodea. “As covas de bruxas sempre teñen esa forma, unha forma que recorda a algo moi concreto”, dime ela. Volvo a examinar o paredón e a cova, e dáme a risa. É coma un test de Köch, si, pero diaño, ten razón! Feminidade en estado puro.

Ao carón da porta, un tenue petróglifo cruciforme, no que os brazos están unidos por un semicírculo, está perfectamente aliñado no eixo Oeste-Este, rubricando a sacralidade deste incrible lugar, unha porta entre o mar e a terra, entre os dous mundos, sexan cales foran. É difícil non sobrecollerse, non deixarse levar por este lugar. A pantasma dunha aguia real parece voar sobre nós.

E seguimos andando polo Pindo.

9 Comments

  1. 7 / Setembro/ 2011

    Parabens polo blogue

  2. 8 / Setembro/ 2011

    Moitas grazas!

  3. Anonio de la Peña
    8 / Setembro/ 2011

    Ois, Manolo… Preocúpate un pouco máis pola Sole, que logo anda a imaxinar picardías. Que a “cova de bruxas por antonomasia”, a de Zugarramurdi, tampouco é que se pareza moito a ese “algo concreto”, non si?
    Señor, Señor… Xa tivo que aparecer o augafestas escéptico de garda :)
    Apertas e parabéns polo blog.

  4. 8 / Setembro/ 2011

    Hahahaha! De augafestas nada, Antonio, un pracer que pases por aquí. Pero non me diga que non o pasou ben scrolleando de novo para arriba a ver se era capaz de recoñecer esa concreción. :-)

  5. Antonio de la Peña
    9 / Setembro/ 2011

    XDDDDDD Touché!

  6. Escachapeitos
    20 / Setembro/ 2011

    Felicidades polo estupendo blog. Preguntábame se podías darme a localización exacta das coordenadas GPS da Casa da Xoana, teño programada unha ruta próximamente e non atopo a súa localización exacta por ningures e teño entendido que non hai ningún tipo de sinalización. Moitas gracias, saúdos.

  7. 20 / Setembro/ 2011

    Escachapeitos, aquí te deixo a ubicación da Casa da Xoana.

    http://maps.google.es/maps/ms?msid=210066705712329425773.00000111d78e2747569d4&msa=0&ll=42.890492,-9.114811&spn=0.014463,0.01929

    Vai cun pouco de prevención, porque non tomei medidas GPS alí mesmo e orientarse por Google Maps nese labirinto… en todo caso, tamén te debuxei un roteiro (non o incorpores de xeito literal a un GPS, é para que vexas máis ou menos o percorrido de como se chega). A clave é que cando vaias baixo o macizo da moa, cara o oeste, e logo te internes no val que está ao norte, xa vas ver un monte á túa esquerda cunha cova descomunal preto do cumio. Pero non fagas a cafrada de ir de frente. Remonta máis ou menos por onde te indico.

    Coidadiño por aí.

  8. Escachapeitos
    20 / Setembro/ 2011

    Moitísimas grazas Manuel, tíñaa máis ou menos ubicada pero non sabía moi ben por onde tirar, iremos con tino, non te preocupes que sabemos as nosas limitacións e se vemos complicación daremos volta.
    Saúdos e moitas felicidades polo estupendo blog.

  9. 11 / Xullo/ 2012

    A cova da xana, a cova da xanela grande ;-) Como en Rio de Janeiro, o significado paréceme ben claro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará