Campo Lameiro: 22 hectáreas de relato prehistórico

Last updated on 29 / Agosto/ 2011


Foto: Turgalicia

-Vivían ao carón deles -dinos Manolo Rey, sinalando un grupo de penedos onde a sinalética indica que hai un conxunto de petróglifos.

Manolo Rey é o director do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Convidounos a coñecer o proxecto e aquí estamos, paseando baixo un inclemente sol de primeiros de agosto.

-De feito -continúa Rey- todo este monte está inzando de cabanas da Idade do Bronce. Atopámolas en moitos sitios durante os traballos de adecuación. En si mesmo, este era o seu hábitat.

As cabanas, o hábitat da Idade do Bronce, de palla e barro, foron as grandes descoñecidas, ata hai uns anos, da arqueoloxía galega e, aínda hoxe, esta época está en fase de descuberta. Pouca xente sabe, por exemplo, desta vinculación entre poboados e petróglifos, que cambia a nosa percepción do espazo. Imaxinade agora moitos dos petróglifos que coñecedes, e un poboado ao redor, cheo de vida. A que sorprende? Hoxe comezamos a saber que os petróglifos non eran fitos aillados na paisaxe, senón parte intrínseca, en moitos casos, dos poboados, da vida cotiá das persoas da época. Na imaxinación, este espazo énchese de nenos, de vellos, de mulleres e homes da Idade do Bronce. Pero o mundo dos petróglifos e da arte rupestre segue a suscitar máis preguntas que respostas.

De feito, as preguntas son o eixo central que conduce aos visitantes polo circuito expositivo. Quen as fixo? Que significan?. Pura identidade galega. Un vídeo que está ao final do percorrido multiplica as posibilidades, sinalando que non hai unha explicación final para todo este fenómeno, senón que a investigación xenera múltiples hipóteses.

Pero vaiamos por partes.

A Rede de Parques Arqueolóxicos

Campo Lameiro non é un proxecto menor: é o primeiro parque da polémica e discutida Rede de Parques Arqueolóxicos deseñados pola Administración autonómica durante o goberno Fraga e asumidos tamén polo bipartito. Esta rede, que cando se finalice -en data indeterminada- contará con catro parques, distribuídos nas catro provincias galegas. Cada un deles exemplificará nun significativo sitio arqueolóxico do territorio un dos grandes periodos culturais da Prehistoria e Historia Antiga de Galicia.

Deste xeito, Lugo acollerá o Parque Arqueolóxico do Mundo Romano, o gran castro de San Cibrán de Lás (Punxín e San Amaro, en Ourense), o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, a Costa da Morte o do Megalitismo e este de Campo Lameiro, o da Arte Rupestre. Tras Campo Lameiro o vindeiro en abrir -e non tardará moito, en teoría- será San Cibrán de Lás. O que está máis verde aínda é o da Costa da Morte, que aínda se atopa en plena tramitación administrativa e do que se descoñece a ubicación do centro de interpretación, polo que eu sei (e coa que está caendo, sospeito que a Administración non se está metendo especial présa). A estrutura administrativa dos parques será mixta: mentres a Xunta mantén a dirección dos centros, a xestión, promoción, merchandising dos Parques corresponderá a empresas privadas que acceden a través de contratos públicos. Así funciona xa aquí.

Campo Lameiro inagurouse en xullo e permite albiscar en que se plasmarán na práctica estes Parques Arqueolóxicos unha vez rematados. Rey explicounos a filosofía que está detrás do proxecto. “A idea da Rede de Parques Arqueolóxicos”, dínos o director do centro, “é unha proposta esencialmente técnica, máis que política”. O obxectivo da Administración é dispoñer de alomenos un punto de referencia para relatar con amplitude e recursos un periodo cultural significativo (nestes casos, esencialmente a Idade do Bronce, a través do petróglifos) e, ao meu ver, leva implícita certa renuncia por parte da Administración autonómica a realizar esforzos de divulgación amplos noutros sitios arqueolóxicos do periodo en Galicia. Os constantes recortes da Administración en materia cultural fan prever que esa será a realidade.

Nove millóns de euros para relatar a arte rupestre galega

O resultado é unha proposta na que xa se levan investidos nove millóns de euros, unha cifra enorme para as exiguas cifras do patrimonio arqueolóxico galego. A estrutura está presidida polo gran centro, que serve como recepción de visitantes, ocupado na súa maior parte pola exposición, a cafetería e restaurante, os obradoiros para escolares, e unha zona máis discreta para áreas de investigación e un arquivo. Manolo Rey contounos que o seu obxectivo é preservar nese arquivo -especialmente protexido contra incendios e roubos- as copias en papel e dixitais de todos os calcos posibles dos petróglifos galegos -unha idea que, de conseguirse, sería certamente positiva. Pero toda esa parte está aínda sen desenvolver: o obxectivo nestes momentos é captar visitantes para o recinto, demostrar a viabilidade práctica do proxecto con cifras.


Fotos: Sole

O centro está bastante integrado no territorio. Ten unha curiosa superficie escamar que o converte nun elemento dinámico en relación ao sol, xa que as sombras están transformando continuamente a superficie. Pareceume moito mellor integrado na paisaxe que o do castro de San Cibrán de Lás, que sobresae excesivamente en relación ao propio sitio arqueolóxico.

Os técnicos calcularon que os visitantes farán en Campo Lameiro unha visita media de tres horas. A idea é, en certo xeito, “pasar o día”, cando menos no público familiar. No percorrido, o primeiro dos puntos é o circuito expositivo. Un itinerario multimedia, moi interactivo e moi coidado, que vai colocando preguntas e interrogantes sobre os petróglifos, as sociedades que os construíron pero tamén as técnicas coas que se estudan ou mesmo as polémicas e interpretacións sobre o seu significado. Para Manolo Rey, “é o mellor equipamento sobre arte rupestre nestes momentos en España”. Non teño coñecemento para corroborar esta cuestión, pero o que si está claro é que é o maior -e mellor- circuito expositivo ao redor dun periodo da historia galega que temos no país.

O itinerario, máis ou menos condicionado, recupera tamén a propia historia local do estudo dos petróglifos. Gustoume moito ver aló o leigado material de Sobrino Buhigas, o fidalgo cuntés pioneiro na investigación sobre petróglifos. Velaí están as súas cartas, as súas gafas, os instrumentos e -oh, marabilla-, as pracas fotográficas de primeiros dos anos XX cos que estes entusiastas da fotografía retrataron por vez primeira a arte rupestre galega. Desde aquí quero agradecer a Ángel Núñez Sobrino, herdeiro do investigador e bo amigo, a súa xenerosidade para incorporar esta colección ao patrimonio público de Galicia. Se van por alá, proben a quitar os libros da librería na que están as cousas. ;-)

O centro de interpretación tamén ten outros espazos especialmente interesantes. O máis espectacular, para min, é a copia do petróglifo das Ferraduras, no concello de Cotobade. Trátase dunha espectacular pedra con dous paneis claramente diferenciados. A esta pedra aplicouselle un escaneado 3D e creouse unha copia física do petróglifo que abraia. Está todo, está ata o diferente granulado do granito, as diaclasas, as fracturas, a profundidade exacta de cada suco…


Soporte para que os nenos aprendan a facer calcos

Unha mención especial son os recursos didácticos: os nenos dispoñen de salas obradoiro para aprender temas de cerámica, tecnoloxía da época e unha curiosa área no exterior con pedras nas que ensaiar a facer calcos. O que está máis dubidoso Manolo Rey é con ensinar aos nenos a crear directamente petróglifos sobre o granito galego, supoño que por medo a que algún rapaz se ‘inspire’ demasiado.

O centro está na cabeceira do gran recinto acoutado de 22 hectáreas onde se atopan os petróglifos. Unha valla, máis simbólica que outra cousa, divide o parque do resto do monte. Os visitantes pagan seis euros por acceder, ver a exposición, participar nas visitas guiadas e explorar as hectáreas deste fermoso monte que preside o val de Campo Lameiro, cheo de fitos na paisaxe aínda perceptibles que exemplifican, neste pequeno espazo próximo a Pontevedra, a evolución cultural de Galicia desde o Neolitico. A través de roteiros predeseñados, os visitantes van explorando as diferentes rochas dos petróglifos. O máis interesante é, ao meu ver, como cada unha das pedras presenta un desafío, unha pecularidade. A maiores, o Parque acondiciounou outros conxuntos arqueolóxicos do concello, como a gran Rotea do Mendo, para complementar as visitas.

Aínda que o recinto está inzado de petróglifos, “o outro día aínda nos atopamos máis que non se recoñeceran antes”, dime Rey, as xoias da coroa son a Laxe dos Carballos e o Outeiro dos Cogoludos. A Laxe dos Carballos é esta marabilla que retratou maxistralmente Xoán Piñón:


Fotografía de Xoán Piñón (detalle)

Velaquí a figura central é este cervo con lanzas cravadas, unha narrativa visual en estado puro. Rey vainos explicando todos os paneis. E aquí sucede un detalle interesante: as explicacións orais resultan moito máis fascinantes, no mundo dos petróglifos, que todo o que podes poñer nun pequeno panel explicativo. De algún xeito é fascinante: é como se, en certo xeito, os petróglifos precisaran da narrativa humana, da palabra, para cobrar máis forza e sentido. É como se foran pensados orixinalmente así.

-Funcionan as visitas guiadas? -pregunto.
-Con diferencia é o que máis funciona -contéstame Manolo Rey- e dentro das visitas guiadas, a acción máis exitosa polo momento son as ceas con visita noturna. A xente vén ao centro, toma unha cea e despois faise unha visita guiada con focos. A xente marcha encantada.

E aquí, ao meu ver, está un dos problemas que, ao meu ver, terá o futuro parque. Nun castro, nun conxunto megalítico, ti podes ir a calquera hora. Nós estamos paseando á mediodía polo recinto, malla o sol desde o mediodía e mesmo en paneles moi ben conservados coma o da Laxe dos Carballos custa apreciar moitos dos motivos. Conforme avanza a tarde, pola contra, os gravadso rupestres van cobrando vida, animándose, converténdose nun xigantesco escenario cultural con detalles insólitos. Agora en setembro, moi recomendado ir aló ás 17:30 ou así. Miras de vagar a exposición e ás seis e pico xa estás vendo os petróglifos en condicións.

-Todos os cervos que están representados nesta aba do monte -coméntanos Manolo Rey- corren na mesma dirección. Suben pola aba ata o Outeiro dos Cogoludos, e despois, no resto dos petróglifos, van baixando na outra dirección.


Manolo Rey explicando o Outeiro dos Cogoludos

En Campo Lameiro cada panel representa marabillosas historias da nosa Prehistoria. No superior, no Outeiro dos Cogoludos, aparecen grandes espirais. Manolo Rey amósanos un detalle intrigante e fascinante. Pola esquerda, obsérvase como un cervo parece introducirse nunha destas espirais. Aparece o cuarto traseiro do animal. Á dereita do conxunto outro cervo parece saír do caos de espirais.

-Pensamos que estas espirais, labirintos, motivos circulares, están representando, de algún xeito, un Outro Mundo, un mundo máxico. Estes cervos que se meten e saen dos labirintos, que entran ou saen das fisgas das pedras, pensamos que teñen que ver con isto, que entran e saen desde Outro Mundo.

Ao fondo están o poboado reconstruído. Alén das experiencias nalgúns castros galegos, é tamén unha das primeiras e máis amplas reconstrucións dun poboado prehistórico en Galicia. As casas, de palla-barro, foron realizadas por obreiros marroquís que conservaban este tipo de técnicas para facer muros mesturando madeira e terra. Artesáns dos Ancares teitáronnas con xestas.

-Nas escavacións aparécenos moitísima, pero moitísima xesta -asegura Rey- Está claro que teitaban con ela, máis que con cereal.

As cabanas do poboado reconstruído revelan outra curiosidade arqueolóxica, moi pouco coñecida e aínda non explicada científicamente: o seu chan. Nas escavacións de Campo Lameiro e noutras de Galicia tense constatado unha estrutura que se repite. O círculo que conforman as cabanas está dividido ao medio por unha espina central de pedras de seixo. Unha das metades desa circunferencia está rechea de terra orgánica e a outra de xabre.

-Pode combinar unha utilidade funcional e outra sagrada. Aí está o seixo -di Rey, cando visitamos unha das cabanas pequenas- que é habitual como pedra sagrada ou máxica en Galicia na Prehistoria e ata hoxe. Se cadra as dúas terras que empregaban para o chan teñan que ver coa división interna do espazo dentro da cabana, pero aínda non está claro.

Vai calor en Campo Lameiro. Algunha familia aparece con neveiras para facer un pic-nic entre cervos máxicos. Nestes momentos, o parque está inmerso en plena campaña para inserirse dentro dos circuitos turísticos das Rías Baixas e conseguir unha achega de turismo ‘de autobuses’ que faga viable e rendible o proxecto. Non o terá doado, aínda que ao seu favor xoga a proximidade das Rías Baixas.

Un proxecto controvertido, un resultado necesario

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro xa está en marcha. Pertence a unha corrente de xestión e difusión cultural moi habitual en Europa que chega algo tarde a Galicia, onde parece incrible que só dispoñamos de centros con esta filosofía integrada ao redor do patrimonio arqueolóxico á altura de 2011.

As numerosas críticas feitas desde o ámbito profesional ou académico teñen tamén sentido: nun país no que moitos dos petróglifos atópanse nun estado realmente crítico de conservación, por non dicir xa de divulgación, estes equipamentos substraen moitos recursos económicos destas cuestións básicas. Sen embargo, as dinámicas da Administración, o que procura un responsable político e as cuestións técnicas non son doadas moitas veces de harmonizar: coñezo desde hai moitos anos as diferentes Administracións do Estado e sei ben o que falo. Falta o básico, a preservación e o inventariado exhaustivo, pero ao visitar Campo Lameiro, tamén te decatas que faltaba un espazo así: se queremos que a xente valore o Patrimonio, precisamos que existan infraestruturas pensadas para explicalo e aprender a valoralo.

Confío en que este envoltorio de luxo que é o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre axude a esta concienciación, a crear un orgullo ao redor das misteriosas laxes gravadas que inzan os nosos montes desde a Idade do Bronce. Fainos falta.

18 Comments

  1. Pancho-Lapatianco
    26 / Agosto/ 2011

    O pasado ano tivemos a sorte de visitar o parque da man de Manolo Rey, que amablemente e con paixón nos amosou o parque e os obxectivos que querían acadar con el. Abraiante. A mín o seu discurso convenceume.
    Entendo perfectamente a outra postura, a de quen pensa incluso que se está privatizando un ben público, e se adican moitos cartos nun só edificio e proxecto e se esquecen do resto. Pero, como ben dis, uns non lle quitan a razón ós outros. Non che é tampouco un Gaias (que este si é un absurdo que nos comeu e seguirá comendo moitos cartos e recursos), e todo ten cabida se se fai con sentido.
    É certo que non é barata a visita, e esto terían que revisalo para visitas de toda unha familia, por exemplo. Pero hai outros cercanos que tamén teñen infraestructura de visita e son de valde.
    ¿Quen non nos di que, ven aproveitado este recurso, con visitas de grupos escolares e familias non vai creando unha concienciación para unha futura protección do resto de petroglifos porque a xente esté concienciada?. Como sempre se di: se protexe o que se quere, se coñece e se aprecia. E entendo o obxectivo dos promotores do proxecto. Qué é doble: preservar e divulgar.
    E a min o edificio, diseñado en Galicia, si que me gusta pola súa integración, que concordo co que dis que é moito mellor que o de San Cibrán das Lás nese eido.
    En Setembro de 1991, ¡hai xa 20 anos! visitei en Irlanda o impresionante recinto de Newgrange (que en realidade son varios, só ver as imaxes aéreas en google-hearth sorpende) e quedei pampo do despliegue de medios didácticos que tiñan para tódalas edades. O xeito de explicar o que alí estabas a ver segundo os coñecementos que tiñan naquel momento. Por fin temos algo así, incluso mellor, aquí.
    E finalmente, en canto ó centro de interpretación do megalitismo, que é o menos avanzado, sería temerario que seguise adiante. O lóxico ó meu entender sería aproveitarse do recentemente inaugurado centro de Dombate (promovido pola Deputación), e a partir de aí ampliar e complementar o proxecto. Pero, claro, como eu non che son político :) a saber que farán.

  2. Pancho-Lapatianco
    26 / Agosto/ 2011

    Onde digo que o obxectivo do próxecto de Campolameiro é doble quero decir múltiple: preservar, divulgar, protexer, estudar, etc.

    Saúdos.

  3. 26 / Agosto/ 2011

    Eu coincido co tema do prezo. Estou falando de memoria e agora mesmo non teño o dato, pero creo que hai prezos reducidos para nenos pequenos, xubilados e parados, pero non o podo confirmar. De todos os xeitos, coincido que 6 euros é un prezo serio, sobre todo para unha familia. Tamén ten un aspecto positivo: incrementa a esixencia sobre os servizos que se ofrecen no Parque. Eu teño reiterado moitas veces que un dos grandes problemas de Galicia é que non se cobra entrada para o acceso a moitos lugares, e iso non só repercute no financiamento senón na valoración sobre o lugar e, sobre todo, na esixencia sobre el.

    O outro problema, que Rey nos comentou que estaban vendo como solucionar en canto o prezo, é ben interesante: o público local. Estaban pensando algún tipo de modalidade de “Amigos do Parque Arqueolóxico”, pensando sobre todo nos veciños. Moitos queren levar a familiares agora no verán e non ven ben ter que volver a pagar e todo iso, cousa que me parece lóxica. Verase cal é a oferta final.

  4. 26 / Agosto/ 2011

    Teño a mesmas dúbidas e as mesmas esperanzas, Sr. Gago. Espero tamén eu visitalo para poder falar de vagar e con coñecemento fundado. Por certo, a Laxe das Ferraduras non estçá no concello de Campolameiro, senón no de Cotobade, pois o lugar de Fentáns é o único territorio cotobadense a esa beira do Lérez.

  5. 27 / Agosto/ 2011

    Corrixido, Franjo, moitas grazas!

  6. candepalleiro
    27 / Agosto/ 2011

    Visitei o parque e sorprendeume gratamente.O que máis, a zona arqueolóxica, coidadísima e preciosa, pero tamén o edificio e a exposición.

    Non obstante, penso, como algún de vós, que os prezos son altos e se deberían revisar. Tampouco estou de acordo con valar unha zona arqueolóxica, isto é inconcebible.O acceso aos petroglifos debería ser libre e gratuito…

  7. Marimanta
    28 / Agosto/ 2011

    Eu também visitei o parque em Julho e decepcionou-me bastante. Sim posso certificar que há um preço especial para jubilados de 3 euros, que é o que pagarom meus pais.

    Nom nos oferecerom visita guiada nenhuma e creio poder assegurar que só com ler os rótulos da exposiçom nom se entende absolutamente nada. O filme do final sobre o significado dos petróglifos e já totalmente críptico e o retrato dos “guerreiros” da Idade do Bronze parece-me inverosímil, pola pinta desajeitada e a idade avanzada dos retratados.

    Na visita aos petróglifos acontece o mesmo. Como nom tivemos a sorte de ir acompanhados por Manolo Rey, o que vimos dixo-nos bastante pouco.

    Resumindo, resulta igual de proveitosa, máis barata e nom menos agradável a visita do parque de Tourón.

  8. 28 / Agosto/ 2011

    Marimanta, coincido contigo en que a visita a Tourón é unha marabilla. Para min, un día perfecto de turismo de arte rupestre xuntaría o Parque e despois iría a Tourón.

    Sobre o filme do final, a min non me pareceu mal en xeral, aínda que a escea do chamán colocado resultoume ‘descolocante’, non tanto polo contido -esa é unha das teorías sobre a execución de petróglifos- senón polo aspecto do paisano. Hai que ter en conta que, ademáis, é ao final do percorrido e tampouco podes poñerte moi sesudo.

    O que máis me gustou do filme foi a escena da narración do día de caza e a combinación cos motivos dos petróglifos, esteticamente moi coidada e cunha montaxe moi rápida. Pero tamén xa lle comentei a Rey que ás veces, determinados acenos simiescos nas caras dos actores estaban fóra de lugar.

    Sobre o aspecto un pouco bravú do guerreiro, a min tamén me descolocou. Aos nenos pequenos seguro que lles alucina, pero a un galego actual cústalle asimilar a un devanceiro tan ao monte. Descoñezo agora mesmo como era o tema dos tecidos na Idade do Bronce. Do que se ve no boneco dedúcese que esa peña aínda non tecía. Parte do aspecto salvaxe vén desas roupas “lanudas”.

  9. jotacete
    3 / Setembro/ 2011

    Interesante por poner pegas el edificio, un contenedor excesivo y la gestión privada de algo hecho con los dineros del contribuyente.

  10. Elixio Vieites
    5 / Setembro/ 2011

    A nós, que pagamos a visita guiada, e eramos un grupo 16 persoas entre maiores e nenos,xuntaronnos outra xente para facer o grupo na visita guiada. Non nos deron a opción de facelo en galego. Na miña vida pasei tanta vergoña, cando un guía preguntou :¿Hai alguén aquí que non entenda o galego? Unha soa persoa dixo non. A frase seguinte que dixo o guía foi : Entonces lo hacemos en castellano. Ante unha situación semellante os que alí estabamos, do noso grupo, fixemos certas preguntas de por que era iso. Non fixo falla nada máis, pois os propios galego falantes que alí había mandáronnos a calar a boca e que eles viñeran a pasalo ben e non oir baballadas. E eso cos nosos fillos diante (dos que controlan as dúas linguas e teñen que aguantar este exercicio de igualdade e de democracia, sempre haberá un que non entenda o galego, cando a cuestión non é entender senon ter o dereito a facelo na propia lingua e que os nenos vexan que é un veículo de cultura.. Non sei se sabe esto o Manolo Rey.

  11. 6 / Setembro/ 2011

    Segundo me contou Manolo Rey, o tema das linguas é un dos principais problemas que ten nestes momentos na relación cos visitantes. Non ten doada solución e é tremendo, ao meu ver, revelando a tontería que hai no mundo, sobre todo porque estou convencido que o 98% dos que din non entender o galego nesas visitas en realidade non “queren” entendelo, que é moi distinto. E tamén porque estou convencido que esa política de que unha persoa que poida impoñer o seu criterio lingüístico ao resto acaba por cabrear ao tipo de usuario que máis pode valorar e difundir o parque e que, non nos enganemos, ou é galegofalante ou ten unha actitude moi favorable cara a lingua. En todo caso, o triste é que xa hai denuncias ao Parque por parte de castelánfalantes que lles debe parecer que hai pouco español no sitio. Tremendo.

    E desde logo, desde un punto de vista institucional e turístico, non doado de solucionar. Aínda que eu poría visitas en linguas distintas, consecutivas, e ao carallo. Colgaría no web a que hora son as visitas en cada idioma e listo, así non había que vivir situacións tan incómodas como a que viviches ti e coa que me identifico persoalmente, porque tamén me ten pasado noutros sitios. Xa verías que eses paisanos, con tal de non perder tempo, se a seguinte visita era en galego ían sen rechistar.

  12. odiegho
    6 / Setembro/ 2011

    Aínda non coñezo o parque pero queda “na reserva”,… o tema da língua nas visitas guiadas sempre é controvertido, concordo con Magago na solución de horarios diferenciados e vía, pero coido que o verdadeiro causante do malestar que padeceron @s acompañantes de Elixio i el mesmo, foi o guía.
    Eu, como persoa que se adica e desfruta da Interpretación do Patrimonio, considero que un bó profesional desta, debería ter sido quen de resolver satisfactoriamente para os 16 visitantes a situación plantexada por Elixio.
    E os espacios que oferten actividades interpretativas guiadas, deben facer fincapé na profesionalidade e calidade d@s guías, xa que del@s dependerá en gran medida a experiencia final d@s visitantes. Están moi ben as maquetas, os vídeos, vitrinas,etc …pero unhas verbas ben escollidas e que “peten” contra nós, sempre perdurarán.
    A vindeira semana comeza en Pontevedra un curso da Universidade de Vigo sobre “Ecoturismo”, impartido por bós profesionais galeg@s,e que pode ser do agrado das persoas interesadas no tema “interpretativo”.

  13. Manuel Rial
    19 / Setembro/ 2011

    O centro de interpretación está moi ben. É moi completo e podes ter unha visión xeral do que arrodeaba ás sociedades da época dos petróglifos. Quizais queda bastante escaso na interpretación dos petróglifos mesmo (Certo que non hai ningunha hipótese confirmada…)

    Polo demais, creo que o percorrido exterior está moi ben montado e que os carteis son suficientes. Un panel explicativo de cada petróglifo é innecesario e ademais tería un impacto visual negativo sobre a laxe. Chega cos que hai que explican a localización das inscricións na pedra.
    Os símbolos ó final son todos iguais e non é preciso que che expliquen o que significa en cada pedra. Para iso están as guías, máis completas de información e que podes levar para casa.
    Ademais está moi ben que expliquen claramente onde se pode pisar e onde non coa plataforma de madeira.

    Realmente satisfeito con este centro, aínda que partía con desconfianza porque o macroproxecto da RPGA en si non me acaba de convencer.

  14. Anónimo
    30 / Agosto/ 2012

    Despois dun ano e pico aberto, visitamos o parque no final de agosto e o resultado e agridoce: por unha banda, tivemos a mesma sensación de que o proxecto é moi positivo, pero tamén vimos que o éxito de público dista moito de acadar os mínimos. Fixéronnos a visita guiada a pesar se sermos dous (imprescindible e moi ben levada pola gúia).
    Non coñezo a causa deste fracaso de público, pero as enormes dificultades que tivemos para chegar, fanme pensar que sen prexuizo doutras posibles, a inexistente sinalización e publicidade do parque desde as grandes estradas, autovías e autopistas é unha das principais. É inaudito que un recurso turístico-cultural desta envergadura non estea sinalizado, anunciado con grandes paneis en todas as vías de comunicación próximas. O primeiro indicador -tan discreto que non o vimos na primeira pasada- vímolo en Morañá,e para chegar a Moraña demos unhas cuantas voltas.
    Porque tiñamos moitas gañas de ir, que se non, desistiríamos. Que non fará o resto do público, que nen coñece a súa existencia? Onde está a publicidade deste recurso nos medios? En fin…

    O persoal do parque agradeceunos a iniciativa de realizar unha reclamación formal diante da Xunta, que parece ser que ten o proxecto de sinalización e publicidade feito pero non move o seu financiamento.
    Convídote, Manolo, a que desde aquí fagas referencia ao asunto. Grazas polo teu traballo.

    Saúdos

  15. 30 / Agosto/ 2012

    Certamente, o problema da sinalética é tremendo e coincido na túa análise sobre o fracaso de público: parte do problema (non todo) debe estar aí. O que non sei é por que non se conseguiu aínda xestionar o asunto da sinalética. Polo que eu sei, é unha teima mesmo desde antes de inaugurarse o parque.

  16. Pancho-Lapatianco
    31 / Agosto/ 2012

    Volvín polo Parque Arqueolóxico de Campolameiro hai dúas fins de semana. E concordo co que estades a falar. Desgraciadamente e a pesar do esforzo para poñelo a andar (cos seu dilatados retrasos) semella que o caudal de visitantes non é o que se agardaba. Supoño que de aí lles veñen os problemas que levaron á crise de xestión de hai uns meses que moitos coñecemos, inda que superficialmente.
    Os primeiros meses si que se lle deu certa publicidade e foi moita xente, pero pasado o tempo a cousa seica decaeu demasiado.
    Falla de publicidade sistemática. Non esa de media páxina en xornal, se non esa pequena que vai callando no maxín colectivo, e leva a que a maioría dos recursos turísticos a ofrezan “de serie”. Falla a publicidade cara o exterior, esa que ofrece alternativas moi válidas para os tantos días que temos que non son de praia, pero tampouco chove moito. Pero sobre todo, promoción interior. A maioría dos visitantes deberían ser do país, pois é parte do noso humus cultural. Quizais lle falta tempo para que a xente o asuma como un lugar a visitar como as Burgas de Ourense ou as distintas catedrais, etc. Quizais si estea a funcionar cas visitas dos colexios, pero non sei se é así.
    E en canto á sinaletica non podo estar máis dacordo. A parte de que os accesos non son nada bos, esto non é tanto problema como indicar axeitadamente o camiño. Por exemplo, para chegar dende Pontevedra, o camiño máis corto actualmente é a nacional que vai a Ourense, e á altura de Campo Lameiro ¡¡non hai un triste cartel!!. Como tampouco na autopista ou a nacional de Ferrol a Vigo, etc.
    Outra cousa son os guías, e persoal do centro, que se están a comportar magníficamente, e o pelexan duro ata onde eu sei.
    Magnífica idea o da reclamación. Noraboa. Outros nos queixamos pero non fixemos tal.
    Agardemos que a cousa vaia mellorando.
    Saúdos.

  17. Pancho-Lapatianco
    31 / Agosto/ 2012

    ¡Vaia oh!!. Antes falo e me pechan a boca. Unha cousa non quita a outra, pero parece que facer si están a facer actividades interdisciplinarias: catálogo de concertos de Espazos Sonoros para este ano: o 22 de Setembro, en Campo Lameiro mesturando dos tipos de patrimonio: sonoro e pétreo: http://www.espazossonoros.org/downloads/Catalogo_ES12.pdf

  18. karl
    12 / Decembro/ 2012

    Boas, sobre o tema das linguas. Eu coñezo algo o País Vasco francés. Hai alguns lugares con visitas de patrimonio, é normal ter visitas guiadas en inglés, euskera, francés e castelán. O problema principal é a intolerancia dos falantes de español (se fose un turista portugués non diría nada, intentaría comprender). Ante esa actitude nacionalista o único que se me ocorre é facer visitas en varios idiomas , como di Manuel Gago, hora, visita e idioma. Ao ser unha infraestrutura pública debería ser así e problena solucionado, se os grupos en galego son mais pequenos, moito mellor para o visitante

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará