Os vellos camiños de Esteiro a través do Photosynth

Estas dúas localizacións en Esteiro que percorrín hoxe da man de Elixio Vieites válenme para experimentar coa aplicación de Photosynth para iPhone (grazas, Roberto!), en contextos difíciles. Vale que facer panorámicas 360º de prazas é doado, pero o que xa resulta máis complexo é experimentar en contextos tan complexos en termos de información visual como estas corredoiras galegas. En todo caso, aquí van:

Se non o vedes, é que precisades o plugin de Microsoft ao respecto. Seguinde as instrucións que vos indican os recadros. Lembrade que tamén as podedes ver a pantalla completa!

A miña valoración: aínda que precisa aprender mellor a equilibrar os contrastes de cor e de luz, a aplicación de Photosynth é espectacular para obter panorámicas completas en moi pouco tempo e cun teléfono móbil. Empregarémolo para explicarvos visualmente moitas cousas en Capítulo Cero. :-)

4 Comments

  1. 30 / Maio/ 2011

    O Huguin que comentas nin ten unha aplicación para móbiles nin permite incrustar reprodutores directamente no web, con rapidez, xusto o que permite que esteades a ver estas panorámicas que se suben in situ desde os camiños, mentres vou camiñando, e non se perde tempo de edición. Para outro tipo de aplicacións, emprego outros que me gustan moito, pero para as fotos de campaña de Capítulo Cero, quédome co Photosynth sen dúbida. :-)

  2. 2 / Xuño/ 2011

    O concepto do Photosynth é interesante, pola inmediatez, a automatización a facilidade de incrustar nunha páxina web unha visión “esférica” dun espazo. Que eu saiba, é a primeira vez que tal cousa se pode facer de xeito “automáxico”. E o Hugin nin fai agora isto nin probablemente o faga nunca.
    Pero a dependencia do plugin Silverlight de Microsoft é condición excluínte para min e para outros usuarios da web, pois non existe versión para Linux. Isto non é o pior do asunto, sempre podemos instalar Windows nunha máquina virtual, ou reiniciar o ordenador con outro sistema operativo, ou usar outro computador … non é nada cómodo, pero podemos facelo. Parte da túa audiencia non pode desfrutar de xeito directo destas imaxes.
    A situación semella a que expós neste post sobre unha internet pechada. Daquela pensaba que estabas valorando as redes sociais desde un punto de vista un tanto integrista, pero un ano despois, opino coma ti. As veces boto man desa idea para explicar como estamos construíndo unha internet privada e pechada ao público. Outra vez (e van tantas!),magago foi o primeiro en contarnos algo importante.
    O asunto radica en que Silverlight é software pechado e propietario, licenciado só por Microsoft. Sae ao mercado para sacarlle mercado a outro producto tamén pechado e propietario, que funciona como “estándar de facto” na internet: Adobe Flash. Ambos requiren de sendos “plugins” que se instalan no navegador, pero ambos plugins non existen para todos os sistemas operativos, nin para todos os dispositivos: móbiles, tabletas, televisores, etc. Polo de agora, Adobe Flash funciona en maior número de plataformas.
    Adobe Flash e Silverlight serán superados nun futuro inmediato cando o HTML4 sexa substituído por HTML5, que está amosando xa hoxe unhas prestacións técnicas extraordinarias. Ambos son estándares abertos, públicos, multiplataforma e non requiren de plugins, co cual son os nosos navegadores os encargados de procesar toda a información. Polo que teño visto, intúo que ferramentas como Photosynth serán posibles en HTML5.
    Non pretendo frear o teu entusiasmo, nin que deixes de experimentar con esta ou outras tecnoloxías, senón transmitirche que a pesar das súas ventaxas, Silverlight non é un producto inocente. Contribúe a unha internet pechada e patentada, só para clientes da marca.
    Por último, un extracto do artigo da Wikipedia sobre Silverlight “existe certa preocupación de que con Silverlight Microsoft trata de introducir contido na rede ao que só se podería acceder desde a plataforma Windows. Argumentan que o uso de XAML en Silverlight se coloca para reemplazar ao estándar HTML que é multi-plataforma. Efectivamente, se Silverlight chega a ser usado de forma ampla por moita xente, existe o risco de que os usuarios teñan que mercar productos de Microsoft para poder acceder ao contido de internet.”

  3. 2 / Xuño/ 2011

    Minhato, magnífico texto e argumentación; se cadra o que comentas sobre a relación Silverlight-Flash é bastante acaída. Eu, que levo traballando en contidos para a rede desde antes da existencia do Flash, sei do calvario que era producir un contido audiovisual para a rede. Neste sentido, bendito Flash. Agora, por sorte, con HTML5, o límite do privativo está vencido en vídeo, pero se cadra fixo falta que previamente existira Flash para que todas as empresas con intereses en multimedia decidiran renunciar ao combate por un estándar propio. Teño a percepción de que con Silverlight pasará o mesmo: como ti ben dis, nada por agora fai o mesmo que esta tecnoloxía. Tecnoloxía que, ademáis, moitos usuarios de Capítulo Cero empregan porque son ávidos consumidores de SIXPAC ;-). Confío en que nun futuro inmediato, teremos algunha boa tecnoloxía en HTML5 que nos permita facer o mesmo. Entrementres, paréceme unha mágoa non poder empregar este formato para narrativas interactivas, sempre de xeito complementario con outros medios coma o vídeo, a fotografía, o texto ou outros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará