Saber o que temos

Last updated on 21 / Maio/ 2011

Lembrareino toda a vida. Un domingo pola tarde, que é cando nas aldeas se van buscar fincas perdidas, todos os familiares detrás dos vellos á busca de marcos comestos polas xestas, a herba ou os toxos. O vello vai diante, dubida, leva un fouciño: os patriarcas e as matriarcas en Galicia sempre levan esa arma de domesticación da terra. Co foucillo e co pe vai abrindo pedras, ata localizar manchas tintadas, pedras demasiado lonxitudinais para seren naturais: velaí están os marcos míticos. Sobre a terra indomesticada, o home atopa os rastros de si mesmo, os leigados da súa familia, debuxados na terra: cuncas, ferrados transmitidos; un capital que non só é físico, senón tamén simbólico. Que se faga os domingos pola tarde, cando os urbanitas regresan á aldea, que se recuperen os marcos das fincas é case un ritual que o di todo en si mesmo. A noción de que somos tamén iso, de que a familia tamén se compón deses anacos de terra chegados a partir de mil peripecias familiares, facía ver de novo a familia, máis ancha, máis complexa, máis rica -non tanto no sentido económico, senón como algo que proviña de moi lonxe. Esa cartografía do minifundismo é parte de todos nós, propietarios inconscientes de fragmentos dunha nada comesta polos toxos que, por arte de maxia, os domingos se reintegra á familia, aínda que só sexa ata o seguinte esquecemento xeneracional.

Hai unhas semanas, un grupo de xente decidimos recoller moitas sensibilidades que se pronunciaban en voz alta, en xuntanzas físicas, en encontros, ou no Grupo de Facebook orientado a crear unha Mesa polo Patrimonio Cultural de Galicia. Lanzamos patrimoniogalego.net, un Catálogo Social do Patrimonio Cultural de Galicia, orientado a saber que é o que temos, en que consiste, como se atopa, o inmenso patrimonio cultural deste país, un dos máis extensos e intensos do continente. Porque ese patrimonio nos preocupa, porque non existe unha ferramenta que permita xestionalo, controlalo, saber o seu estado de xeito global: a ferramenta vainos permitir facer visibles agresións en territorios que moitas veces non aparecen nos medios de ámbito galego, saber como están de coidados e visibilizados os nosos bens. Este é un pequeno paso de cidadáns que pensan no patrimonio cultural non só como un leigado dos seus devanceiros, senón como un intrumento de vertebración social e de xeración económica. Cada cidadán poderá escribir, conectar, poñer a disposición pública e conxunta un montón de información, a maior parte das veces xa publicada, diseminada, dispersa, perdida.

A partir de hoxe, patrimoniogalego.net permite que todos nos poidamos rexistrar como catalogadores e comezar o traballo. Aquí podes rexistrarte.

En certo xeito, o noso traballo ten case o mesmo destino que o desas reunións familiares de domingo, fouciño en man, buscando cortiñas no medio das ladeiras dos outeiros do país. Saber o que temos, saber como o temos. A ver se por fin atopamos todos os marcos da familia. :-)

4 Comments

  1. 20 / Maio/ 2011

    “O vello vai diante, dubida, leva un fouciño: os patriarcas e as matriarcas en Galicia sempre levan esa arma de domesticación da terra”.
    Non sei se haverá melhor descriçom para o trabalho que tem por diante patrimoniogalego.net…

  2. 20 / Maio/ 2011

    O artigo está moi ben escrito, pero sobre todo a iniciativa paréceme “fantabulosa” e agardo poder colaborar con ela con algunha contribución en canto teña un pouco de tempo.

  3. candepalleiro
    20 / Maio/ 2011

    tentarei tamén botar unha man catalogando todos maravillosos lugares que teño visitado en Galicia…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará