Galicia on the Road: explorar a Ribeira Sacra

Last updated on 2 / Xullo/ 2011


Nos viñedos de variedades brancas de Algueira. Fotos: Sole

Estamos a máis de 40º neste espectacular viñedo de Algueira. Arrastrámonos como podemos entre os socalcos mentres Fernando vai contando o que estamos vendo. O desnivel, directamente, dá vertixe. É como unha rocha maldita que te leva cara o río. Paga a pena que poñas este panorama en pantalla completa e alucines coa caída descomunal do viñedo.

-Este viñedo é da década dos 20. Sabían o que facían. Mirade os detalles de construción. Aló enfronte -sinala a ladeira que vemos diante, pola que sube a fraga- vai a vía romana entre Braga e Astorga. Aínda a podedes ver aí. E aquí, desta beira, aló enriba, onde está aquela adega en ruínas do XVII, pasa outro ramal, a Via Luci, o camiño romano a Lugo.

Con esta calor abafante o único que un querería sería tirarse no fondo dunha adega e pegarse a un bidón de aluminio a ver se o fresco entra por ósmose, pero nin queremos nin o facemos. A curiosidade pérdenos. Durante esta fin de semana, os participantes no Galicia on the Road Ribeira Sacra, a viaxe de fin de semana para amantes do viño que organizou María Fechoría, tomaremos contacto con tres historias de vida apaixonada, de tres adegueiros para os que a súa vida está aquí, nos desafiantes socalcos da Ribeira Sacra.

-Mirade este merenzao como é -dinos Fernando- é como un neno tímido. As follas, enormes, agachan o racimo para protexelo como se fora fráxil. O albariño exhíbeas.


O Miño co Castellum Minei ao fondo. Fotos: Sole

Cada quen ao seu xeito, exploramos tres grandes viñedos da Ribeira Sacra. O primeiro está moi preto do Castellum Minei do que falamos o outro día, enfronte da aldea de Míllara.

Fernando de Santiago, un singular deportista e distribuidor de viños, vennos rescatar das corredoiras nas que nos ensarillamos en moto e guíanos ata o viñedo. Unha obra ciclópea debruzada nun dos tramos máis fermosos do río Miño. Alí Fernando está comezando a producir viñedos entre as sobreiras que respectou, abrindo de novo os socalcos que están agachados baixo o bosque. Fernando está a producir unha mencía singular, de paso por crianza en barrica. A adega está aló enriba, pendurada da ladeira, na aldeíña que rehabilitaron integramente. Todo, houbo que mercalo -crinlle entender- a 500 propietarios. O verdadeiro reto é ese.


Fernando de Santiago

Este home de mediana idade non precisaba meterse neste proxecto incrible. Teñen que ver o incomunicado, o fermoso, o inxente do sitio e da obra, para un futuro incerto. É pura paixón. Catamos -cunha calor excesiva- este Finca Míllara. A madeira sobresae ao principio pero hai que darlle tempo. Alí ao final aparece a froita. Teño que volver probar este viño. Para comezar está feito con paixón. Bonus! (chiste interno) A próxima vez volveremos en helicóptero (chiste interno). No embarcadoiro de Maiorga, opíparo xantar tradicional, con tortillas, empanadas, croquetas, lacón, tarta de queixo, e de acompañamento, Finca Cuarta (o viño de autor da Adega Santa María de Nogueira) e Alcouce. Non está mal para sestear despois nun maino paseo en barco polo miño. Remontamos o río ata Belesar, vendo desde a base o fermoso Cabo do Mundo.

Convidados por María Fechoría, participamos nestas viaxes pracenteiras para grupos pequenos. Entre 15 e 17. Un microbús, vaia. Case todas as participantes no Galicia on the Road son mozas, o cal me encanta. Póñenlle menos retórica á cata do viño, pero son tremendamente observadoras. Que verán todas elas agora aquí, neste balcón, onde paso minutos e minutos mirando discretamente ao baleiro das ladeiras de Diomondi, aló por onde gabea o antigo camiño dos Codos de Belesar.


Óscar

Estamos nunha das vistas máis espectaculares que ten unha adega en Galicia, en serio. En Vía Romana, nunha adega con orixes no século XVI, Juan Luis e Óscar cóntannos con paixón o seu concepto de viño. Mencía, a diferencia dos anteriores, sen barrica. Envellecendo en depósito, madurando en botella. Probamos diferentes cousiñas. E prodúcese ese fenómeno por veces máxico que se dá nos grupos de cataviños: o consenso.

-Pero que lle fixestes á colleita 2009? -pregúntolles.
-Nós nada. Pero a anada é espectacular.

O Vía Romana 2009 é unha anada, ao meu ver, moi notable. Viño equilibrado, con ese punto un pouco de verdor que teñen os caldos de Chantada lixeiramente domado e redondeado. Préstenlle atención. É viño para festas con amigos e de dar gañas de beber copa tras copa.


Visitando viñedos de Vía Romana

Cea nos Pendellos de Chantada. Volvemos ao mundo tradicional da Ribeira. Aquí, onde antes estaba o mercado e se servía o polbo, agora volve servirse con conceptos de tasca ben coidada. Carne richada ao xeito chantadino -pequena e con cebola-.

-A mencía xa sei que ben, pero que tal se dan os gintonics por aquí? -pregúntolles.
-Ben, ben. Como Dios.

Velaí que celebramos a noite cuns bos gintonics -pouco ribeiraos, pero que despois dun día de calor abafante prestan de todo.

Ao día seguinte, a media mañá, Amandi ábrese diante dos nosos ollos, cos indicadores conducindo por estradas mínimas ata as adegas familiares que caracterizan esta subzona de Rías Baixas. Vou conducindo eu diante. Slow driving. No canto de atallar, serpeamos por Sober e as súas parroquias. Ao final a adega neorrománica de Algueira. Os viños. As encostas. Os socalcos. E a empanada de liscos. E o xarrete estufado con mencía. E as anécdotas do viticultor. E os soños que aínda faltan por cumprir. E o merenzao pasando sedoso pola boca. Ese merenzao tímido, antes cepa perseguida coma unha ladrona.

E estariamos ao principio do post, pero en realidade, sería o final.

O final: a auga do Balneario de Augas Santas en Pantón. Un chorro corréndote pola pel lévate o moito pó pegado durante o día. Toca comezar de novo. Entre a auga.

María Fechoría organiza Galicia on the Road, viaxes temáticas ao redor do enoturismo, a paisaxe e a cultura a todas as denominacións galegas; visitas elegantes nas que se coñece o viñedo directamente con algúns dos mellores viticultores de Galicia e se viven fermosas experiencias ao redor do viño, a gastronomía e a hostelería. Calquera pode apuntarse.

4 Comments

  1. Xerardo
    29 / Xuño/ 2011

    Moi parecido a terra da miña aboa Carmen en Arnoia na peneda na confluencia dos rios Arnoia e o Pai Miño na zoa do Inquiao, eles tamen tiñan as vides en terrazas fluviais,m ata que a principios do seculo XX a filoxeira acabou con todo e con todos, Ben unha aperta moi grande pola reportaxe o polo traballo desenrolado nas viñas

  2. Xabres da Teixeira
    29 / Xuño/ 2011

    Métome pouco neste eido dos viños. Pode ser por que me gustan demasiado, ou porque, para seber deles, hai que catar demasiados, e as veces podele pasar a un como ó cura, que, a base de pequenos chupitos, dá positivo diante da GªCivil.
    Benme moi ben este post, para poder falar do que, para min, e o mellor viño da Ribeira Sacra, subzona de Amandi.
    O viño é o CIVIDADE, con viñas no cotarro de Bolmente.
    Según os meu datos, o viticultor e adegueiro,foi dos primeiros en recuperar unha caste en vías de extinción: A ALBARELLO.
    A produción deste viticultor, coido que non rebasa as 20.000 botellas, se é que chega.
    Recomendo a todos aqueles que teñan a oportunidade de catalo, que o fagan. Non creo que ningué se arrepinta.
    Saúdos.

  3. 30 / Xuño/ 2011

    Que grande fin de semana, Manolo!
    Un auténtico pracer tervos a Sole e a ti canda nós, escoitando as moitas historias que xa coñecedes destas paraxes.
    Agardamos tervos de volta no Galicia On The Road moi pronto!
    E algunha outra cousa se nos ocorrerá para compartir aventuras xuntos!

    Moitas gracias por todo.
    Jorge Vila

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará