Dos Palillos: unha proposta asiática no corazón do Raval

Last updated on 21 / Xullo/ 2011

Á tardiña, polas estreitas rúas do Raval, escoitas un estrondo que se achega ata aquí. Curiosa estampa: skaters de todas as idades -e hainos ben medrados- que retornan ás súas casas ou camiñan cara outra pista de skate desde a praza do Centre de Cultura Contemporànea de Barcelona, onde andiveron toda a tardiña. Os skaters pasan en procesión, como animais mitolóxicos urbanos, pola porta desta nova proposta gastronómica barcelonesa, o Dos Palillos [T: 933 040 513/ localización], un proxecto interesante levado a cabo por Albert Raurich, xefe de cociña durante moitos anos en El Bulli, e a súa muller, a xaponesa Tamae Imachi.

Dos Palillos é un sitio ben curioso. Desde fóra, cando miras ao seu interior, ves o típico minúsculo bar do Barrio Gótico de Barcelona: todo el unha longa barra e un estreito espazo entre os asentos e a parede de enfronte, aínda decorado como estes miles de bares que hai na cidade condal. Pero o Dos Palillos agocha un secreto detrás desta cortina, na que ves a xente sentada.

É a barra asiática e non, non é un sitio para satisfacer perversións sexuais. Un espazo que se abre de repente ao redor da cociña na que só se sirven dous menús degustación de inspiración radicalmente asiática. Unha boa parte xaponesa e chinesa pero tamén con incursións a outras gastronomías do sudeste asiático. Producto, peixe, algo de marisco; menús longos con combinacións eclécticas, unha discreta carta de viños con predominio dos brancos (como parece evidente nun menú xaponés), con pratos aparentemente sinxelos nos que se combinan cociñas preparadas ao momento, coma os wok de verduriñas, ata carnes feitas a lume moi lento, como unha suculenta papada ibérica. Así son algúns dos pratos do menú degustación longo do Dos Palillos:

Os comensais asistimos, ao redor desta cociña, ao ritual da preparación do prato, do pase directamente entre cociñeiro e comedor. A xente que estamos ao redor destas cociñas procedemos de todas partes: insisto, que ben o montou Barcelona ao redor da gastronomía. A disposición do lugar, a pequenez, o deseño un tanto desanxelado, dá a sensación de que estamos nunha área un tanto canalla da cidade. Os pratos saben un pouco a iso.

Dos Palillos non é o mellor asiático de Barcelona, e non sei se o pretende. O Koy Shunka, que recomendamos con gusto en Capítulo Cero, é moito mellor: un produto máis limpo, un prato máis impecable, unha certa dimensión certeira na proporción dos sabores, unha discreta combinación de gastronomía xaponesa e catalana. Dos Palillos é máis turbio, máis ecléctico, se cadra máis explorador. Ten outro encanto, un encanto canalla, algo rufián, algo de imprevisible e imperfecto. Gústame o Dos Palillos para vivir unha noite urbana máis inesperada. E o Koy Shunka para unha experiencia gastronómica plena.

O menú longo do Dos Palillos custa 70 euros. Con viño a cousa anda nos 90 euros. Chégalle ben.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará