Os menús como testemuñas históricas

Suso, de desescribir, avísame desta marabilla: What’s on the menu?, un proxecto colaborativo da New York Public Library. Trátase da dixitalización dun espectacular arquivo de menús de restaurantes nos Estados Unidos (ben, de restaurantes, trens, trasatlánticos…) que atesoura esta gran biblioteca. Trátase dunha fonte de información fundamental non só para a historia da gastronomía senón da propia sociedade, e ata agora, por moitos motivos, en diferentes partes do mundo, nunca fora explorada. Como sinala Laura Shapiro na presentación:

For anyone who studies the way people cook and eat, restaurant menus offer an extraordinary range of rich material that few other sources can match. But for obvious logistical reasons, it’s never been possible to explore that huge trove of information in the depth it deserves. This project will open up the menus and all they can tell us about ingredients, dishes and meal structure, about the economics and sociology of eating out, about the very language of food.

O interesante é o proceso. Canda o traballo en tempo real dos documentalistas da New York Public Library, o proxecto busca tamén a colaboración dos usuarios, solicitándolles axuda na transcrición dos documentos. É algo apaixonante, navegar por todos eses pratos demodé de aire francés ou xermánico, un puro retrato do mundo que deixaban atrás os emigrantes que construíron os Estados Unidos, pero tamén das modas do momento. Os usuarios comezan a facer propostas de transcrición que redundan nunha base de datos que fai máis doada a consulta das cartas.

Non puiden menos que lembrar dúas preciosas coleccións de menús de 1918 que se conservan no Museo de Pontevedra. Foran ilustradas con caricaturas por Castelao e pódense ver (malamente) aquí. Nelas, Castelao retrata tanto aos tipos populares polos que é coñecido, como a unha sociedade galante que acudía (tamén en Galicia) a restaurantes, e mesmo incluía aos famosos gastrónomos da época, como vedes na caricatura da dereita a dona Emilia Pardo Bazán. E xa vos digo que hai moitas máis cousas, e que un estudo destes menús históricos en Galicia sorprendería a máis dun e desbotaría uns cantos tópicos.

7 Comments

  1. 8 / Xuño/ 2011

    que chulada! algún movemento deberia recuperar os menús dos balnearios de principios do XX e actualizalos en xornadas gastronómicas de hoxe (ata onde fora posible)

  2. 8 / Xuño/ 2011

    Orjais, ese menú que publicas é marabilloso. O máis fermoso é a precisión na procedencia dos produtos, puro terroir, pura terra. Pero o que aprendín de novo é a división de pans: broa pola mañá, centeo ao xantar, trigo pola noite. Magnífico!

  3. 8 / Xuño/ 2011

    Pois façamo-lo possível, eu ponho gaitas, sanfona e birimbaus. Que bom o da divisão das horas canónicas tomando o pão como sino. Pura poesia.

  4. 8 / Xuño/ 2011

    Nós poñemos o menú do xantar. ;-)

  5. Antón
    9 / Xuño/ 2011

    Como disfutei deste post!!!
    A verdade que o menu que reseña Orjais é unha testemuña histórica de moito nabo!!:)
    As “observaciós” sonche caralludas!! aínda me estou a rir! “non se espera os nugallaos”, “(…) porcurarase non barallar nin lapotear”… lémbran ó Klondike Londoniano ou o Cape Cod de Melville. Claro que toda precaución é pouca nunha festa de farrucas e farrucos!
    Daquela diran que os galegos non falamos claro!

    P.D.: apóntome ó “remake” gastronómico aínda que sexa eu medio nugallao e teña que deita-la miña moca “farruca” na porta :)
    saúdos

  6. 9 / Xuño/ 2011

    A verdade, señores, é que a cousa dos menús históricos é unha marabilla. Teño lido moitos números desa Vida Gallega dos anos 10 e 20 e era unha risa e un pracer ver as paparotas dos nosos esgrevios petrucios intelectuais. O que me imaxino eran eses momentos de coñac, puro e discursos interminables ata que se acaba o sol, prendíanse os candís e volta comezar. Como unha voda contemporánea galega, vaia. :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará