A Cociña Galega con Cunqueiro: 10.000 libros e pratos en homenaxe ao noso gran escritor

Last updated on 26 / Maio/ 2011

A gastronomía é un compoñente básico da cultura e da identidade de Galicia e un dos elementos polos que máis se identifica a Galicia no exterior. Debémoslle parte desa sona, da idea dunha ‘gastronomía galega’, a Don Álvaro Cunqueiro, un dos escritores máis senlleiros de Galicia e, sen dúbida, un dos grandes cumios literarios do noso país. 2011 é o centenario do seu nacemento, e o Consello da Cultura Galega está realizando numerosas actividades para difundir a súa obra.

Cunqueiro é o autor das páxinas máis brillantes sobre a gastronomía galega; a nosa visión sobre o acervo tradicional de pratos, produtos e viños non se pode comprender sen a súa visión lúcida e enciclopédica. Aínda hoxe, seguimos citando a Cunqueiro como a referencia básica para definir aos produtos mantra do país, desde o albariño ata a lamprea, desde o pan ata as carnes de caza. Cunqueiro merecía unha homenaxe da gastronomía galega, unha homenaxe que fose máis alá dun acto testemuñal nun salón de actos. Merecía que en toda Galicia, os cociñeiros cociñaran e os clientes probaran os pratos que Álvaro Cunqueiro amou: pratos que son partes dunha riquísima e ancestral tradición gastronómica de Galicia. Esa é a mellor homenaxe.

10.000 libros, 10.000 pratos!


Cuberta de Na mesa con Cunqueiro

Seguindo o ronsel doutras brillantes iniciativas de difusión cultural, coma os Relatos do Castromil (nos que se distribuían pequenas edicións de relatos na rede de autobuses desa empresa), o Consello da Cultura Galega está a colaborar cos restaurantes de Galicia para facer isto posible a partir do vindeiro mércores 25 de maio, día no que se inicia a campaña A Cociña Galega con Cunqueiro. Grazas ao apoio das Asociacións de Restaurantes de Galicia: Amigos da Cociña Galega, Galicia Gourmand, Grupo Nove, Grupo Lareira e Xantares e a colaboración das Denominacións de Orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra e Estrella Galicia. Por primeira vez, cociñeiros tradicionais, cociñeiros contemporáneos, cociñeiros de moitos estilos diferentes, únense para facer realidade este proxecto cultural. Distribuír 10.000 libros de Cunqueiro, cociñar 10.000 pratos inspirados no acervo gastronómico tradicional galego. Reivindicar gastronomía e literatura, dous compoñentes esenciais da cultura de Galicia.

Nesta primeira campaña A Cociña Galega con Cunqueiro, ata 50 restaurantes de Galicia cociñarán pratos queridos polo escritor, procedentes do acervo da nosa gastronomía tradicional, dentro da campaña A Cociña Galega con Cunqueiro. Aqueles clientes que os consuman serán agasallados cunha pequena pero moi sustanciosa antoloxía das mellores pasaxes gastronómicas da literatura de Cunqueiro. Foi o especialista no Cunqueiro gastrónomico Miguel Vila o encargado de elaborar este pequeno volume que recolle a un Don Álvaro divertido, ilustrado, preciso e imaxinativo na súa relación coa gastronomía. A tiraxe, de 10.000 exemplares, permitirá achegar a obra gastronómica cunqueiriana -moi dispersa- aos lectores galegos pero tamén a moitos visitantes que teñen nos restaurantes de Galicia un importante punto de contacto coa nosa cultura -e, ás veces, o único.

Es un restaurante e queres participar?

Por suposto que ti tamén podes participar nesta gran homenaxe a Cunqueiro. Nestes momentos xa están adscritos á campaña numerosos restaurantes de todo o país, desde cociña contemporánea con estrelas Michelín ata restaurantes ‘ilustrados’ e tradicionais de cidades e vilas por toda Galicia. Podes consultar a lista na páxina oficial de A Cociña Galega con Cunqueiro.

Nesta primeira campaña A Cociña Galega con Cunqueiro poden participar ata un máximo de 50 restaurantes de cociña galega, en calquera dos seus estilos, tanto tradicional como contemporáneo. Os establecementos interesados poden escribir ao responsable da campaña no Consello da Cultura Galega, Manuel Gago (director@culturagalega.org) ou ben chamar por teléfono: 981957219 (luns a venres, de 09 a 15 h.). As admisións realizaranse en rigorosa orde de inscrición.

Os restaurantes comprométense a servir pratos da gastronomía cunqueiriana, na súa versión tradicional ou na interpretación que consideren máis acaída para o seu estilo e a obsequiar cun libro aos clientes que soliciten ese prato. Pola súa banda, o CCG proporciona aos restaurantes o material promocional, a documentación das receitas e os libros para os clientes. A campaña debe iniciarse en xuño pero recomendamos aos restaurantes que a manteñan ata que finalicen as existencias de libros.

Aquí podes consultar máis información. E tamén tes o Facebook da campaña!

2 Comments

  1. Xosé A. López Silva
    25 / Maio/ 2011

    Paréceme unha iniciativa espléndida. Estou desexando probala!! Un saúdo dende Compostela!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará