L 2004, o Burdeos de Sylvie Dulong

Cada vez vexo máis a Burdeos, ao Bordelais -o territorio vinícola ao redor da cidade- como un ríxido sistema de castes. Grand Crus e Crus -sobre todo os primeiros- conforman unha aristocracia que, se cadra, foi merecida no século XIX pero que non responde aos retos do XXI. ‘Títulos nobiliares’ que encarecen as botellas moitas veces sen que elas reúnan méritos de abondo -aínda que algunhas delas si sexan marabillosas. Pola contra, nas divisións inferiores, moitas veces, atópanse referencias magníficas como este L de Château Lavergne-Dulong 2004. Trátase da aposta dunha empresaria e enóloga, Sylvie Dulong, que xestiona un pequeno e fermoos viñedo de 15 hectáreas, o Château Lavergne-Dulong, no que elabora viños cunha estrutura sólida pero tremendamente solventes.

Este L 2004, elaborado con merlot, cabernet franc e cabernet sauvignon -abondo maduro para evitar esa comercial pementina verde- está a estas alturas fresco e vivo para disfrutalo en grande. Son viños de paso longo, e en boca resultan unha explosión de froita negra e mineralidade, atemperada polas notas torrefactas evidentes da madeira. Recomendo decantalo un tempo antes. Son bastantes anos en botella e que respire un pouco antes de ser consumido non lle virá mal. Eu deixei unha copa no decantador para facer a ‘proba das 24 horas’. Un día despois de aberto, o viño seguía excelente.

Este L de Château Lavergne-Dulong 2004 ten un imbatible prezo de 9 euros. Pode ser adquirido en liña nesta web.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará